Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

BlaBlaCar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Logo de BlaBlaCar.

Blablacar é un servizo francés de vehículo compartido que fai posible que as persoas que queren desprazarse ao mesmo lugar ao mesmo momento se organicen para viaxar xuntos. Permite compartir os gastos da viaxe (combustible e peaxes) e tamén evitar a emisión extra de gases de efecto invernadoiro, ao permitir unha maior eficiencia enerxética no uso de cada vehículo.

Con máis de 35 millóns de usuarios en 2017, BlaBlaCar é líder mundial do vehículo compartido.[1]

A idea de BlaBlaCar naceu no Nadal de 2003 cando o seu fundador, Frédéric Mazzella, se atopou con que non quedaban billetes de tren para volver á súa casa. Buscando unha alternativa, conseguiu que a súa irmá o recollera e durante o traxecto decatouse de que case todos os coches ían baleiros e pensou na posibilidade de crear unha rede social que puxese en contacto a condutores con asentos libres e pasaxeiros que precisasen realizar o mesmo traxecto.[2]

En 2006 Frédéric Mazzella compra o dominio Covoiturage.fr e funda a sociedade anónima Comuto, que se converterá na sociedade editora de todos as páxinas web da rede Covoiturage.

En agosto de 2008, Comuto lanza a versión web 2.0 comunitaria de Covoiturage.fr, que engade un sistema de avisos, retratos, biografías, e se sitúa como unha combinación entre unha web de viaxes e unha web social. No seguinte mes xa era a web de vehículo compartido máis empregada en Francia.

En 2009 chega a versión española da web, baixo o nome Comuto.es, que en 2012 se converterá en BlaBlaCar.es, e en 2011 Comuto continúa a súa expansión europea no Reino Unido.

A fins de 2009 sae a aplicación móbil para iPhone e en febreiro de 2010 a aplicación para Android. En xuño de 2012 lanza o servizo de reserva online: os pasaxeiros compran a súa viaxe online e a web ingresa o diñeiro ao condutor tras o traxecto. Deste xeito trata de reforzar a fiabilidade da práctica do vehículo compartido aumentando a confianza entre condutores e pasaxeiros. O servizo de reserva online tamén lle permite por en práctica o seu modelo económico final e obter ingresos das transaccións realizadas entre condutor e pasaxeiros.

Antes de que remate 2012 Comuto lanza BlaBlaCar en Italia, Portugal, Polonia, Países Baixos, Luxemburgo e Bélxica e en 2013 en Alemaña. Covoiturage.fr convértese entón en BlaBlaCar, para uniformar toda a rede, nome destaca os aspectos de socialización que ten lugar durante o traxecto. A finais de 2013 BlaBlaCar afirma que conta con 5 millóns de membros e que transporta 1 millón de persoas mensualmente, nun total de 10 países.

En xaneiro de 2014 implántase en Ucraína e Rusia. En 2015 chega á India e compra aos seus competidores Carpooling (Alemaña) e Autohop (Hungría, Romanía e os Balcáns), así como a start-up Rides (México). Conta xa con 290 empregados e 20 millóns de usuarios en 19 países de 3 continentes. Nese ano firma un acordo coa sociedade AXA para asegurar aos seus usuarios durante os desprazamentos.

En setembro de 2016, BlaBlaCar alcanzou os 3 millóns de usuarios en España e os 35 millóns nos 22 países nos que opera.

Entre as últimas novidades que incorporou están o seu plan de arrendamento de vehículos a baixo prezo para os usuarios máis activos (dispoñible por agora só en Francia) e o lanzamento da aplicación Blablalines, pensada para compartir traxectos curtos diarios como o desprazamento ao traballo.[3] 

Procedemento

[editar | editar a fonte]

BlaBlaCar forma parte do que se denomina economía colaborativa na súa modalidade de mobilidade sostible. O portal permite buscar as viaxes publicadas sen un rexistro previo. Atopada a viaxe, para reservar precísase realizar un rexistro, que é gratuíto e que dota ao usuario de ferramentas para informar sobre as súas preferencias de viaxe.

As persoas que desexan atopar un coche que comparta a viaxe e os gastos, e aqueles que dispoñan dun vehículo para compartir, deben rexistrarse. Tanto o procedemento de rexistro como os demais procesos realízanse en liña mediante o uso de aplicacións para ordenador e teléfono intelixente.

A interacción entre as persoas que viaxan por España é gratuíta (mediante mensaxes privadas e públicas para acordar os detalles da viaxe antes de confirmar) pero desde mediados do 2014 as confirmacións das viaxes fanse a través do pago en liña. Con este sistema de reserva anticipada os usuarios poden asegurar a súa praza e aumenta o compromiso entre as partes, á vez que a empresa cobra unha porcentaxe variable de cada transacción en concepto de gastos de xestión, que calcula en función da achega fixada polo condutor.

En España, en 2017, a comisión pagada por pasaxeiro por cada viaxe compartida, sitúase arredor do 20% sobre o prezo publicado polo condutor, estando o condutor exento de pagar ningunha comisión pola publicación da súa viaxe. Recentemente BlaBlaCar eliminou o sistema de códigos (o pasaxeiro recibía un código que debía enviar ao condutor ao final da viaxe, para que este recibise o pago).[4]

Seguridade e fiabilidade

[editar | editar a fonte]

A rede social, que ten dous millóns de usuarios mensuais, baséase na confianza, pois os rexistros de datos son fiables e están certificados, e os usuarios publican opinións, tanto dos condutores como dos pasaxeiros, sabéndose de antemán con quen se vai a viaxar. Trala viaxe cada usuario recibe unha valoración positiva ou negativa nunha escala do 1 ao 5. O 96 % das opinións son positivas.[5]

As persoas que abusaron do prezo, a ocupación ou calquera outra circunstancia negativa que vaia en contra das condicións xerais de uso, son expulsados pola propia plataforma.

Ante calquera imprevisto, a rede social permite a cancelación da viaxe antes de 24 horas, tanto por parte do condutor, como dos que reservaron unha praza, mediante a devolución íntegra das cantidades a compartir e dos gastos de xestión.

Se o pasaxeiro cancela a súa reserva logo das 24 horas previas á hora prevista de saída da viaxe, reembólsaselle unha porcentaxe do importe da viaxe (sen contar a comisión), que varía en función do tempo que reste para dita saída, e nunca a comisión por gastos de xestión.

Eficiencia enerxética

[editar | editar a fonte]

A web permite calcular, en función da quilometraxe e a ocupación do vehículo, a cantidade de gases de efecto invernadoiro que se deixan de emitir, permitindo a cada persoa coñecer a pegada ecolóxica da súa viaxe.

A rede social permitiu unha maior eficiencia enerxética dos autos que viaxan, pois aumentou a ocupación, sendo en Europa a ocupación media de 1.7 persoas por vehículo, e mediante o coche compartido de BlaBlaCar, a ocupación media é de 2,8 persoas por vehículo. Iso permitiu o aforro de 700.000 toneladas de CO2 ata xaneiro de 2014, segundo os cálculos da empresa.

Lexislación

[editar | editar a fonte]

Ao tratarse de vehículos privados, nos que se comparten os gastos variables da viaxe, non hai remuneración ao condutor, seguíndose a Lei 17/1987 de Ordenación dos transportes terrestres[6], que prohibe a remuneración do transporte en vehículos privados, non existindo ningún tipo de competencia desleal nin parecido respecto de plataformas como Uber, que si que permite o uso de vehículos privados sen licenza en forma de taxis ilegais.

Promotores

[editar | editar a fonte]

O físico e experto en computación Frédéric Mazzella comezou co proxecto en Francia. A idea xurdiu cando durante o Nadal de 2008, ao esgotarse os billetes de tren, tivo que facer unha longa viaxe en solitario até a súa casa, ideando entón a posibilidade de viaxar con máis persoas para compartir gastos e conversación. O fundador e desenvolvedor da rede social en España é Vincent Rosso, enxeñeiro industrial e experto en Tics.[7]

  1. "“BlaBlaCar alcanza los 3 millones de usuarios en España”.". Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2016. Consultado o setembro, 2016. 
  2. "“Así se creó BlaBlaCar , el coche compartido por 35 millones de usuarios”. El País". Arquivado dende o orixinal o 22 de xuño de 2017. Consultado o 4 de novembro, 2016. 
  3. "“BlaBlaCar lanza una aplicación para compartir trayectos cortos”.". Expansión. Consultado o 2 de maio de 2017. 
  4. "“BlaBlaCar se despide de sus códigos de reserva, por fin”". Hipertextual. Consultado o 25 de abril, 2017. 
  5. "“¿Por qué´confiamos en un extraño y no en un amigo?”". 20minutos. Consultado o 2 de xaneiro 2017. 
  6. "Boletín Oficial del Estado." (PDF). 
  7. Vincent Rosso, director de BlaBlaCar: “Al final es el consumidor el que decide” El diario.es (11 de xuño, 2014)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]