Lola Iturbe
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Dolores Iturbe Arizcuren 1 de agosto de 1902 Barcelona, España |
Morte | 5 de xaneiro de 1990 (87 anos) Xixón, España |
Ideoloxía política | Anarcosindicalismo, anarquismo feminista, anarquismo e feminismo |
Actividade | |
Ocupación | anarcosindicalista, membro da resistencia, escritora, activista polos dereitos das mulleres |
Partido político | Mujeres Libres |
Membro de | |
Carreira militar | |
Lealdade | Segunda República Española |
Lola (Dolores) Iturbe Arizcuren, nada en Barcelona o 1 de agosto de 1902 e finada en Xixón o 5 de xaneiro de 1990, foi unha activista anarquista española durante a Segunda República e maqui da Resistencia na ocupación nazi de Francia.[1][2] Serventa, costureira de pantalóns dende nena e autodidacta, foi membro da CNT e unha das fundadoras do movemento anarco-feminista Mujeres Libres e do Comité de Milicias Antifascistas durante a Guerra Civil. Escribiu en Tierra y Libertad as crónicas de guerra na fronte de Aragón. Ao remate do conflito exiliouse en Francia co seu compañeiro, Juan Manuel Molina, Juanel. Ambos formaron parte da Resistencia francesa.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Filla de nai solteira, o seu avó renegou da súa nai, Micaela Iturbe. Esta tivo que abandonar a súa vila natal, Monreal (Navarra) e instalouse en Barcelona, onde deu a luz a Lola. As vicisitudes económicas fixeron que confiase a súa filla recentemente nada a un matrimonio valenciano[3], con dous nenos e unha nena, que pronto se trasladou a Cerdá (Valencia).
Tras sete anos Micaela foi buscar a nena a Cerdá. Lola descubriu así que tiña outra nai, e marcharon para Barcelona. Instaláronse na casa de Roque Ponsetí Cardona e a súa filla, quen precisaba coidados constantes polos seus problemas de asma, onde tamén traballou de cociñeira. Adaptarse á nova vida non foi fácil, xa que pasou da liberdade da vila ás restricións da vida urbana. Lola e a súa nai abriron unha pequena pensión na rúa Rossic tras a creba do negocio da familia Posentí.
Iniciouse no oficio de costureira con nove anos, primeiro como aprendiza e despois como criada e cosendo pantalóns, este último o seu oficio definitivo.[4]
A pensión familiar era frecuentada por xente de clase obreira, homes de ideas e compañeiros expostos ás ideas propias da axitación social do momento. Esa pensión supuxo para Lola unha especie de escola libertaria. Alí foi tomando contacto coa realidade social do seu tempo.
Aos catorce ou quince anos afiliouse á CNT. Comezou a realizar tarefas de axuda e auxilio a presos, e actuou ademais como enlace. No Grupo Germen coñeceu a Faustino Vidal, pai da súa filla Aurora, nada en 1923. Tras este morrer o ano seguinte de tuberculose, uniuse a Juan Manuel Molina Herrero, Juanel. Con el tivo outro fillo, Helenio, nado en 1926.[4] Fuxiron a Francia e despois a Bruxelas pola Ditadura de Primo de Rivera, e regresaron a Barcelona á caída desta. En 1932 Juanel foi detido e encarcerado durante todo un ano.[5]
Publicou artigos no semanario Tierra y Libertad cos pseudónimos Kyralina e Libertad. Tamén participou como oradora nun mitin organizado por Tierra y Libertad en nome da Federación Anarquista Ibérica (FAI) xunto a Francisco Ascaso e Buenaventura Durruti, entre outros.[5]
Durante a Guerra Civil foi redactora nas frontes de loita para Tierra y Libertad, Tiempos Nuevos e Mujeres Libres. Foi militante desta última organización.[5]
No exilio escribiu a obra La Mujer en la lucha social y en la Guerra Civil de España. Nela fai relación de personalidades relevantes da historia e das mulleres obreiras e libertarias máis destacadas do século XX.[6]
En 1938 acompañou a Emma Goldman nos seus desprazamentos á fronte e ás colectividades anarquistas. Ao remate da guerra fuxiu a Francia, onde continuou coa súa militancia anarquista. A partir de 1943 participou na reorganización do movemento libertario francés e en accións de axuda á Resistencia antinazi. De 1946 a 1952 traballou intensamente en Tolosa no seu antigo oficio, como costureira de pantalóns.[4]
En 1979 volveu a Barcelona, mais ao morrer o seu compañeiro trasladouse a Xixón coa súa filla. Alí morreu o 5 de xaneiro de 1990.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Lola Iturbe, sindicalista libertaria". El País (en castelán). 6 de xaneiro de 1990. Consultado o 20 de xuño de 2023.
- ↑ "Lola Iturbe, biografía y memorias". LaMalatesta (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 17 de xaneiro de 2018.
- ↑ "Lola Iturbe Anarquista". CNT Puerto Real (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2016.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Soriano Jiménez, Ignacio C. "Dolores Iturbe Arizcuren". Real Academia de la Historia (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 "Iturbe Arizcuren, Lola". Memoria Libertaria (en castelán). 1 de agosto de 2018.
- ↑ Iturbe, Lola (2012). La mujer en la lucha social y en la Guerra Civil de España (en castelán). Tierra de Fuego. ISBN 9788493830632. OCLC 783122079.
- ↑ Fontanillas, Antonia; Itube Arizcuren, Lola; Torres Planells, Sonya (2006). Lola Iturbe Arizcuren: vida e ideal de una luchadora anarquista. Acracia (en castelán) (1ª ed.). Barcelona: Virus Editorial. ISBN 9788496044692. OCLC 496571380.