Dólar canadense
O dólar canadense (en inglés: Canadian dollar, en francés: dollar canadien; no uso habitual, simplemente dollar) é a unidade monetaria oficial do Canadá. Subdívidese en 100 cents (céntimos). O seu código ISO 4217 é CAD. O dólar estivo en vigor durante gran parte da historia do Canadá.
Historia
[editar | editar a fonte]O Canadá decidiu usar o dólar en lugar da libra esterlina británica por mor da difusión do chamado dólar español ou peso en Norteamérica durante o século XVIII e principios do XIX, e por mor da xeneralización do dólar estadounidense. A rexión que corresponde ao actual Quebec, en particular, favoreceu o uso do dólar (o Banco de Montreal emitiu billetes de dólares en 1817), mentres que as colonias atlánticas, que tiñan uns vínculos máis fortes con Gran Bretaña, non eran tan partidarias. As provincias do Canadá declararon que todas as contas faríanse en dólares o 1 de xaneiro de 1858, e ordenaron a emisión dos primeiros dólares canadenses oficiais ese mesmo ano. As colonias, que ao cabo de pouco tempo uniríanse na Confederación Canadense, adoptaron progresivamente un sistema decimal nos anos seguintes.
Finalmente, o goberno aprobou a Uniform Currency Act (lei de unificación monetaria) en abril de 1871, que substituía as moedas das diversas provincias por un dólar canadense común a todas. O patrón ouro foi abolido definitivamente o 10 de abril de 1933.
A moeda canadense
[editar | editar a fonte]Os canadenses usan moedas e billetes cunha denominación similar á dos Estados Unidos. De feito, historicamente, os tamaños das moedas inferiores a 50 cents son case idénticos aos das moedas norteamericanas, debido ao feito de que os dous países usaban o dólar español como base (a pequena diferenza de tamaño nos valores de 10 e 25 cents —as moedas canadenses son un pouco máis pequenas que as estadounidenses— débese a que antigamente as moedas canadenses acuñábanse en prata de 92,5 p. 100 de pureza, e as estadounidenses en prata de 90,0 p. 100).
As moedas canadenses (de 1, 5, 10, 25 e 50 cents e 1 e 2 dólares) son emitidas pola Real Casa da Moeda Canadense (Royal Canadian Mint, Monnaie Royale Canadienne) e acúñanse en Winnipeg. Os billetes (de 5, 10, 20, 50, 100 e 1.000 dólares) emíteos o Banco do Canadá (Bank of Canada, Banque du Canada) e prodúcense na Canadian Bank Note Company, en Otava. Tanto as moedas como os billetes levan as inscricións nas dúas linguas oficiais do Canadá: o inglés e o francés.
As moedas de 1$ coloquialmente chámanse loonies, do nome inglés (common loon) de movella grande (un paxaro acuático de nome científico Gavia immer) que figura no reverso, e este nome úsase a miúdo para referirse tamén á unidade monetaria en xeral; en francés din dollar huard co mesmo sentido, ou tradicionalmente piastre. As moedas de 2$, onde figura un oso polar, por analoxía chámanse twonies (ou toonies).
Taxas de cambio
[editar | editar a fonte]- 1.00 USD = 0.980500 CAD
- 1.00 EUR = 1.38781 CAD
- 1.00 GBP = 2.00356 CAD
- 1.00 MXN = 0.0903062 CAD
(Actualización: 2007/10/07 18:14:14 UTC)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Dólar canadense - Imaxes dos Billetes Canadenses (en inglés, francés e alemán)
- Banco do Canadá — billetes (en inglés e francés)