MV Erkowit
O MV Erkowit foi un buque cargueiro con bandeira sudanesa que en novembro de 1970 quedou embarrancado na ría da Coruña.
Características do barco
[editar | editar a fonte]O Erkowit era un barco mercante de 4950 toneladas.[1] Recibía o seu nome da localidade homónima sudanesa.[2]
Accidente
[editar | editar a fonte]O 30 de outubro de 1970, o Erkowit, con 60 tripulantes a bordo, navegaba a 12 millas do cabo Vilán, estaba facendo a ruta entre Liverpool e Port Sudan cando en medio dunha densa néboa chocou co buque alemán Dortmund, que rescatou os tripulantes, á altura do cabo Vilán.[3][4] O barco sudanés foi o máis danado, cun buraco, no seu lado de estribor, de oito metros de diámetro que chegaba á cuberta. A pesar disto, a nave permaneceu a flote. O remolcador alemán Rotesand, con base na Coruña, remolcou o Erkowit ata a baía da Coruña para intentar a súa reparación.[5]
Unha vez dentro da ría, o práctico do porto, que subira a bordo do Rotesand, ordenou aos capitáns do Erkowit e do Rotesand que permanecesen sen entrar no porto nin moverse, ata novo aviso, na zona onde estaban, entre os puntos de Punta Mera e Punta Canabal, fronte á praia de Bastiagueiro. Pero en canto o práctico desembarcou, ambos os capitáns, e de mutuo acordo, decidiron varar o Erkowit na enseada que forma Punta Fiaiteira e a punta de Porto Cobo en Santa Cruz, Oleiros. O Rotesand suspendeu entón os traballos de rescate do Erkowit, abandonando o rescate.
Durante as seguintes horas e días intentaron tapar as vías de auga no casco para reflotalo e salvar a nave e a súa carga. Pero o mal tempo complicou a operación. O 12 de decembro, un dos mergulladores da Mariña que traballaba na reparación, Antonio Rondón Guil, faleceu cando, mentres se mergullaba na bodega número 4 do barco, o seu conduto de respiración rompeuse. Dous barcos participantes nos labores de rescate afundíronse.
Finalmente foi imposible taponar as vías e o barco afundiu o día 31 de outubro na praia de Bastiagueiro provocando a perda da súa carga, formada, entre outros produtos, por 2000 bidóns de insecticida.[5]
Os restos do barco foron despezados.[6]
Impacto ecolóxico
[editar | editar a fonte]O embarrancamento provocou unha vertedura tóxica. O marisqueo e a pesca prohibíronse na ría durante case un ano, e a vertedura supuxo o fin das bateas de mexillón que ata o momento poboaban a ría e a morte de numerosas especies mariñas nas rías de Ferrol, Ares e Coruña.
O 24 de novembro de 1971 levantouse totalmente a prohibición da pesca e o marisqueo na baía da Coruña e na ría do Burgo.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Lema Mouzo, Rafael (2014). Catálogo de naufragios. Costa da Morte (PDF) (en castelán). Elven, Don Clic. Consultado o 26-12-2017.
- ↑ "Discover Sudan!". Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2017. Consultado o 26 de decembro de 2017.
- ↑ "La diabólica saga del mar". Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2017. Consultado o 26 de decembro de 2017.
- ↑ Blog El róbalo
- ↑ 5,0 5,1 Erkowit
- ↑ Blog Desde la croa
- ↑ "Levantamiento de la prohibición de marisqueo en la ría coruñesa". ABC (en castelán). 26-11-1971. Consultado o 26-12-2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "El “Erkowit”, encallado frente a Bastiagueiro, transportaba sustancias tóxicas". ABC (en castelán). 15-11-1970. Consultado o 26-12-2017.
- Blog Háblame de barcos