Lenda das sereas
Lenda das Sereas Mitos e tradicións marítimas | |
---|---|
Estatua dunha serea atopada en Atenas[1] | |
Autor/a | Diversos autores ao longo da historia |
Ilustrador/a | Diversos artistas ao longo da historia |
Orixe | Grecia Antiga |
Lingua | Grego antigo |
Xénero(s) | Mitoloxía, lenda |
Formato | Oral, textual e outros |
[ editar datos en Wikidata ] |
As sereas (en grego antigo: Σειρῆνες), son uns seres mitolóxicos con certas variantes segundo as diversas culturas e mitoloxías. Aínda que poden ser de orixe persa ou anteriores, a principal tradición lendaria chegou a nós a través da mitoloxía grega.
Lenda grega
[editar | editar a fonte]As sereas foron xestadas pola musa Calíope e o río Aqueloo ou Aspropótamos (aínda que outras versións fálannos de que foron Forcis ou Xea) [2] e eran consideradas como as ninfas do mar. Esta non é a única dúbida sobre elas, xa que tampouco se sabe ben cal era o seu número. Hai quen afirma que foron tres pero, segundo autores, poden variar ata cinco ou mesmo oito. A feitura do seu corpo tampouco está totalmente clarificada, se ben foi representado con corpo de ave e faciana de muller; a ave está ás veces representada como unha ave mariña e outras como unha ave de plumas vermellas.
As sereas da época hómerica son tres irmás, Lidia que toca a frauta, Partenopea a lira e Leucosea que le textos e recita cantos, sendo estas antigas compañeiras de Perséfone, filla de Zeus e de Deméter, a quen raptou Hades, deus dos infernos, polo que pediron aos deuses que lles outorgara ás para poder salva-la moza e traela de novo sobre a terra.[3] Segundo outra versión, débenlle a súa aparencia a Demeter, que quixo castigalas por non coidar ben a súa filla.
As sereas tiñan unha marabillosa voz coa que competiron coas musas;[4] ao gañaren estas últimas, as musas arricáronlles as plumas ás sereas, e estas pola vergoña do feito retiráronse ás costas da illa de Sicilia.
Dende os cantís de Sicilia, o seu son atraía aos mariñeiros de tódolos barcos que pasaban preto, sen poder abstraérense ao meigallo e dozura do seu canto. Calquera mariñeiro que as ouvise e as vise, trabucaríaas cunha muller de cabelos longos e de voz doce que lle aconsellaba e lle falaba como oráculo do seu futuro, pero morrían ao estrelarse contra os cons, ou ben cando non podendo fuxir do seu meigallo, botábanse ao mar para poder escoitalas mellor, morrendo irremediablemente.
Porén, se un home podía escoitalas sen se sentir atraído por elas e sobrevivía, unha delas tiña que morrer. Isto propiciouno o heroe Odiseo, máis coñecido coma Ulises. Cando Odiseo ía en barco, segundo conta a Odisea, topouse coas sereas, e para evitar o seu meigallo ordenou aos seu tripulantes, conforme o consello de Circe, que se taparan os oídos con cera para non poder escoitalas, mentres el era atado ao mastro do barco cos oídos descubertos. Deste xeito, ningún dos mariñeiros sufriu dano algún porque non escoitaban as súas voces, mentres Odiseo, a pesar de que implorou unha e outra vez que o soltasen, mantívose xunto ao poste e así puido escoitar o seu canto.
En consecuencia disto, unha das seras, Partenopea tivo que morrer. Unha vez morta, a marea lanzouna ata a praia e alí foi enterrada con mútiples honores. No seu sepulcro instalouse despois un templo que co tempo se converteu na vila de Nápoles (de feito Nápoles chamábase no tempo antigo Parténope).[4]
Tamén existe outra lenda que di que os argonautas sobreviviron grazas a que Orfeo, que os acompañaba, cantou tan divinamente que anulou o seu meigallo.
Na mitoloxía galega
[editar | editar a fonte]Na mitoloxía galega existe a lenda de Mariña, que foi rescatada ou rescatada do duque don Froilaz do tempestuoso mar de Fisterra. A diferenza doutras, Mariña é unha boa serea, totalmente fermosa e namórase perdidamente de don Froilaz e el dela. Os dous teñen un fillo ao que chaman Xoán, despois da noite de San Xoán e que é a orixe da estirpe dos Mariño. Segundo outras versións, a serea estaba moribunda na illa de Sálvora, e foi coidada por Roldán, con quen casou e tivo a descendencia dos Mariño.[5]
Outros mitos galegos relacionados son os da Marosa ou Maruxaina e os xacios.
As sereas foron un motivo moi estendido na representación escultórica en toda Galicia, por exemplo na fachada das Praterías da Catedral de Santiago de Compostela, o pazo dos Torrado de Cambados ou o escudo dos Torrado- Mariño, en quen se inspirou Castelao para o escudo secular de Galicia (véxase o artigo Escudo de Galicia).[6] Segundo X.L. Axeitos, académico da RAG, o motivo da elección dese símbolo foi que se repetía con frecuencia e podía converterse nun símbolo de unidade.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Statue of a Siren Found at Athens". Consultado o 2023-09-25.
- ↑ "De Musas e Sereias: a presença dos seres que cantam a poesia". bn.gov.br; Cadenos da Biblioteca Nacional. Arquivado dende o orixinal o 22 de novembro de 2022. Consultado o 22 de novembro de 2022.
- ↑ "Literatura griega by Mª Luisa de Guevara Galván - Issuu". issuu.com (en inglés). Consultado o 2022-03-14.
- ↑ 4,0 4,1 "Mitología griega: las sirenas y Ulises". Red Historia (en castelán). 2012-10-23. Consultado o 2022-03-14.
- ↑ "Lenda de Mariña, a serea de Sálvora, e a noite meiga de San Xoán". Galicia ártabra. Consultado o 22 de agosto de 2024.
- ↑ ""Nova Galiza"" (PDF). mdc.csuc.cat. Consultado o 15-3-2022.
- ↑ "Sereas, emblema tallado en Arousa". LVG (en castelán). 2017-07-27. Consultado o 2022-03-14.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lenda das sereas |