Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Cuadrante (moeda)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cuadrante do sistema do aes grave (ca. 275 a. C.), coa imaxe dun xabaril e os tres puntos como marca de valor, tanto no anverso como no reverso. Peso: 80,18 g.

O cuadrante (en latín quadrans, "un cuarto", ou teruncius, "tres onzas"), foi unha moeda romana de bronce de escaso valor, correspondente á cuarta parte dun ás ou tres onzas (unciae).[1][2][3]

Na República

[editar | editar a fonte]
Cuadrante do sistema do aes grave (ca. 230 a. C.). Anverso: cabeza de Hércules con pel de león; tres puntos. Reverso: proa de navío.
Cuadrante fundido en Roma ca. 230, do sistema do aes grave, que amosa a palma dunha man e os cartacterísticos tres puntos do valor en ambas as faces. Peso: 63, 19 g.

O cuadrante foi emitiuse desde os primeiros tempos das emisións de moeda de bronce fundido, durante a República Romana, baixo o sistema uncial. Eses primeiros cuadrantes exhibían entre os seus motivos tres puntos que representaban as tres onzas, a modo de marca de valor.

Logo dunha época de indefinición dos motivos (mans, xabarís, grans de trigo, imaxes relixiosas etc.), chegou a establecerse como regular nestas moedas a figura de Hércules nos seus anversos, en tanto que os seus reversos representaban unha característica proa de navío. Este motivo converteuse en habitual en todas as emisións de bronce da República.

Os cuadrantes de época republicana, á parte de seren fabricados na cidade de Roma, emitíronse tamén noutras cidades da Italia central, utilizando sempre o sistema de fundición e non de cuñaxe.[4]

Despois de ca. 90 a.C., cando a moeda de bronce foi reducida en peso co padrón semuncial, o quadrante converteuse na moeda de máis baixo valor das emitidas en Roma.[5]

No Imperio

[editar | editar a fonte]
Cuadrante do emperador Augusto, cuñado en Roma o ano 5 a. C. Anverso: IIIVIR AAAFF[6]; altar. Reverso: P BETILIENVS BASSVS; no medio SC (Senatus Consulto)

Xa en tempos do Imperio, a súa produción foi moi esporádica ata o reinado de Antonino Pío (138-161), en que cesou definitivamente. Ao contrario doutras moedas imperiais, os cuadrantes case nunca amosaron a imaxe do emperador, feito que dificulta a datación destas emisións, e os seus motivos foron moi variados durante esta época. Abandonaron os puntos que indicaban o seu valor e pasaron a ser cuñados en cobre (coa excepción dalgún cuadrante de Nerón en latón). O seu peso medio era de en torno aos 2,8 gramos.[7][8]

Nesta época imperial, a cuñaxe de cuadrantes, igual que o resto das emisións de bronce, era competencia do Senato, motivo polo cal amosaban xeralmente nos seus reversos as iniciais SC (Senatus Consulto, "por decisión do Senado).[9]

A palabra grega para o cuadrante era κοδράντης (kodrantes). No Novo Testamento, no Evanxeo de Marcos, cando unha pobre viúva deu dous lepta (λεπτα) ao tesouro do templo, indícase que esa cantidade era equivalente a un cuadrante.[10]

  1. "Cuadrante (2) Arquivado 12 de xuño de 2018 en Wayback Machine.". En Digalego. Dicionario de Galego. Ed. Ir Indo. 2004.
  2. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Cuadrante".
  3. "Quadrans". En Encyclopedie Methodique. Tomo 5º. París. 1793. Páxina 190.
  4. "Quadrans". En Vagi, D. L. Coinage and History of the Roman Empire. Vol I-II: coinage. Taylor & Francis Group. 2001. ISBN 978-1579583163
  5. "Quadrans". En Roman bronze coins. www.monete-romane.com
  6. "Les triunviri AAAFF". En Les quadrants du debut de l'Empire. En www.forumfw.com
  7. "Quadrans". En Forum Ancient Coins.
  8. "Quadrans". En Online Coins of the Roman Empire.
  9. "Senatus Consulto". En Forum Ancient Coins.
  10. Evanxeo de Marcos. 12:42 (na versión en galego aparece traducido como "uns céntimos").

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]