Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Hóckey a patíns

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un xogador arxentino tira a porta nun partido de hóckey a patíns.

O hóckey a patíns[1] é un deporte de equipo que se xoga en patíns de catro rodas paralelas, no que se enfrontan dous equipos de cinco xogadores cada un (un porteiro e catro xogadores de campo), que empregan un pau de madeira de forma curva ou stick para conducir e golpear unha pequena pelota de caucho. Este deporte xógase nunha pista pechada por un valo de esquinas redondeadas e dúas porterías. O hóckey a patíns é practicado principalmente en Europa e América do Sur, e os países que historicamente dominaron nesta modalidade a nivel mundial foron Portugal, España, Arxentina e Italia. O hóckey rodado tamén ten importancia nalgúns países de África, principalmente en Angola e Mozambique (antigas colonias portuguesas); o mesmo pasa en Asia, onde a máxima dominadora é Macau.

O hóckey a patíns é coñecido polo nome de roller hockey en inglés, rink hockey ou hockey sur patins[2], nos países francófonos, hardball hockey en Estados Unidos, hockey sobre patines nos países de fala castelá, hoquei sobre patins nas áreas de fala catalá e hoquei em patins nos países de fala portuguesa.

O hóckey a patíns non é unha modalidade olímpica na actualidade, mais nos Xogos Olímpicos de Verán de 1992 foi incluído como deporte de exhibición, gañando a medalla de ouro a selección da Arxentina.

No hóckey a patíns enfróntanse dous equipos de cinco xogadores cada un (catro xogadores de campo e un porteiro), que conducen unha bóla por medio dun pau ou stick cara á portería contraria co obxectivo de marcar un gol. Os xogadores desprázanse en patíns de catro rodas paralelas e a bóla só pode guiarse pola pista por medio do stick.

Cada partido divídese en dúas partes de 25 minutos cada unha e cun descanso de 10 minutos entre elas, logo destes minutos de descanso realízase un cambio de campo polo que os equipos pasan a atacar contra a portería que defendían na primeira metade. Nas categorías inferiores a duración das partes é menor, sendo na categoría júnior de 20 minutos cada unha das dúas partes e de 15 minutos cada unha nas categorías infantil, alevín, benxamín e prebenxamín. Cando o tempo do partido se acaba, a bóla queda morta.

Ao inicio de cada unha das dúas metades un equipo se encarga de realizar un saque dende o círculo central da pista, no saque inicial o equipo é designado por sorteo, mentres que o saque que se realiza ao principio da segunda metade é realizado polo equipo que non gañou o sorteo inicial. Cada vez que un equipo marca un gol, o equipo que encaixou o gol deberá sacar dende o círculo central. Durante os saques no centro do campo os xogadores dos distintos equipos deben permanecer no seu propio campo e fora do círculo central, agás no caso do equipo que realiza o saque, que poderá contar con dous xogadores no círculo central (o que realiza o saque e un compañeiro), cando soa o pitido dos árbitros a bóla pasa a estar en xogo e o executante do saque deberaa lanzar en calquera dirección, podendo os xogadores rivais tocala se o xogador que saque tarda en facelo ou dubida. Coas normas antigas nas que na pista de xogo estaban pintadas as liñas do campo atrás permitíase o saque atrasado ao propio campo.

En cada parte cada equipo dispón dun tempo morto dun minuto de duración no que os xogadores de campo de cada un dos dous equipos se poderán reunir co adestrador e os xogadores suplentes no valado. Os tempos mortos deben ser solicitados polo delegado do equipo solicitante á mesa, que debe accionar o sinal sonoro ou avisar aos árbitros, controlar o tempo de duración dos tempos mortos, sinalar cal é o equipo solicitante e levar conta dos tempos mortos de cada equipo. Se un equipo non emprega o tempo morto do que dispón nunha parte, non poderá empregalo na outra parte. Os tempos mortos só poderán ser concedidos logo da confirmación e autorización dos árbitros. Durante o tempo morto só poderán entrar na pista os xogadores suplentes que vaian substituír a un xogador en pista.

Os partidos están dirixidos frecuentemente por dous árbitros que se desprazan pola pista de xogo sen patíns e que son os encargados de facer que se cumpran as regras do xogo e de sancionar as condutas antideportivas, estas sancións, segundo a gravidade da falta e o lugar onde se producira, sanciónanse con tiros libres indirectos, tiros libres directos ou penaltis, as sancións disciplinarias aos xogadores poden ser: tarxeta azul (expulsión de 5 min ou ata que se marque un gol) ou tarxeta vermella (expulsión definitiva do partido). Os árbitros sinalan tamén o inicio e o final de cada unha das partes.

As orixes do hóckey son moi antigas. Foi encontrado un baixorrelevo exipcio que mostra un grupo de rapaces batendo unha bóla cun pau moi gordo. Tamén foi atopado en Atenas un baixorrelevo da antiga Grecia que representa varios xogadores en posición de xogar unha bóla e empuñando aléus (sticks). En Francia, no final da Idade Media, o xogo era coñecido como crosse e ás veces polo nome de hoquet, que posiblemente deu orixe en inglés á palabra hockey. Outros autores defenden que o hóckey (tanto a patíns como sobre xeo) deriva do xogo bandy, cuxo termo en inglés designa o caxato e que era practicado polos indios americanos. E se o hóckey se remonta á Antigüidade Preclásica, a patinaxe ten os seus inicios, segundo a existencia de diversos gravados, a principios do século XII. A divulgación do primeiro patín de rodas atribúese ao belga Joseph Merlin, mais foi a partir do elástico do americano James Plympton (1850) cando se deu a grande expansión da patinaxe.

Considérase que o hóckey a patíns foi inventado no final do século XIX no Condado de Kent (Inglaterra) por Edward Crawford, como unha adaptación do hóckey sobre xeo. O hóckey a patíns foi inicialmente coñecido polo nome de “roller polo” debido á introdución do Polo en 1876, os patinadores levaron o polo ás canchas.[3][4]. En Inglaterra comezou a ser practicado en 1877 e o primeiro partido documentado xogouse en 1878 no Denmark Rink de Londres (Inglaterra),[3][5][6] mais a súa práctica dun xeito competitivo e organizado, comezou a partir de 1905. O hóckey a patíns chegou aos Estados Unidos en 1882 coa formación da National Roller Polo League en Dayton (Ohio), esta liga estaba composta por equipos de sete vilas,[3] E en 1884 a Massachusetts Roller Polo League contaba con 14 equipos.[3] En 1949 pasou a chamarse Roller Hockhey. Aínda que no final do século XIX a súa práctica xa se expandira por case toda a Europa continental, nas primeiras décadas do século XX comezouse a practicar en Latinoamérica.[7]

O hóckey a patíns foi practicado polas grandes figuras do cine mudo Stan Laurel e Charlie Chaplin nos inicios do século XX.[8] Tamén no século XX comezaron a aparecer as primeiras federacións: en 1905 creouse en Inglaterra a Amateur Hockey Association (Asociación de Hóckey Afeccionado) e en 1913, tamén en Inglaterra se creou a National Hockey Association. Coa creación en 1924 da Federation International du Patinage a Roulotte-FIPR (Federación Internacional de Patín) con Inglaterra, Suíza, Alemaña e Francia como fundadores en Montreux, serviu para estruturar e unificar criterios. Inglaterra gañou o primeiro Campionato de Europa celebrado en 1926 na localidade inglesa de Herne Bay (cidade que na época se converteu na capital mundial do hóckey a patíns), ademais dos dous Campionatos de Europa non oficiais celebrados en 1924 e 1925 na localidade suíza de Montreux (estes dous campionatos foron ademais a 4ª e 5ª edición da Copa das Nacións) e do Mundo disputado en 1936 en Stuttgart (Alemaña).[9] Foi a partir da segunda guerra mundial cando Portugal e España pasaron a dominar o hóckey a patíns europeo e mundial.

O rink hockey, como foi chamado en Europa, non foi organizado pola RSROA nos Estados Unidos ata 1959 e nomeado roller hockey.[3] En 1961 comezou o campionato de hóckey a patíns dos Estados Unidos.[10] En 1979 os Xogos Panamericanos introduciron a patinaxe como deporte, debutando o hóckey a patíns ese mesmo ano .[5]

Nos Xogos Olímpicos de 1992 celebrados en Barcelona (Cataluña), o hóckey a patíns viviu un feito histórico ao incluírse como deporte de exhibición, este feito supuxo a primeira aparición desta modalidade nuns Xogos Olímpicos, desafortunadamente non tivo continuidade ao non conquistar aos responsables para converterse en modalidade olímpica.

No 2004, a selección de Cataluña participou como membro provisional da FIRS, polo que participou no Campionato do Mundo "B" dese mesmo ano disputado en Macau. A selección catalá dominou o campionato e conseguiu o título, feito que lle daba o dereito a competir ao ano seguinte no Campionato do Mundo "A" que se disputaría na localidade estadounidense de San José (California). Este dereito foille suprimido por unha decisión da Corte de Arbitraxe Deportiva, que non recoñeceu a Cataluña como membro de pleno dereito da FIRS, o que lle impediu participar a competición.[11] Este caso foi coñecido co nome de Caso Fresno porque a asemblea na que se decidiu a non aceptación de Cataluña como membro de pleno dereito na FIRS tivo lugar na cidade de Fresno (Estados Unidos).

Actualmente a práctica deste deporte esténdese a 60 países e ten como principais potencias a Portugal, España, Italia e a Arxentina. Ademais está a sufrir un gran crecemento en países como Francia, Suíza, o Brasil, Angola, Mozambique, os Estados Unidos e a China (a través da antiga provincia portuguesa de Macau).

Terreo de xogo

[editar | editar a fonte]
Pista de hóckey a patíns coas liñas de campo atrás e os puntos de lanzamentos directos antes do troco das normas
Pista de hóckey coas marcacións actuais

A pista de xogo ten forma de rectangular de xeito que a extensión lonxitudinal debe corresponder ao dobre do ancho, as medidas dos terreos de xogo son as seguintes:

  • Mínima: 34 x 17 metros
  • Standard: 40 x 20 metros
  • Máxima: 44 x 22 metros

Todo o perímetro da pista está limitado por un valo fixado ao chan dunha altura que non debe ser menor a un metro. Cada un dos catro cantos do rectángulo da pista de xogo, debe ter unha configuración semicircular, construído con base nun raio de circunferencia dun metro, do vértice do rectángulo da pista. Detrás de cada unha das dúas porterías colócase unha rede dunha altura de 4 m medidos dende a superficie da pista, se a pelota golpea na rede considérase fóra.

A pista deberá ter unhas determinadas marcacións, conforme a localización e as medidas. As marcacións do terreo de xogo son as seguintes:

  • A liña divisoria de media pista divide a mesma en dúas partes iguais e está situada a 22 m de cada valado de fondo. Segundo as regras actuais de xogo, unha vez que a pelota controlada polo equipo atacante cruza a liña para ao seu propio campo, só pode estar 5 segundos neste, do contrario o árbitro sinala campo atrás; antes da modificación das normas de xogo había dúas liñas paralelas á do medio campo que indicaban o campo atrás e que a bóla non podía superar.
  • A área de portería é un rectángulo dunha superficie de 9 x 5,40 m comprendida entre as liñas de portería, a liña de penalti (situadas ámbalas dúas de xeito paralelo ao fondo da pista) e as dúas liñas perpendiculares que as unen. Tanto a liña de portería como a liña de penalti teñen 9 m de longo, a liña de portería encóntrase a unha distancia variable do valo do fondo, que oscila entre 2,70 m (mínimo) e 3,30 m (máximo), a liña de penalti sitúase a 5,40 m da liña de portería e na metade da súa extensión, coincidindo co eixo imaxinario do ancho da pista, sitúase o punto de penalti.
  • Punto de falta directa está situado no eixo imaxinario do ancho da pista a 7,40 metros da portería.
  • A área de protección do porteiro é un semicírculo situado diante da portería, que está limitado ao uso do gardaredes.

A portería ten unhas dimensións de 1,70 m de longo e 1,05 m de altura, conta cunha barra no seu interior a rentes do chan, que ergue a bóla a fin de facilitar a visión dos goles. Tamén conta cunha rede á altura da mesma barra coa mesma finalidade.

Equipamento

[editar | editar a fonte]
  • A bóla é de 23 cm de circunferencia que ten un peso de 155 g.
  • Para conducir e golpear a bóla os xogadores empregan un pau ou stick dunha lonxitude que oscila entre os 90 cm e 115 cm como máximo, non pode pesar máis de 500 gr e ten que pasar por un aro de 5 cm de diámetro. Adoitan estar feitos en madeira e non está permitido o uso de metal ou reforzos metálicos na súa fabricación. Os sticks son distintos para os xogadores de campo e para o porteiro. A súa parte inferior ou pa, debe ser totalmente plana por ámbolos dous lados.
  • A vestimenta dos xogadores é similar á empregada noutros deportes coma o fútbol ou o rugby, cunha camiseta, un pantalón curto e unhas medias ata o xeonllo, os xogadores ademais empregan unhas luvas nas mans para suxeitar o pau, así como proteccións nos xeonllos, protectores da canela e coquilla, tamén está permitido o uso de protección nos cóbados.
  • Os patíns son patíns de catro rodas (paralelas) e o diámetro das rodas ten que ser como mínimo de 3 cm ou de 5 cm como máximo.
  • As proteccións dos porteiros constan de gardas para a protección das pernas, unhas luvas nas mans, proteccións para o pescozo, peito, cóbados e finalmente un casco con protección facial.

Galería de imaxes do equipamento

[editar | editar a fonte]

Organismos internacionais

[editar | editar a fonte]

A continuación unha listaxe dos principais organismos do hóckey a patíns e do patinaxe no mundo e nos distintos continentes.

Continentais

[editar | editar a fonte]

Competicións

[editar | editar a fonte]

De seleccións

[editar | editar a fonte]

Continentais

[editar | editar a fonte]

Ata a data non se organizou ningún campionato de seleccións en África.

Nacionais

[editar | editar a fonte]

As tres grandes ligas do hóckey a patíns son a OK Liga (Estado español), o 1ª División Portuguesa (Portugal) e a Serie A1 (Italia).

Continentais

[editar | editar a fonte]
Clasificación mundial de clubs de hóckey a patíns

Os clubs que historicamente dominaron este deporte xogan maioritariamente na liga española, principalmente os equipos de Cataluña, coa excepción do H.C. Liceo da Coruña. Tamén teñen un papel destacado os equipos portugueses e en menor medida os italianos. Destacan entre entre todos o FC Barcelona, o H.C. Liceo, FC Porto, Reus Deportiu, Igualada HC, SL Benfica etc. O club máis laureado desta modalidade deportiva é o FC Barcelona, que domina o palmarés de títulos continentais e nacionais, aínda que conta cos mesmos títulos mundiais que o H.C. Liceo galego (4 títulos).

Por países, os máximos dominadores das tres principais ligas son o FC Barcelona (OK Liga), FC Porto (1ª División Portuguesa) e Hockey Novara (Serie A1 italiana).

Seleccións

[editar | editar a fonte]
Clasificación de seleccións de hóckey a patíns

O hóckey a patíns ten dous claros dominadores, Portugal e España con 79 e 73 títulos respectivamente (contando campionatos sénior, júnior e xuvenil), moi lonxe da terceira gran potencia mundial, a Arxentina (27 títulos).

A nivel mundial, as seleccións sénior de Portugal e España conseguiron 15 e 14 títulos respectivamente, por tan so 4 de Italia e a Arxentina que comparten a terceira praza. A nivel europeo, os datos son máis axustados, con 20 vitorias para a selección portuguesa, 14 para a española e 12 para a selección de Inglaterra, que conquistou as 12 primeiras edicións de xeito consecutivo, se ben os títulos acadados polos ingleses en 1936 e 1939 foron considerados tamén Campionato do Mundo (por iso a selección inglesa conta con dous títulos mundiais).

  1. Definición de hóckey no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. http://www.inet.jeunesse-sports.gouv.fr/fedes/disciplines.asp%7CLe[Ligazón morta] sport de haut niveau
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 http://usarollersports.org/pages/pdf/magazine/USARS_Summer1978_Web.pdf[Ligazón morta]
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2008. Consultado o 30 de agosto de 2011. 
  5. 5,0 5,1 "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2008. Consultado o 30 de agosto de 2011. 
  6. http://www.britannica.com/EBchecked/topic/507126/roller-skating/255268/Roller-sports#ref=ref887928
  7. Fortti, Antonio y Grieco, Alberto, Hockey sobre patines, La Grulla, Avellaneda (Bs. As.), 1998
  8. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2011. Consultado o 08 de xullo de 2011. 
  9. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2008. Consultado o 30 de agosto de 2011. 
  10. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2008. Consultado o 30 de agosto de 2011. 
  11. Decisión da Corte de Arbitraxe Deportiva sobre o recoñecemento de Cataluña

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]