Francisco Varela Garrido
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 2 de abril de 1898 Cerdedo, España |
Morte | 27 de xullo de 1937 (39 anos) Pontevedra, España |
Causa da morte | pena de morte, ferida por arma de fogo |
Actividade | |
Ocupación | político |
Familia | |
Pai | Gerardo Varela Figueroa |
Francisco Varela Garrido, coñecido como Pancho Varela, nado en Cerdedo o 2 de abril de 1898 e finado en Pontevedra o 27 de xullo de 1937, foi un político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Gerardo Varela Figueroa, que foi alcalde do Concello de Cerdedo na Restauración, e Peregrina Garrido. Cursou estudos de Maxisterio, e dedicouse á profesión de comercial (comisionista) no negocio de seu pai. Foi secretario da primeira directiva do Cerdedo Fútbol Club (1926). Foi membro da Sociedade de Agricultores de Cerdedo e correspondente de El Pueblo Gallego e El País. Militou primeiro no PSOE e despois en Izquierda Republicana. Foi xuíz municipal de Cerdedo (1931-1933) e secretario interino do Concello. Con motivo da folga xeral revolucionaria de 1934 foi detido o 8 de outubro con Sabino Bugallo Valiñas, Carlos González Estévez e José Torres Paz. Tras pasaren dous meses en prisión, foron postos en liberdade o 14 de decembro.[1] Foi candidato a compromisario para as eleccións do presidente da República en abril de 1936.
Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi nomeado delegado gobernativo en Cerdedo e esixiulle á Garda Civil que se puxese do lado da legalidade. Co triunfo da sublevación fuxiu ao Monte do Seixo e despois ao Carballiño, para chegar a Monleras (Salamanca), onde se refuxiou coa complicidade do seu sobriño o contratista de obras e falanxista Ramón Cachafeiro Varela. O xuíz da Estrada fixo publicar requisitorias na prensa a principios de setembro.[2] Delatado polo boticario, foi detido en Monleras o 2 de setembro de 1936. Estivo preso na Escola Normal de Pontevedra e na illa de San Simón. Xulgado en Pontevedra por rebelión en consello de guerra o 16 de abril de 1937, foi condenado a morte e executado o 27 de xullo de 1937.[3][4]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Foi parella de Mercedes Cadavid Sánchez coa que tivo dous fillos, Francisco e Olga. Casou con Teresa Sanmartín Lois en 1930, coa que tivo tres fillas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Carta a Moscú dende Cerdedo.
- ↑ BOP A Coruña, 18-9-1936, p. 2.
- ↑ "Cumplimiento de Sentencia". El Diario de Pontevedra. 27/07/1939. p. 2. Consultado o 19/06/2023.
- ↑ "Noticias". El Compostelano. 28/07/1937. Consultado o 19/06/2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pereira, Dionisio (2006). A II República e a represión franquista no concello de Cerdedo (PDF). Cerdedo: Asociación Verbo Xido. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24/12/2018. Consultado o 27/12/2019.
- Salgado, Fernando (2018). 1306/36. Pontevedra: autor-editor. ISBN 978-84-940825-3-5.
- Solla, Calros (2017). Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo. Morgante.