Lois XI de Francia
Lois XI de Francia,[1] coñecido como Lois o Prudente (en francés: le Prudent), nado en 1423 e finado en 1483, foi rei de Francia entre o 1461 e o 1483. Sucedeu o seu pai, Carlos VII. Lois entrou en rebelión aberta contra o seu pai nunha revolta de curta duración coñecida como Praguerie en 1440. O rei perdoou os seus vasalos rebeldes, incluído Luís, a quen confiou a xestión do Delfinado, daquela unha provincia do sueste de Francia. Porén, as incesantes intrigas de Lois levaron ao seu pai a desterralo da corte. Dende o Delfinado, Lois dirixiu a súa propia formación política e casou con Carlota de Savoia, filla de Lois de Savoia, contra a vontade do seu pai. Carlos VII enviou un exército para someter o seu fillo á súa vontade, mais Lois fuxiu ao Ducado de Borgoña, onde foi acollido por Filipe o Bo, o duque de Borgoña, o meirande inimigo de Carlos.
Cando Carlos VII morreu en 1461, Lois abandonou a corte de Borgoña para tomar posesión do seu reino. O seu gusto pola intriga e a súa intensa actividade diplomática valéronlle os alcumes de "o Astuto" (le rusé) e "a araña universal" (l'universelle aragne), xa que os seus inimigos acusárono de tear redes de complots e conspiracións.
En 1472, o posterior duque de Borgoña, Carlos o Temerario, levantouse en armas contra o seu rival Lois. Porén, Lois puido illar a Carlos dos seus aliados ingleses asinando o Tratado de Picquigny (1475) con Eduardo IV de Inglaterra. O tratado puxo fin formalmente á guerra dos Cen Anos. Coa morte de Carlos o Temerario na batalla de Nancy en 1477, a dinastía dos duques de Borgoña morreu. Lois aproveitou a situación para apoderarse de numerosos territorios de Borgoña, incluíndo a propia Borgoña e Picardía.
Sen ameazas estranxeiras directas, Lois puido eliminar os seus vasalos rebeldes, ampliar o poder real e fortalecer o desenvolvemento económico do seu país. Morreu en 1483, e sucedeuno o seu fillo máis novo Carlos VIII.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2023-12-09.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lois XI de Francia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Luís". Diciopedia do século 21 2. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. pp. 1259–1260. ISBN 978-84-8288-942-9.
Nome de dezaoito reis de Francia...
- "Luís XI de Francia". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
Rei de Francia | ||
---|---|---|
Segue a: Carlos VII |
Lois XI de Francia | Precede a: Carlos VIII |
Dinastía de Valois |