Forca
Este artigo trata sobre un método de axustizamento, para o apeiro agrícola véxase forcada.
Forca é a denominación que se dá a un conxunto de tres paus ou vigas, dous fincados na terra e un terceiro enriba destes trabando ambos os dous, no que se daba morte, por medio do aforcamento, é dicir, colgados polo colo, aos condenados a tal pena, e en ocasións aos axustizados pola turbamulta sen seren nin tan sequera condenados[Cómpre referencia].
Por extensión, denomínase tamén forca ao método de execución, homicidio ou suicidio consistente en pendurar unha persoa tras arrodearlle o colo cun lazo. Tamén se denomina forca ao pau que atravesado con outro servía para suxeitar polo colo o condenado e pasealo, para escarmento, polas rúas.
O aforcamento ou morte por forca foi un método empregado durante séculos como forma de aplicación da pena capital. Actualmente ten status de legalidade en dous dos estados de Estados Unidos aínda que hai anos que non se aplica. Tamén é legal en Irán, Malaisia, Singapur, a India, o Xapón ou Iraq.