Elevador de Santa Justa
O Elevador de Santa Justa, tamén chamado Elevador do Carmo, é un ascensor que une os barrios da Baixa Pombalina e o Chiado en Lisboa, Portugal. Érguese sobre a rúa de Santa Justa e enlaza este céntrico paseo coa Praza do Carmo, xunto ao Museo Arqueolóxico do Carmo. Este ascensor foi deseñado por Raoul Mesnier de Ponsard, que tamén se responsabilizou, nesta mesma cidade, da construción do Elevador do Lavra. Non está probada a relación deste enxeñeiro co famoso Gustave Eiffel. Só se sabe que o enxeñeiro Raoul Mesnier e o arquitecto francés Louis Reynaud aplicaron nestes elevadores algunhas das técnicas e materiais xa utilizados en Francia.
Historia
[editar | editar a fonte]A construción do ascensor comezou en 1900 e rematou en 1902, sendo inaugurado o 10 de xullo. Inicialmente funcionaba con vapor, sendo substituída a maquinaria orixinal o 6 de novembro de 1907 por motores eléctricos.
Descrición
[editar | editar a fonte]A súa altura é de 45 metros. A estrutura metálica, enteiramente de ferro, foi construída por unha empresa con sede en Junqueira. A decoración é de estilo neogótico, cun deseño diferente en cada un dos seus niveis. Os dous ascensores do seu interior están revestidos de madeira e poden albergar 24 persoas cada un. Ao último nivel accédese a través dunha escaleira helicoidal que remata nunha terraza desde onde se pode admirar unha panorámica da cidade como o Castelo de San Xurxo de Lisboa, a praza do Rossio e o barrio da Baixa. Este ascensor é un dos exemplos máis representativos deste tipo de arquitectura en Portugal.
Operación
[editar | editar a fonte]A estrutura perdeu a súa funcionalidade práctica como medio de transporte, permanecendo como unha atracción turística lisboeta. A estación de metro Baixa - Chiado uniu os dous barrios mediante un sistema de escaleiras mecánicas que pode ser utilizado sen billete.
O Elevador de Santa Justa distínguese dos demais elevadores por ser o único configurado como ascensor urbano vertical. Os outros elevadores lisboetas: o Elevador dá Glória, o Elevador dá Bica e o Elevador do Lavra son en realidade funiculares, pequenos tranvías que permiten ascender e descender as pronunciadas pendentes da cidade.
Imaxes
[editar | editar a fonte]-
A pasarela de ingreso superior.
-
Interior da cabina.
-
Rossio vista dende o elevador.
-
Os motores.
-
O elevador ao comezo do século XX. Nótese o fume proveniente do motor de vapor; logo foi substituído por un motor eléctrico.