Batz
O batz (plural batzen) foi unha moeda, inicialmente de prata e posteriormente de billón, aparecida no cantón suízo de Berna no século XV co valor de dous grosos ou catro kreuzer e que se mantivo vixente en diversos territorios suízos, do sur de Alemaña e do norte de Italia ata mediados do século XIX cando, no sistema decimal de Suíza, equivalía a dez rappen ou a décima parte dun franco.[1][2][3][4][5][6]
Orixe do nome
[editar | editar a fonte]A etimoloxía de "batz" parece estar no alto alemán Bätz, que en alemán moderno pasou a Bär, co significado de "oso". De feito, a imaxe dun oso heráldico é recorrente nestas moedas, á parte de formar parte do escudo de Berna.[7][1][8]
Historia
[editar | editar a fonte]Orixe e expansión
[editar | editar a fonte]A finais do século XV, Berna e Soleura levaron a cabo unha reforma monetaria, no contexto da cal Berna creou, arredor de 1492, unha nova moeda con valor de catro kreuzer que debía servir para ocupar o espazo intermedio entre os valores máis pequenos do sistema e os máis grandes, como o tálero. Esta nova moeda tomou inicialmente o nome de rollbatz, simplificado de camiño a batz.[2]
Os batzen estendéronse a finais do século XV pola Suíza occidental (Berna, Soleura, Friburgo...), polos estados do sur de Alemaña e polo norte de Italia. Tal difusión chegou a provocar mesmo cuñaxes inflacionistas (sobre todo en Italia), cara ás que se produciu un fenómeno de rexeitamento na rexión en torno a Berna.[2]
A partir do século XVII os batzen foron cuñados soamente en billón, aínda que coa aparición de múltiplos e fraccións desta moeda varios dos seus múltiplos se emitiron en prata.[2]
As tiraxes de batzen chegaron a ser moi numerosas e, por mor da súa rápida extensión xeográfica, responderon a padróns monetarios moi diferentes, en tanto que a proporción de prata na súa aliaxe ía minguando gradualmente. Como resultado deste proceso, a súa circulación foi prohibida polas cidades do sur de Alemaña (ca. 1535).[2] Con todo, nesta rexión, en 1559 foi introducida en Augsburgo unha moeda co valor de medio batz que estendeu a súa vida ata o século XVII e da que se produciron grandes cantidades.
A tipoloxía máis habitual dos batzen de Suíza caracterizouse pola presenza nos seus reversos dunha cruz cos seus brazos rematados en flores de lis, e o escudo cantonal nos anversos. Nas emisións correspondentes ao sur de Alemaña, no entanto, era máis común a representación dunha aguia heráldica.
Na República Helvética
[editar | editar a fonte]Coa República Helvética (1798-1803) introduciuse o sistema decimal na moeda, de maneira que se estableceu como unidade o franco, dividido en 10 batzen e estes, pola súa vez, en 10 rappen.[2]
Despois da República Helvética, os batzen foron cuñados por todos os cantóns daquela existentes, coas excepcións de Appenzell Interior, Xenebra, Glarus, Tesino e Zug.
O Concordato de 1825
[editar | editar a fonte]O 17 de abril de 1825, algúns cantóns (Aargau, Basilea, Berna, Friburgo, Soleura, Vaud) asinaron un acordo ("Concordato") para estandarizaren a tipoloxía e o valor das súas moedas. Este acordo prevía a emisión de moedas coas seguintes denominacións: 2½ rappen (= 1 kreuzer = 1/4 batz), 5 rappen (½ batz), 1 batz, 2½ batzen e 5 batzen. As moedas, emitidas a partir de 1826, tiñan no reverso unha cruz coa letra "C" no centro e a inscrición DIE CONCORDIER[ENDEN] CANTONE DER SCHWEIZ ("Os cantóns concordantes de Suíza). No caso de Vaud, a lenda era en francés (LES CANTONS CONCORDANTS DE LA SUISSE) e no anverso amósase o propio escudo do cantón.[9][10]
A reforma monetaria de 1850 supuxo a desaparición definitiva do batz, aínda que esta denominación segue a aplicárselle popularmente en Suíza ás moedas de 10 céntimos de franco.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Amandry, M. (2006). Páxina 55.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "Batz". En Dictionnaire Historique de la Suisse.
- ↑ "Batzen". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
- ↑ "Batz". En Schweizerisches Idiotikon. Wörterbuch der schweizerdeutschen sprache. Tomo V. Frauenfeld. 1909. Columnas 1.964-1.976.
- ↑ "Batzen". En Deutsches Rechtswörterbuch.
- ↑ Geiger, H. U. (1972).
- ↑ Seguin, F. (1852). Páxina 148.
- ↑ "Baciones Arquivado 27 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". En Du Cange et al. (1883-1887). Glossarium mediæ et infimæ latinitatis. L. Favre. Niort.
- ↑ "Monnaies Cantonales: Monnaies concordat". En www.schweizer-geld.ch
- ↑ "Alliances et concordats monétaires". En Dictionnaire Historique de la Suisse.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Batz |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Amandry, M. (2006). Dictionnaire de numismatique. Larousse. París. ISBN 2035833108
- Geiger, H. U. (1972). "Entstehung und Ausbreitung des Batzens". En Revue suisse de numismatique. 51. Schweizerische Numismatische Gesellschaft. Páxinas 145-154.
- Seguin, F. (1852). "Monnaies du Canton de Vaud". En Mémoires de la société impériale d'archéologie. Vol. 4. Société d'archéologie et de numismatique. San Petersburgo. Páxinas 141-148.