Ernesto Chao
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de novembro de 1943 Ribadavia, España |
Morte | 6 de agosto de 2018 (74 anos) Santiago de Compostela, España |
Actividade | |
Ocupación | actor, director de televisión, actor de cinema, actor de televisión |
Premios | |
Ernesto Chao Pino, nado en Ribadavia o 12 de novembro de 1943 e finado en Santiago de Compostela o 6 de agosto de 2018,[1] foi un actor galego. Cunha dilatada traxectoria teatral de case medio século, traballou tamén no cine e na televisión, acadando unha enorme fama en Galicia co seu papel de Miro Pereira na serie da Televisión de Galicia Pratos combinados. Gran figura do teatro galego, traballou en ducias de obras e foi fundador e presidente de numerosas entidades dramáticas como a Agrupación Cultural Abrente, o Centro Dramático Galego, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a Academia Galega do Audiovisual, Escena Galega ou a compañía Lagarta lagarta, que fundou xunto a súa muller, a tamén actriz Rosa Álvarez.[2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Actor cunha dilatada experiencia profesional, especialmente no teatro, iniciou a súa carreira interpretativa en 1969. Foi fundador da Agrupación Cultural Abrente, da que foi presidente, e participou nas pezas que se realizaron para recadar cartos para a primeira edición das Mostras de Teatro da vila.[2] A súa afección polo teatro fixo que deixase o negocio familiar de fabricación de cadaleitos e se trasladase a finais da década de 1970 a Vigo, onde foi un dos fundadores do Artello Teatro xunto a Morris.[2] Alí participou na montaxe de varias obras, como Pic-nic, de Fernando Arrabal, Nubes, de Aristófanes, ou Celtas sen filtro de Méndez Ferrín.[2]
En 1984 trasladouse a Santiago de Compostela para a participar na montaxe de Agasallo de sombras de Roberto Vidal Bolaño, no novo Centro Dramático Galego, e un ano despois traballou en Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, con dirección de Eduardo Alonso. Foi fundador da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e dirixiu o Centro Dramático Galego durante dúas tempadas (1986-87), continuando na entidade durante os seguintes anos como actor. Durante eses anos realizou as súas primeiras incursións no cine, aparecendo en La hora bruja, de Jaime de Armiñán, Divinas palabras, de José Luis García Sánchez, e Urxa, de Alfredo García Pinal e Carlos Piñeiro.
O seu traballo en Un soño de verán, de William Shakespeare, en 1992, obra dirixida por Eduardo Alonso, supúxolle o Premio Compostela de Teatro ao mellor actor secundario, compartido con Avelino González, Serxio Pazos, Miro Magariños, Víctor Mosqueira e Marcos Orsi, que formaban o grupo Os artesáns.[2] Tamén estivo na formación do Teatro do Noroeste, co que interpretou numerosas obras, todas baixo a dirección de Eduardo Alonso, e en 1993 recibiu o Premio Compostela ao Mellor Actor protagonista polo seu papel en A vida de Galileo, de Bertolt Brecht.
Aínda que en 1989 xa participara na serie Os outros feirantes de Antón Dobao, foi en 1995 cando irrompeu definitivamtente na televisión, interpretando a Miro Pereira, o protagonista da comedia da TVG Pratos combinados, co que acadou unha enorme fama en Galicia. Xunto a outros destacados actores como Morris, Mabel Ribera ou Xosé Manuel Olveira "Pico", a serie prolongouse durante 14 tempadas e 261 episodios, converténdose nun auténtico emblema do audiovisual galego.[3]
En 2001 protagonizou o telefilme Condenado a vivir, onde interpretaba a Ramón Sampedro, na primeira vez que a súa historia era levada á ficción. O seu traballo no filme valeulle o Premio Chano Piñeiro 2002 á mellor interpretación masculina, galardón que ao ano seguinte se converteu nos actuais Mestre Mateo. Ese mesmo ano fundou xunto á súa muller Rosa Álvarez a compañía de teatro Lagarta lagarta.[2] En 2002 foi fundador e primeiro presidente da Academia Galega do Audiovisual e ese mesmo ano participou na fundación de Escena Galega.[4]
Durante os seguintes anos continuou compaxinando o seu traballo teatral con papeis en diferentes filmes como Trece badaladas, Os mortos van á presa, Doentes ou O ouro do tempo, ademais de contar con pequenos papeis en series de televisión como Cuéntame como pasó ou Aquí no hay quien viva. En 2008 gañou o Premio María Casares ó mellor actor protagonista polo seu traballo na obra de teatro As últimas lúas, da súa compañía Lagarta lagarta.[4]
En 2018 interpretou ao primeiro presidente da Xunta de Galicia, Xerardo Fernández Albor, na aclamada serie de Antena 3 Fariña, baseada no libro homónimo de Nacho Carretero, e ese mesmo ano apareceu na serie Marisa calidade, spin-off de Libro de familia, sendo estes os seus dous últimos traballos interpretativos.[5] Faleceu no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago o 6 de agosto de 2018, aos 74 anos de idade.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou coa tamén actriz Rosa Álvarez, coa que tivo un fillo, Mauro, falecido en 2020.[6]
Obra
[editar | editar a fonte]Longametraxes
[editar | editar a fonte]- La hora bruja (1985), de Jaime de Armiñán.
- Divinas palabras (1987), de José Luis García Sánchez.
- Urxa (1989), de Alfredo García Pinal e Carlos A. López Piñeiro.
- Un soño de verán (1992) (TV). Como Pedro Marmelo.
- El juego de los mensajes invisibles (1992), de Juan Pinzás. Como Cliente.
- Huidos (1993), de Sancho Gracia.
- A metade da vida (1994), de Raúl Veiga.
- A lei da fronteira (1995), de Adolfo Aristarain. Como Veciño.
- A noiva de medianoite (1997), de Antonio F. Simón. Como Garda Civil.
- Condenado a vivir (2001) (TV), de Roberto Bodegas. Como Ramón Sampedro.
- Días de voda (2002), de Juan Pinzás. Como Alejandro.
- Trece badaladas (2002), de Xavier Villaverde. Como Inspector.
- O agasallo de Silvia (2003), de Dionisio Pérez. Como Encargado.
- Os mortos van á présa (2009), de Ángel de la Cruz. Como Cifuentes.
- Años después (2011), de Laura Gardós.
- Doentes (2011), de Gustavo Balza.
- O ouro do tempo (2013), de Xavier Bermúdez. Como Alfredo.
- A praia dos afogados (2015), de Gerardo Herrero. Como Somoza
- Migas de pan (2016), de Manane Rodríguez.
- María (e os demais) (2016), de Nely Reguera. Como Arturo.
Curtametraxes
[editar | editar a fonte]- Só para nenos (1985), de Milagros Bará. Como Otto.
- Esperanza (1986), de Chano Piñeiro. Como Xefe da terapia de alcohólicos.
- Las rubias los prefieren caballeros (2002), de Álex Sampayo. Como xoieiro.
Televisión
[editar | editar a fonte]Personaxes fixas
[editar | editar a fonte]- Os outros feirantes (1989).
- Pratos combinados (1995-2006). Como Miro Pereira. TVG. Tamén era o director.
- Efectos secundarios (2007). Como o doutor Gonzalo Campos. TVG.
- Escoba!
Personaxes episódicos
[editar | editar a fonte]- Cuéntame cómo pasó (2003). Como Coronel Ibáñez Sañudo. La Primera de TVE.
- Aquí no hay quien viva (2005). Como Ramiro Villanueva. Antena 3.
- Hotel Almirante (2015). Como Germán Aldao. TVG.
- Fariña (2017). Como Xerardo Fernández Albor. Antena 3.
- Marisa calidade (2018).
Teatro
[editar | editar a fonte]Desde 1970 participou en máis de 35 espectáculos teatrais con distintas compañías. Algúns títulos son Galileo Galilei, Fobias, Carambola (Cóncavo convexo) ou O país da comedia.
- As vodas de Fígaro; Teatro do Noroeste, 1994. Como o Conde.
- Aeroplanos, xunto a Xosé Manuel Olveira "Pico", 2008.
- Cásting (a comedia), de Roger Justafré. Lagarta, Lagarta, 2010 (como Andrés).
Galardóns e nomeamentos
[editar | editar a fonte]- Finalista nos Premios Compostela de Teatro na categoría da mellor interpretación masculina protagonista por O rei Lear (1991).
- Premio Compostela de Teatro ó Mellor Actor Protagonísta por Galileo Galilei (1993).
- Premio Chano Piñeiro do Audiovisual Galego ó Mellor actor protagonista por Condenado a vivir (2002).
- Nomeamento aos Premio Chano Piñeiro do Audiovisual Galego ó Mellor actor protagonista por Pratos combinados (2002).
- Premio de Honra Abrente no Festival Internacional de Teatro de Ribadavia (2002).
- Premio María Casares ó mellor actor protagonista por As últimas Lúas (2008).
Ano | Categoría | Título | Resultado |
---|---|---|---|
2005 | Mellor actor | Pratos combinados | Nomeado |
2007 | Premio de Honra Fernando Rey | Gañador | |
2008 | Mellor actor | Os mortos van á présa | Nomeado |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Morre Ernesto Chao, un dos grandes actores galegos dos últimos tempos" Galicia Confidencial, 6 de agosto de 2018
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "Ernesto Chao". Consello da Cultura Galega. Consultado o 17 de decembro de 2023.
- ↑ ""Isto é un escándalo, Pereira!": Volve 'Pratos Combinados' á TVG". Nós Diario. 26 de marzo de 2020. Consultado o 17 de decembro de 202317 de decembro de 2023.
- ↑ 4,0 4,1 "A Academia Galega do Audiovisual lamenta a morte de Ernesto Chao, o seu primeiro presidente e cofundador". 6 de agosto de 2018. Consultado o 17 de decembro de 2023.
- ↑ "Loito no mundo do teatro e do audiovisual galego pola morte do actor Ernesto Chao". Televisión de Galicia. 6 de agosto de 2018. Consultado o 17 de decembro de 2023.
- ↑ "Mauro Chao, unha vida entre bastidores". La Voz de Galicia. 30 de setembro de 2020. Consultado o 17 de decembro de 2023.