Miguel Pardeza
Pardeza | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Miguel Pardeza Pichardo | ||
Nacemento | 8 de febreiro de 1965 | ||
Lugar de nacemento | La Palma del Condado | ||
Altura | 172 centímetros | ||
Posición | dianteiro | ||
Carreira xuvenil | |||
1979–1982 | Real Madrid | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1982–1985 | Castilla | 69 | (14) |
1983–1987 | Real Madrid | 28 | (5) |
1985–1986 | → Zaragoza | 26 | (5) |
1987–1997 | Zaragoza | 271 | (71) |
1997–1999 | Puebla | 36 | (6) |
Selección nacional | |||
1980–1981 | España sub-16 | 3 | (1) |
1982–1983 | España sub-18 | 13 | (1) |
1986 | España sub-21 | 3 | (0) |
1987–1988 | España sub-23 | 2 | (0) |
1989–1990 | España | 5 | (0) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Miguel Pardeza Pichardo, coñecido deportivamente como Pardeza, nado en La Palma del Condado, Huelva, o 8 de febreiro de 1965, é un exfutbolista e filólogo español.
Comezou a súa carreira no Real Madrid, onde foi o único membro non madrileño da "Quinta do Voitre", aínda que os seus maiores éxitos logrounos co Zaragoza. Foi cinco veces internacional coa selección española, coa que disputou o Mundial de 1990.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Como xogador
[editar | editar a fonte]Real Madrid
[editar | editar a fonte]Formouse dende os 14 anos na canteira do Real Madrid, e na tempada 1982/83 debutou co filial, o Real Madrid Castilla, na Segunda División. Na seguinte tempada o Castilla proclamouse campión de Segunda, e o xornalista Julio César Iglesias alcumou como "Quinta do Voitre" a un grupo de cinco xogadores do equipo, formado por Emilio Butragueño, Manolo Sanchís, Míchel, Rafael Martín Vázquez e o propio Pardeza.[1]
O derradeiro día de 1983, debutou co primeiro equipo na Primeira División, nun partido contra o Espanyol, entrando nos minutos finais como substituto de Uli Stielike.[2] Disputou un total de 3 partidos co equipo de Di Stéfano esa tempada, e na seguinte, mentres os seus compañeiros se consolidaban no primeiro equipo, el continuou no filial, co que marcou 12 goles.
Na tempada 1985/86 foi cedido ao Zaragoza, co que disputou 39 partidos, marcando 10 goles, e contribuíu na conquista da Copa do Rei, realizando unha destacada actuación na final ante o FC Barcelona.[3] O Real Madrid recuperouno para o ano seguinte, pero no club branco encontrouse coa dura competencia de Butragueño, Hugo Sánchez e Valdano, que ocupaban a liña atacante titular, ademais do veterano Santillana. A súa grande oportunidade chegou coa lesión de Valdano, aproveitando para facerse coa titularidade. Disputou 25 partidos de liga e marcou cinco goles, dous deles ante o Zaragoza, e debutou na Copa de Europa. Ese ano o Real Madrid gañou a segunda das cinco ligas consecutivas que gañou a finais dos anos oitenta.
Zaragoza
[editar | editar a fonte]Ao remate da tempada, Pardeza deixou o club madrileño para xogar no Zaragoza. No club aragonés destacaban futbolistas como o veterano Señor, os centrais Juanito e Fraile, ou os futuros internacionais, Villarroya e Vizcaíno e sobre todo o histórico dianteiro uruguaio Rubén Sosa. Militou no equipo durante os seguintes 10 anos, exercendo como capitán dende a retirada de Señor, e formou unha célebre dianteira xunto con Paquete Higuera.[4][5] Con Radomir Antić como adestrador, o equipo clasificouse para a Copa da UEFA, e con Víctor Fernández proclamouse campión da Copa do Rei na campaña 1993/94 e da Recopa de Europa na seguinte.
Deixou o club en 1997, despois de 369 partidos oficiais e 97 goles.
Puebla
[editar | editar a fonte]A continuación marchou a México, onde fichou polo Puebla,[6] club co que xogou dúas tempadas na Primeira División antes de colgar as botas.
Selección española
[editar | editar a fonte]Foi internacional coas categorías inferiores da selección española, e en 1986 proclamouse campión da Eurocopa sub-21, despois de derrotar na final a Italia.[7]
Coa selección absoluta tivo poucas oportunidades, pois o posto de segundo dianteiro estaba monopolizado polo seu antigo compañeiro e amigo Emilio Butragueño (o primeiro era Julio Salinas). Aínda así foi internacional en cinco ocasións e foi convocado para o Mundial de 1990 en Italia, onde estiveron presentes todos os integrantes da "Quinta do Voitre".
Trala retirada
[editar | editar a fonte]Entre 2002 e 2008 foi director deportivo do Zaragoza e de 2009 e 2014 ocupou o mesmo cargo no Real Madrid, durante a presidencia de Florentino Pérez.[8][9]
Comezou a estudar Dereito na súa época de futbolista, pero tras varios anos deixouno para estudar o que realmente lle gustaba, a Filoloxía Hispánica.[4] Licenciouse e realizou a súa tese de doutoramento sobre a obra de César González Ruano, sobre quen tamén editou unha ampla selección de artigos xornalísticos en tres volumes. O 15 de abril de 2016 recibiu o premio ao Alumno Distinguido da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Zaragoza, a súa alma máter, nun acto solemne presidido polo reitor, José Antonio Mayoral, o conselleiro de Innovación, Investigación e Universidade do Goberno de Aragón, Pilar Alegría, e o decano da facultade, Eliseo Serrano Martín, celebrado no Paraninfo da Universidade de Zaragoza.
Grande afeccionado á lectura, posúe unha colección de máis de 15.000 libros.[10][4] En 2016 publicou a súa primeira novela, titulada Torneo, e no 2020 saíu á luz o seu segundo libro, de título Angelópolis.[11]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Castilla
- Segunda División (1): 1983/84.
- Real Madrid
- Primeira División (1): 1986/87.
- Zaragoza
- Copa do Rei (2): 1985/86, 1993/94.
- Recopa de Europa (1): 1994/95.
Obra
[editar | editar a fonte]- Torneo (2016).
- Angelópolis (2020).
Edicións
[editar | editar a fonte]- César González Ruano. Obra periodística (1925-1936), Fundación Cultural Mapfre Vida, Madrid, 2002.
- César González Ruano. Obra periodística (1943-1965), Tomos I e II Fundación Cultural Mapfre Vida, Madrid, 2003.
- César González Ruano, Necrológicas, Fundación Cultural Mapfre Vida, Madrid, 2005.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Segurola, Santiago (17 de novembro de 2003). "La Quinta cumple 40". El País (en castelán). Consultado o 7 de maio de 2022.
- ↑ "Se cumplen 30 años del debut de la Quinta del Buitre" (en castelán). 4 de decembro de 2013. Consultado o 7 de maio de 2022.
- ↑ Relaño, Alfredo (26 de abril de 1986). "El Zaragoza aguantó con un gol de rebote 60 minutos de presión barcelonista". El País (en castelán). Consultado o 7 de maio de 2022.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Corazón Rural, Álvaro (Febreiro de 2015). "Miguel Pardeza: «Para los jugadores sin un físico poderoso como yo, Maradona era una escuela»" (en castelán). Consultado o 7 de maio de 2022.
- ↑ Valero, S. (30 de novembro de 2015). "Miguel Pardeza: "La generación de la Recopa merecía más crédito"" (en castelán). Consultado o 7 de maio de 2022.
- ↑ "Pardeza prueba suerte en el fútbol mexicano". El País (en castelán). 30 de outubro de 1997. Consultado o 7 de maio de 2022.
- ↑ "La Selección española Sub-21 tiene en su haber tres títulos de Europa y es la vigente campeona. El primero lo conquistó en 1986." (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 07 de maio de 2022. Consultado o 7 de maio de 2022.
- ↑ "Pardeza presenta su dimisión como director deportivo" (en castelán). 19 de maio de 2008. Consultado o 7 de maio de 2022.
- ↑ Pujol Alemany, Bernat (4 de xullo de 2014). "El Real Madrid prescinde de su director deportivo de futbol, Miguel Pardeza". Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 7 de maio de 2022.
- ↑ "Pardeza, el futbolista que leía muchos libros" (en castelán). 19 de marzo de 2017. Consultado o 7 de maio de 2022.
- ↑ Heredia, Sergio (25 de abril de 2020). "Miguel Pardeza, el delantero que se hizo novelista". La Vanguardia (en castelán). Consultado o 7 de maio de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador no sitio web do Real Madrid (en castelán).
- Datos do xogador Arquivado 07 de maio de 2022 en Wayback Machine. na selección española (en castelán).
- Nados en La Palma del Condado
- Nados en 1965
- Futbolistas de Andalucía
- Dianteiros de fútbol
- Xogadores do Real Madrid Castilla
- Xogadores do Real Madrid CF
- Xogadores do Real Zaragoza
- Xogadores da selección de fútbol de España sub-21
- Xogadores da selección de fútbol de España
- Alumnos da Universidade Autónoma de Madrid
- Alumnos da Universidade de Zaragoza
- Filólogos de España
- Escritores de Andalucía
- Directores deportivos de fútbol de España