Liga Norte
Lega Nord (Lega) | |
---|---|
Partido político italiano | |
Mocidades | Giovani Padani |
Filiación internacional | Independencia e Democracia |
Historia | |
Fundación | 1991 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Rexionalismo, federalismo e euroescepticismo |
Outros datos | |
Sede | Via Bellerio, 41 20161 Milán, Italia |
Na rede | |
www.leganord.org | |
A Liga Norte (en italiano: Lega Nord) abreviado coma Lega é un partido político de Italia fundado por Umberto Bossi, que conta con apoio principalmente nas rexións do norte Italia, e representou o máximo expoñente político do nacionalismo padano.
O programa tradicional da Liga Norte propuña a descentralización e a federalización do país, mediante un proceso de devolución de competencias que actualmente só exerce o Estado. Outrora o partido defendeu outro tipo de ideais, dende a sinxela demanda de maior autonomía administrativa das rexións, ata a secesión do norte italiano do resto do país. Actualmente, baixo a presidencia de Matteo Salvini, o partido virou cara posicións euroescépticas e críticas coa inmigración ilegal, o cal o achega a posicións populistas de extrema-dereita, coma Marine Le Pen ou Viktor Orban.
Historia
[editar | editar a fonte]1991: a fusión dos movementos autonomistas do Norte
[editar | editar a fonte]A Liga Norte naceu o 15 de febreiro de 1991 por mor da fusión da Liga Lombarda con varios partidos autonomistas do norte de Italia, como a Liga Véneta, Piemont Autonomista, Liga Emiliano-Romagnola, Alianza Toscana etc. Pronto se lles engadiron movementos autonomistas doutras rexións: Trentino-Alto Adigio, Friuli-Venecia Xulia, Val de Aosta, Umbría, As Marcas etc. O día da fundación, en Pieve Emanuele (Milán), elixiuse de xeito unánime a Umberto Bossi como secretario federal do partido durante o primeiro congreso federal do mesmo. O movemento destacou nos seguintes anos como un dos máis importantes do norte de Italia, o que leva aos seus candidatos a obter varias administracións locais, algunhas tan importantes como Milán.
Eleccións xerais de 1992
[editar | editar a fonte]En 1992, a Liga Norte conseguiu obter 80 escanos no Parlamento de Roma: 25 senadores e 55 deputados.
Eleccións xerais de 1994: alianza co Polo
[editar | editar a fonte]Con motivo das eleccións xerais de marzo de 1994, a Liga Norte aliouse co empresario Silvio Berlusconi, que se introduciu na política a través da fundación dun partido chamado Forza Italia, e ambos forman durante un curto período de tempo unha coalición de centro-dereita. Berlusconi organizou dúas coalicións, dada a pésima sintonía entre a Liga Norte e a recentemente formada Alianza Nacional (reduto do Movemento Social Italiano): no norte, Forza Italia, Centro Cristián Democrático e presentándose a Liga co nome do "Polo da Liberdade", no sur, en cambio, fixéronse chamar o "Polo do Bo Goberno", con Alianza Nacional e sen a Liga. En 1994, os parlamentarios da Liga subiron ata 180.
A Liga fai que o Goberno cese
[editar | editar a fonte]O Polo vence as eleccións e fórmase o primeiro goberno Berlusconi, que duraría poucos meses, por mor da retirada de apoio por parte da Liga: nun primeiro momento, a asemblea federal da Liga (6 de novembro de 1994) presentou un proxecto de Constitución que contempla a división de Italia en 9 macrorrexións; o debate logo centraríase nas pensións. Berlusconi decide que non se pode gobernar cun aliado como Bossi e que non había máis remedio que volver ás urnas. O enfrontamento directo tería lugar poucos días antes do Nadal, cando Berlusconi acusa en directo en televisión a Bossi de traizoar o seu pacto. Bossi, polo seu lado, contraatacaría con duras acusacións e dimite.
Eleccións xerais de 1996: intento de secesión e independencia da Padania
[editar | editar a fonte]Durante as eleccións de 1996 a Liga Norte presentouse soa ás eleccións, conseguindo o 10,4% dos votos a nivel nacional, o que se traduciría en 87 parlamentarios. Esta decisión castigaría ao Polo de centro-dereita, favorecendo a vitoria da nova coalición de centro-esquerda, chamada A Oliveira, que á fronte a Romano Prodi. A causa do forte apoio electoral (30% no Véneto, 25% na Lombardía), o 15 de setembro de 1996 a Liga Norte, radicalizando a súa postura, persegue o proxecto de secesión do norte italiano e convoca unha manifestación ao longo do río Po, que remataría en Venecia coa proclamación por parte de Umberto Bossi, a xeito de provocación, da independencia da Padania.
A Liga nos anos 2000
[editar | editar a fonte]Nas posteriores citas electorais a Liga sofre un constante descenso no número de votantes (en 2001 consegue o 3,9% dos votos), o que obriga ao partido a volver pactar cos partidos de centrodereita. En 2001, varios membros do partido entran no executivo: Umberto Bossi, por exemplo, convértese en Ministro de reformas e de devolucións, aínda que en marzo de 2004 é substituído por Roberto Calderoli, xa que Bossi vese indisposto por mor dun ictus.
Nas eleccións europeas de 2004 e nas rexionais de 2005, a Liga recupérase dos seus últimos resultados electorais e consegue o 5% e o 5,6% dos votos nacionais, respectivamente. Esta repunta confírmase nas eleccións lexislativas de 2008, nas que Bossi solicita algo máis de 3 millóns de votos, o 8,34% do total.
Neste punto, a Liga Norte defendeu un proxecto federal para o país e opúxose á ratíficación do Tratado de Lisboa.
De Bossi a Salvini, a reconversión da Liga ao populismo de dereitas
[editar | editar a fonte]A principios dos anos 2010, a Liga Nord estaba dividida internamente entre os partidarios do líder histórico Umberto Bossi, e de Roberto Maroni, ministro do interior entre 2008 e 2011, con Belrusconi. Maroni chegou á secretaria xeral da Liga en 2013, loga da dimisión de Bossi. Maroni deixou o seu cargo para centrarse nas eleccións a presidente da Lombardía, co cal quedou un baleiro na lideraxe da Liga Nord, que foi aproveitado por Matteo Salvini, para facerse coa Secretaria Federal da Liga no congreso do 7 de decembro do 2013.
Salvini propuxo un novo horizonte para o partido, deixando a independencia da Padania nun segundo plano, plantexando un modelo de estado máis federal. Igualmente, propuxo facer achegar ao partido aos movementos populistas de extrema dereita, centrándose en cuestións coma a inmigración e o euroescepticismo.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web da Liga Norte Arquivado 05 de decembro de 1998 en Wayback Machine.
- Padanos no Estranxeiro Arquivado 05 de xuño de 2008 en Wayback Machine. páxina web oficial dos padanos no estranxeiro