Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

KDE4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
KDE4
Desenvolvedor(es)KDE
Última versiónKDE 4.2
(27 de xaneiro de 2009)
Sistema operativoLinux, BSD, Solaris, Windows, Mac OS X
Lingua/sVarias
Galego: Si
TipoContorno de escritorio
LicenzaGPL
Sitio webhttp://www.kde.org

KDE 4 é a serie de lanzamentos actual do contorno de escritorio KDE. A primeira das versións desta serie, a 4.0.0, foi lanzada o 11 de xaneiro de 2008[1] e a última das versións estables é a versión 4.2, que saíu o 27 de xaneiro de 2008[2].

A nova serie inclúe actualizacións importantes de varios compoñentes centrais do núcleo de KDE, especialmente, o pase á Qt 4. Contén unha nova API multimedia, chamada Phonon, un servizo de integración de dispositivos chamado Solid e un novo estilo visual e un renovado aspecto visual caracterizado pola introdución das iconas Oxygen. Inclúe unha nova interface de escritorio e paneis chamada Plasma, que permite a introdución de programas de escritorio. A migración a Qt4 permite unha maior facilidade de migración a diferentes plataformas que non soportan X11, o que inclúe a Windows e Mac OS X.

Están previstos lanzamentos maiores cada seis meses, e lanzamentos para a corrección de erros dun xeito mensual.

A primeira versión da serie, KDE 4.0

KDE 4.0[3] liberouse o 11 de xaneiro do 2008 logo de anos en xestación e traballo dende as primeiras alphas en 2007. Con esta versión estréase unha nova serie de librarías que renovaron a base tecnolóxica de KDE. Parello ó traballo na estrutura tecnolóxica, un novo estilo visual, caracterizado polo set de iconas Oxygen e estilo homónimo, e un espazo de traballo renovado, que se basea por enteiro na presenza de widgets, pois todos os elementos, dende o panel ó lanzador de aplicación son agora widgets de escritorio.

Esta versión foi actualizada mensualmente ata xaneiro do 2008, corrixindo erros e algúns detalles menores.

Esta versión era unha versión estable pero destinada a desenvolvedores e fans de KDE mais non foi lanzada coa pretensión de ser para unha audiencia xeral. De feito o traballo na serie anterior continuou, froito do cal se lanzou o 3.5.10. A reacción do público ó lanzamento foi convulsa e polémica, habitualmente é considerada de diversos xeitos: innovadora, coma un erro catastrófico, tachada de lanzamento prematuro pero previamente apurada para ser liberada canto antes ou loada e vista con esperanza de que chegase a ser un excelente escritorio.

KDE 4.1

KDE 4.1 lanzouse o 29 de xullo de 2008.[4]. KDE 4.1 inclúe un sistema común de emoticonas, descargas de temas visuais, fondos de escritorio e outros dende o mesmo escritorio, introduce motores de Gstreamer, Quicktime 7 e Directshow 9 para Phonon. Entre as melloras no espazo de traballo, Plasma, están o soporte para widgets Qt e integración de Webkit o cal permite que moitos widgets de Apple funcionen en KDE. Igualmente, nesta versión melloranse os traballos de KDE noutras plataformas: Windows e Mac.

As novas aplicacións:

  • Dragon Player, reprodutor de vídeo e son
  • KDE-PIM, xestor de información persoal completo
  • Skanlite, aplicación de scáner
  • Step, simulador físico
  • Xogos - Kdiamond, Kollision, Kubrick, KsirK, KBreakout

A versión 4.2 estreouse o 27 de xaneiro de 2007, mellorando as versións previas en dous aspectos: estabilidade, xa que se corrixiron numerosos erros, e nos elementos do espazo de traballo pois engadiúselles funcionalidade ora nova ora presente na versión KDE 3.5.

Melloras no espazo de traballo

[editar | editar a fonte]

Certos elementos do espazo de traballo foron mellorados para ofrecer unha mellor experiencia á hora de interactuar co contorno de escritorio. Por unha banda a barra do sistema permite de novo a agrupación de fiestras e a disposición destas en múltiples ringleiras delas, pódense agochar e mostrar de xeito fácil iconas da bandexa do sistema e como novidade engádese un sistema de notificacións do sistema integrado que elimina as fiestras independentes para os avisos do sistema. Entre outras características menores e reaxustes destacan que de novo os paneis se poden agochar automaticamente permitindo un aproveitamento mellor do espazo de traballo, así como reintrodución da previsualización do contido de fiestras con información adicional sobre delas.

Os novos widgets, ou plasmoides, de Plasma, inclúen ferramentas variadas que van dende as notas ó bloqueo da pantalla, pasando polo cambio de actividade do escritorio, as ferramentas de información sobre de parámetros do sistema, obtención de fontes RSS ou Atom, , utilidade coma o lixo, calendarios, previsualizadores, explorador web, selector de caracteres especiais, un lanzador rápido de aplicacións e outro de ficheiros... Destaca neste sentido o soporte para gadgets de Google e a mellora no soporte de widgets do dashboard de Mac e Javascript. Os widgets de Plasma poden ser escritos en Python e Ruby.

En canto ó aspecto visual, fixéronse melloras na aplicacións dos estilos na barra de tarefas, no lanzador de aplicacións e a bandexa de sistema e tamén noutros elementos visuais. Un novo módulo dentro das configuracións dos sistema permite ter control sobre de que estilo se aplica a cada elemento visual. Os fondos de pantalla poden ser agora configurados a través de engadidos de xeito que poden ser tanto elementos dinámicos (fractais ou presentacións) coma estáticos, coma a tradicional imaxe.

Engadíronse novos efectos de escritorio coma a Lámpada máxica, efectos de minimizado e os intercambiadores de escritorio en forma de cubo e esfera. Outros coma a grella de escritorios foi perfeccionada. Xunto con isto, a interface de escolla dos efectos foi reelaborada para facer máis sinxelo a escolla daqueles efectos máis comúns. Os efectos de composición estableceranse coma predefinidos en tódolos sistemas cun hardware e drivers que o permitan. Antes de facelos fixos unha diálogo pregunta se deberían deixarse ou non, permitíndolle ó usuario probar se funcionan.

KRunner, o diálogo de executar, ampliou as súas funcionalidades por medio de novos engadidos. Así, inclúe corrección ortográfica, historial de procura en Konqueror, xestión do control de enerxía do sistema por medio da iteración con PowerDevil, lugares de KDE, documentos recentes e a capacidade de iniciar sesións do editor Kate, Konqueror ou o terminal Konsole. Inda máis, o engadido de conversión permite facer conversións entre unidades de velocidade, masa e distancia.

A librería Kephal mellorou o soporte para múltiples pantallas.

Aplicacións novas e melloradas

[editar | editar a fonte]

Entre as aplicacións que aparecen por primeira vez están 'Powerdevil', que controla diferentes aspectos dos aparellos móbiles e da xestión de enerxía do sistema. Un novo sistema de configuración de impresión trae de novo á serie 4 multitude das características de KDE 3.5.

Tódalas aplicacións presentas erros corrixidos, novas funcións e melloras na interface gráfica. Dolphin agora presenta previsualiza ficheiros nas barras de información e engade unha barra de ampliación que permite aumentar ou diminuír o tamaño de iconas e das súas vistas previas. Konqueror mellora a súa rapidez de procura e mellora o historial de navegación de páxinas web para un acceso máis rápido. Kmail engade cabeceiros ornamentados, unha vista de ficheiros anexos mellorada, capacidade de abrir múltiples separadores, entre outras. Kate e KWrite engaden modo de entrada Vi. Ark mellora o soporte para ficheiros protexidos por contrasinal.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]