Manuel Colmeiro Guimarás
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de agosto de 1901 Silleda, España |
Morte | 1 de outubro de 1999 (98 anos) Salvaterra de Miño, España |
Actividade | |
Ocupación | pintor |
Familia | |
Fillos | Elena Colmeiro |
Manuel Colmeiro Guimarás, nado en Chapa (Silleda) o 7 de agosto de 1901 e finado en Salvaterra de Miño o 1 de outubro de 1999, foi un pintor galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Sendo moi novo, emigrou a Buenos Aires onde compaxinou estudos pictóricos nocturnos co traballo nunha fábrica de zapatos. Durante un ano estudou por libre na Academia de Belas Artes, que abandonou para formar un grupo de traballo con pintores e escultores como Demetrio Urruchúa, Pompeyo Audivert e Plana Casas. Moitas das obras realizadas nesta etapa, de carácter expresionista, destruíunas antes do seu regreso a Galiza en 1926.
Realizou a súa primeira exposición en 1928 nos salóns do Faro de Vigo en Vigo. A Deputación de Pontevedra concedeulle unha bolsa que lle permitiu viaxar a Madrid e asistir á Academia de San Fernando, aínda que semella que el preferiu formarse por libre asistindo asiduamente ao Museo do Prado. Este mesmo ano casou con Emilia González Colmeiro. En 1932 participou nunha exposición sobre novos pintores galegos na Barraca de García Lorca.
Ao estalar a Guerra Civil española exiliouse a Arxentina e residiu en Buenos Aires até 1948. Durante estes anos participou no ambiente dos exiliados relacionándose con Luis Seoane, Rafael Dieste e Rafael Alberti entre outros. No 1949 trasladouse a París, residencia na que morou até o ano 1989 en que regresou a Galiza. Está considerado un dos integrantes da Escola Española de París.
Nos anos 60 chegoulle o recoñecemento masivo con exposicións individuais en Londres, París e Madrid. A temática da súa obra céntrase na paisaxe e na cultura popular galega. Colmeiro, Seoane, Laxeiro, Arturo Souto e Maside integraron o grupo coñecido como "Os Novos" ou "Os Renovadores". Todos eles son pintores nacidos a principios do século XX, considerados continuadores da Xeración Nós, e caracterizados por unha obra cunha temática marcada por unha galeguidade peneirada pola estética das vangardas (expresionismo, cubismo e abstracción). Entre todos eles Colmeiro destaca polo seu intimismo e o concepto lírico dos ambientes, sendo considerado o máis tradicional do grupo.
Recibiu varios premios ao longo da súa carreira artística: o "Premio das Artes" da Xunta de Galicia (1987) ou o "Premio Celanova, Casa dos Poetas" en 1996.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "La pareja humana / Cómo ver la obra". Consultado o 2017-06-16.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bonet Correa, Antonio (1954): Manuel Colmeiro. Vigo, Editorial Galaxia.
- Campoy, A. M. (1975): Diccionario crítico del arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic.
- Castro, Xosé Antón (1994). Manuel Colemiro. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-7154-924-2.
- Castro, Xosé Antón (1986): Renovación e avangarda en Galicia. (1925-1933) Deputación de Pontevedra.
- Castro, Xosé Antón (1987): Colmeiro, Monografía. IX Bienal Nacional de Arte. Pontevedra.
- Castro, Xosé Antón (1994): Manuel Colmeiro. Monografías da Arte Galega. Ed. Galaxia. ISBN 978-84-7154-924-7.
- Colmeiro/Picasso (1987): Caderno da IX Bienal Nacional de Arte. Deputación de Pontevedra.
- Gaya Nuño, J. A. (1970): La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Edic..
- Ilarri Gimeno, Ángel (1978): Catálogo do Pazo Museo «Quiñones de León». Concello de Vigo.
- López, Pablo (1992): "Lugrises das paredes, e a Primavera de Colmeiro". Faro de Vigo, artigo do 16 de febreiro, coa obra reproducida con fotografía de Magar.
- Mon, Fernando (1987): 'Pintura contemporánea en Galicia'. A Coruña, Caixa Galicia.
- Pablos, Francisco (1981): Plástica galega. Vigo, Caixavigo.
- Pablos, Francisco (1992): Colección Adriano Marques de Magallanes. Concello de Vigo.
- Parada, Carmen (1991): "Lugrís e Colmeiro: da parede ao lenzo". La Voz de Galicia, artigo do 5 de decembro.
- VV.AA. (1972): Diccionario de pintores españoles contemporáneos. Madrid, Edic. Estiarte.
- VV.AA. (1984): Un siglo de pintura gallega, 1880/1980. Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes.
- VV.AA. (1999): "M. Colmeiro a través da súa obra", catálogo da antolóxica de 1999 reproducido na p. 127; conversacións mantidas con Teresa Orrio desde o seu obradoiro de Compostela.