Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Dinastía Xin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaDinastía Xin
新朝

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata
CapitalChang'an
Xeografía
Parte de
Datos históricos
Precedido por
FundadorWang Mang Editar o valor en Wikidata
Creación9 Editar o valor en Wikidata
Disolución23 Editar o valor en Wikidata
Sucedido porHan do leste Editar o valor en Wikidata
MoedaXin Dynasty coinage (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

A dinastía Xin (chinés tradicional e simplificado: 新朝; pinyin: Xīn cháo; Wade-Giles: Hsin1-ch'ao2), tamén coñecida como Xin Mang 新莽 na historiografía chinesa, foi unha breve dinastía imperial fundada no 9 e derrocada no 23. Foi establecida por Wang Mang, quen usurpou o trono do emperador Ping da dinastía Han e do seu fillo, o príncipe Liu Ying. A dinastía Xin gobernou durante máis dunha década até caer a causa das revoltas. Tras a morte de Wang Mang, a dinastía Han foi restaurada por Liu Xiu, un descendente do emperador Jing. Xa que logo, este período adoita ser considerado un interregno da dinastía Han, que divide esta era nas dinastías Han do Oeste e Han do Leste.[1]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

As dinastías chinesas adoitan nomearse en función do reino ou feudo dos seus fundadores; a dinastía Xin segue esta tradición, xa que Wang Mang foi marqués de Xin. No 1950, C. B. Sargent suxeriu que xin podería interpretarse tamén segundo o sentido literal do carácter, que significa "novo"; porén, o sinólogo holandés J. J. L. Duyvendak rexeitou esta lectura. Chauncey S. Goodrich, pola súa banda, argumentou que é posible facer unha lectura semántica do nome xin, mais co sentido de "renovado" ou "renovación".[2]

Tras o pasamento do emperador Wu dos Han, a familia imperial viuse afectada polas crecentes tensións internas, que contribuíron ao seu declive.[3] Pola contra, o clan Wang aumentou considerablemente o seu poder durante o reinado do emperador Cheng, polo que o seu líder, Wang Mang, logrou influenciar como rexente a varios novos emperadores.[3][4] Porén, a diferenza doutros membros da súa familia, non se contentou con exercer o goberno do imperio na sombra, polo que comezou unha campaña para mellorar a súa imaxe pública. Deste xeito, presentouse como un defensor das virtudes confucianas e guia do imperio. Despois da morte do emperador Ping no 6, Wang Mang asentou o seu control político.[5] As revoltas contra o seu goberno de facto foron sufocadas nos anos 6 e 7.[6] Dous anos máis tarde, Wang usurpou otrono e proclamouse emperador dos XIn.[3][4] Malia carecer do apoio da meirande parte da clase política, o seu ascenso foi tolerado en xeral, xa que os Han perderan a maior parte do seu prestixio.[6] No entanto, moitos burócratas e nobres seguían sendo afíns aos Han, mais non se atreveron a opoñerse abertamente ao réxime dos Xin.[3][6]

Pola contra, a relación cos pobos nómades xiongnu deteriorouse rapidamente, até o punto de que intentaron intervir na China arredor do ano 10 ou 11. Wang Mang mobilizou 300.000 soldados ao longo da fronteira norte para evitar unha invasión xiongnu.[4] As constantes disputas coa confederación norteña fixeron que Wang instalase un goberno afín nos territorios xiongnu no 19, mantendo os seus exércitos na fronteira. Esta campaña septentrional consumiu moitos dos recursos dos Xin, debilitando o seu dominio sobre o resto do imperio.[6]

O novo emperador comezou unha serie de reformas radicais a nivel social e político.[4] O seu obxectivo era reforzar o goberno central, recuperando a estabilidade económica e debilitando ás grandes familias nobres, ao tempo que melloraba a vida do campesiñado. As reformas tiveron éxito inicialmente, o que contribuíu a lexitimar aos Xin.[3][5] Por outra banda, tamén debilitaron aos Han, xa que moitos dos recursos redistribuídos pertencían á antiga familia imperial.[5] Así mesmo, Wang promoveu unha educación baseada no confucianismo, empregando ao duque de Zhou como modelo do bo gobernante.[3] As súas políticas foron rexeitadas pola antiga burocracia, namentres as clases baixas as acolleron con entusiasmo.[3][5]

Mapa das revoltas contra a dinastía Xin, incluídas as rebelións de Lulin e os Cellas Vermellas.
Mapa das revoltas contra a dinastía Xin, incluídas as rebelións de Lulin e os Cellas Vermellas.

Xusto tras a súa fundación, o réxime de Wang desestabilizouse debido a numerosos desastres naturais, entre os que destaca o cambio do curso do río Amarelo, cos consecuentes asolagamentos. Houbo tamén varias pragas de lagostas, que contribuíron a empeorar as grandes fames entre a poboación.[4][6] A política económica dos Xin non logrou solventar a crise, polo que Wang Mang perdeu o apoio das clases baixas, que comezaron a saquear o leste do imperio.[3][5] Os grupos de bandidos aumentaron a súa forza, e cara ao ano 20 contaban con decenas de miles de membros.[6] As faccións máis poderosas da rexión do río Amarelo organizáronse en exércitos rebeldes, coñecidos como os Cellas Vermellas.[4][6] Estes insurxentes aliáronse cos nobres e burócratas descontentos, dando lugar a unha guerra civil arredor do 19. Wang Mang desprazou as súas tropas para loitar contra os Cellas Vermellas, co que o protectorado das rexións do oeste foi conquistado polos xiongnu.[4] Outras rebelións de menor envergadura emerxeron ao longo da China. As tropas do baixo Yangtzé operaron ao longo deste río, namentres dúas bandas de insurxentes foron reclutadas polos Han en Hubei.[6] Dirixidas por Liu Bosheng, esta agrupación foi coñecida como Lulin.[4][6]

Mentres a guerra civil consumía o imperio Xin, as tropas leais a Wang Mang intentaban manter aos rebeldes á raia. O exército dos Xin logrou múltiples vitorias, mais foi finalmente derrotado polos Han na batalla de Kunyang, en xuño ou xullo do 23.[4][6] Tras coñecer deste triunfo, as milicias de Zhuang Ben e Zhuang Chun tomaron Chang'an en outubro do 23, saqueando a capital e asasinando a Wang Mang.[6] Os diferentes exércitos rebeldes loitaron entre si pola supremacía, até que Liu Xiu foi coroado emperador Guangwu dos Han en Luoyang, no ano 25.[6] Os Cellas Vermellas serían derrotados polas forzas de Liu Xiu no 27, xunto cos réximes separatistas de Wang Lang no reino de Zhao, o imperio Chengjia de Gongsun Shu, e os territorios do señor da guerra Wei Ao no noroeste.[4] Contra o 37, a dinastía Han restaurouse por completo.[6]

  1. "Xin dynasty - Xin Dynasty, Han Dynasty, Emperor Wang Mang - Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2024-03-20. 
  2. Goodrich, Chauncey S. (1957). "The Reign of Wang Mang: Hsin or New?". Oriens 10 (1): 114–118. ISSN 0078-6527. doi:10.2307/1578760. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Perkins, Dorothy (1999). Encyclopedia of China: History and Culture (en inglés). Routledge. ISBN 978-1-135-93562-7. 
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 Peers, C. J. (2006). Soldiers of the Dragon: Chinese Armies 1500 BC–AD 1840 (en inglés). Bloomsbury USA. ISBN 978-1-84603-098-7. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Li, Feng (2014). Early China: A Social and Cultural History (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-89552-1. 
  6. 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 6,10 6,11 6,12 Crespigny, Rafe de (2006). A Biographical Dictionary of Later Han to the Three Kingdoms (23-220 AD) (en inglés). BRILL. ISBN 978-90-474-1184-0.