Linguaxe humana
A linguaxe humana é un sistema de signos vocais articulados mediante o cal as persoas se comunican entre si.
A linguaxe humana máis característica son as linguas naturais, mais tamén se usan outras, como o fume, as sirenas das fábricas, os semáforos, a roupa, os xestos etc.
Os sistemas de comunicación
[editar | editar a fonte]Síntoma, símbolo e signo
[editar | editar a fonte]Un síntoma ou indicio é un fenómeno ou acontecemento que está asociado a outro pola súa propia natureza. Así, o fume asóciase ao lume e a febre a unha infección. Pola experiencia relacionamos estas parellas e podemos deducir os segundos membros a partir do primeiros. A información que se obtén, porén, non parte dunha intención comunicativa por parte dunha persoa.
Un símbolo é un obxecto ou representación que garda relación de semellanza formal con aquilo ao que remite e que se transmite con intención comunicativa. Presenta un significante que reproduce de forma máis ou menos esquemática os trazos básicos do que significa. Son exemplos de símbolos os deseños que representan nubes ou o sol nunha cámara fotográfica e que orientan sobre o seu uso. Un símbolo é interpretábel por aquel que coñece os feitos aos que se remite. Os símbolos están inmersos nunha cultura e, cando se alcanzan certos graos de abstracción só se entenden dentro dun sistema cultural dado. É o caso, por exemplo, da cruz e a media lúa como símbolos de dúas relixións. O mesmo símbolo (ou deseño ou significante) pode estar asociado a un significado diferente cando ese significante está inmerso en culturas ou contextos distintos; así, as cruces esvásticas nos gravados rupestres ou na ideoloxía nazi.
Un signo. é tamén un obxecto ou representación que se transmite con intención comunicativa mais no que non existe unha motivación nin semellanza formal entre o significante (aquilo que empregamos para representalo) e o significado (o obxecto ou idea ao que se fai referencia). A asociación de significante e significado é puramente convencional. Un exemplo de sistema de signos é o dos semáforos.
- Certos sistemas de sinais utilizan simultaneamente símbolos e signos, como por exemplo os sinais de tráfico. Un triángulo con bordo vermello e fondo branco é signo dun perigo, especificado cunha frecha que mira cara á dereita, símbolo dunha curva á dereita.
Nos Estados Unidos esta terminoloxía varía un pouco e úsase índice ou indicio para a nosa síntoma, icona para o noso símbolo e símbolo para o noso signo.
Código e mensaxe
[editar | editar a fonte]Un código é un conxunto de símbolos ou signos máis as regras para a súa combinación correcta.
Unha mensaxe é unha utilización concreta válida de signos ou símbolos pertencentes a un código.
- O código dos semáforos está formado polas luces e o significado correspondente. Cando se mostra unha luz estase enviando unha mensaxe. Noutras palabras, a mensaxe actualiza (converte en acto) o código.
Tanto a emisión (codificación) como a recepción (decodificación) dunha mensaxe esixen que o emisor e o receptor coñezan o código. Nun texto cifrado o receptor non entenderá a mensaxe se non coñece o código.
Lingua e fala
[editar | editar a fonte]Saussure, fundador da lingüística moderna, distinguiu entre os conceptos de lingua e fala e fixo desta dicotomía un dos seus alicerces. No sistema de comunicación que son as linguas naturais, a lingua é o código e a fala é a súa actualización. A lingua, polo tanto, é unha entidade abstracta.
Noam Chomsky acentuou esta diferenza introducindo os conceptos de competencia e actuación ou realización. Competencia é o coñecemento que todo falante ten dunha lingua; actuación é a posta en práctica dese coñecemento en actos de fala concretos. Para Chomsky a competencia non é abstracta e independente dos individuos senón que depende deles e ten unha orixe xenética.
Teoría da Información e Lingüística
[editar | editar a fonte]Para que se produza un acto de comunicación precísase dun emisor, un receptor e unha mensaxe, Ademais, a mensaxe ha de ser formulada nun código coñecido polo emisor e polo receptor e ha de circular por un medio ou canal. A mensaxe ten un referente, os obxectos ou ideas a que fai referencia. O ruído son os fenómenos que poden perturbar a comunicación; para superalo recórrese a información adicional, non necesaria, que se chama redundancia.