Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Metabolito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un metabolito[1][2][3] ou metabólito é un composto orgánico intermediario ou produto do metabolismo. O termo resérvase xeralmente para moléculas orgánicas pequenas ou para monómeros, por oposición ás macromoléculas. Así, a glicosa é un metabolito, contrariamente ao glicóxeno, que é un polisacárido de elevado peso molecular. O termo úsase principalmente en bioquímica, bioloxía celular e farmacoloxía.

Os metabolitos orixínanse uns a partir dos outros en cadeas de reaccións chamadas vías metabólicas, catalizadas por encimas. O metaboloma é o conxunto de metabolitos da célula, que forma unha ampla rede de rutas metabólicas interrelacionadas. Diversas enfermidades xenéticas poden facer que non funcione correctamente un encima dalgunha vía metabólica e se acumule algún metabolito desa vía, o que produce os síntomas ou serve para o diagnóstico.

Os metabolitos xeralmente permanecen dentro das células, pero tamén poden ser expulsados ao exterior. Os metabolitos dos tóxicos inhalados, inxeridos ou dispersados no medio son de interese para os toxicólogos, ecotoxicólogos e ecólogos, porque son indicadores de contaminación ou porque a súa toxicidade pode ser maior ca a da molécula da que proceden, como ocorre con certas moléculas químicas, como por exemplo o monometil mercurio ou o dimetilmercurio, que son máis tóxicas e bioacumulables ca o propio mercurio metálico puro. En certos casos ignórase se certas moléculas problemáticas atopadas no solo, aire e auga son simples residuos de degradación física (por efecto dos raios ultravioleta, por exemplo) ou se se trata de verdadeiros produtos metabólicos dos seres vivos.

Os metabolitos derivados dun composto químico, xa sexa este celular ou un fármaco administrado, fórmanse durante os procesos bioquímicos de transformaciòn, degradación e eliminación dese composto dentro da célula. A taxa de degradación dun composto é un importante determinante da duración e intensidade da súa acción. Estudar os metabolitos dun composto farmacéutico, é unha parte importante das investigacións para descubrir novos fármacos, que permite comprender os posibles efectos secundarios indesexados que orixina.

Clasificación

[editar | editar a fonte]

Distínguese entre metabolitos primarios e secundarios.

  • Os metabolitos primarios están directamente implicados nos procesos indispensables para o desenvolvemento normal e a reprodución da célula. Son por exemplo os aminoácidos, os ácidos carboxílicos, os alcohois, os antioxidantes, os nucleótidos, os poliois ou as vitaminas. Moitos metabolitos primarios son interesantes para industria e son producidos pola microbioloxía industrial.[4]
  • Os metabolitos secundarios non participan directamente nos procesos vitais da célula, mais interveñen tamén en funcións ecolóxicas importantes. Son por exemplo os antibióticos e os pigmentos. Nas plantas, os metabolitos secundarios son importantes para a supervivencia e a propagación da especie. Nelas exercen funcións, como feromonas ou sinais químicos que permiten á planta adaptarse ao seu medio, ou medios de defensa contra os herbívoros, os patóxenos ou os competidores. Outros protexen a planta das radiacións solares ou facilitan a dispersión do pole e das sementes [5].
    • A nicotina é un metabolito secundario produto da degradación dunha das moléculas indispensables para a fotosíntese, e, por tanto, para a vida das plantas. Pero esta nicotina non é directamente útil para a supervivencia da planta do tabaco. Ademais, a nicotina só está presente nas plantas con flor.
    • O taxol produto do teixo é un metabolito secundario derivado dunha molécula necesaria para a síntese da membrana plasmática das células e de certos pigmentos da fotosíntese.
  1. Definición de Metabolito no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. Tomo 12. Páxina 62. Metabolito. ISBN 84-7680-288-9 (da obra); 84-7680-300-1 (do tomo)
  3. Vocabulario de Química. 2002. Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. metabolito
  4. Demain, Arnold L. "Microbial Production of Primary Metabolites." MIT, 1980. Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine. (en inglés)
  5. Peter H.Raven, Ray F.Evert, Susan E.Eichhorn. Biologie végétale, 2ª edición, De Boeck, 2007. ISBN 978-2-8041-5020-4. (en francés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]