Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Marga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Margas azuis preto de Col St. Jean, ricas en fósiles.
Marga
Perfil xeolóxico do túnel do canal da Mancha construído principalmente a través de capas de diversos tipos de marga.

Unha marga é unha rocha sedimentaria de tipo terríxeno, composta por unha fracción arxilosa e outra carbonatada, xeralmente de carbonato de calcio (calcita), ou ben de carbonato de magnesio e calcio (dolomita [MgCa(CO3)2]). Como minerais accessorios poden presentar xeralmente cuarzo, mica, grafito, xeso ou pirita. A súa densidade é de 2-2,65. Nas margas típicas, a porcentaxe de carbonato de calcio vai do 35% ao 65%;[1] por riba e por debaixo destes valores hai termos de transición cara ao calcario (ou dolomía) polos contidos altos de carbonato ou ben cara á arxila polos contidos baixos de carbonato. Marga era orixinariamente un vello termo aplicado laxamente a unha gran variedade de materiais, moitos de orixe sedimentaria, basicamente mesturas de arxila e carbonato de calcio, formados en condicións acuáticas.[2] Este tipo de rochas deriva de sedimentos fangosos de orixe principalmente mariña en condicións de baixa enerxía do medio.

Ambiente sedimentario e características fisicoquímicas

[editar | editar a fonte]
Margas do barranco de Runals (Serra do Jordal)
Paso de calcario (100% de carbonato de calcio) a arxila (100% de minerais arxilosos).[3] A marga en sentido estrito, está entre o 35% e o 65% de CaCO3 (ou de minerais arxilosos)

As margas son rochas derivadas da diaxénese de lodo de composición mixta, constituídas por fraccións variables de carbonato de calcio e de minerais arxilosos. A fracción terríxena fina é orixinada por áreas continentais adxacentes á área de sedimentación, mentres que a fracción carbonatada pode derivar da precipitación química (no caso de cuncas de lagoas ou de lagos con sedimentación evaporítica), ou da sedimentación por decantación de restos de organismos microscópicos con casca ou esqueletos de composición calcaria.

O ambiente sedimentario destes litotipos pode ser de lagoa, mariño ou de lago. Os clastos, de composición predominantemente filosilicatada teñen uns grans con dimensións inferiores a 1/16 de milímetro. O cemento da rocha (por definición, carbonatado) pode estar constituído por calcita ou aragonita, mais tamén existen margas dolomíticas coa fracción carbonatada dolomitizada.

O aspecto pode ser terroso e máis ou menos friable ou masivo con fractura prismática ou tamén cóncava. A miúdo, os sedimentos margosos son fosilíferos, ás veces con abundancia de formas e exemplares con fósiles en bo estado de conservación. Como rocha carbonatada, reacciona con efervescencia inmersa en ácido clorhídrico.

Distribución

[editar | editar a fonte]
Afloramento de Bunter Merge, Stuttgart, Alemaña, Triásico inferior

As margas (en senso amplo) son sedimentos típicos da plataforma continental e de mares epicontinentais, ou sexa, de mares situados sobre parte da codia continental. Derivan de dúas fontes principais:

  • Aportacións clásticas finas, derivadas de áreas continentais feitas aflorar pola erosión e axentes atmosféricos.
  • Aportacións carbonatadas, que poden derivar da decantación de organismos do plancto ou da fracción carbonatada.

Os sedimentos margosos esténdense tamén no dominio peláxico máis profundo e na parte máis próxima da chaira abisal.

Os sedimentos margosos están moi difundidos por todo o mundo. Cando están erosionados, toman o aspecto de bad lands, terras ermas onde practicamente non crece ningunha planta.

O principal aproveitamento das margas é para fabricar cemento, xa que o seu alto contido en carbonato de calcio e a presenza de arxilas expansivas (esmectitas) acostuma a impedir o seu uso como materia prima na industria cerámica. Tamén se utilizan como emenda calcaria (incorporación de calcio) en terreos de cultivo ácidos.

As margocalcarias ou calcarias arxilosas son margas cun contido de carbonatos entre un 75 e un 80% (ou 65-90%) e o resto é arxila.[4]

  1. Blatt, Harvey; Tracy, Robert J. (1996). Petrology : igneous, sedimentary, and metamorphic (2ª ed.). New York: W.H. Freeman. ISBN 0716724383.
  2. Sedimentary Rocks. Pettijohn, F. J., Harper& Brothers New York 1957, p. 410
  3. Definición en Tesionline
  4. Diccionari de gieologia

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]