Momia do pantano
Unha momia do pantano é un cadáver humano que foi momificado de xeito natural nunha turbeira. Estes corpos momificados están espallados xeográfica e cronoloxicamente, existindo constancia deles entre o -8000 e a segunda guerra mundial.[1] O factor unificador dos cadáveres é que se atoparon en turba e están parcialmente preservados; porén, os niveis reais de preservación varían moito, dende os perfectamente preservados a meros esqueletos.[2]
Ó contrario doutros restos humanos antigos, as momias do pantano a miúdo conservan a pel e os órganos internos debido ás infrecuentes condicións da área de conservación. Estas condicións inclúen auga con acidez alta, baixas temperaturas e a falta de osíxeno. Isto permite conservar o corpo, aínda que a pel se encurte fortemente. Malia que a pel presérvase bastante ben, polo xeral non ocorre o mesmo cos ósos, xa que o ácido das turbeiras disolve o fosfato de calcio.
A momia do pantano máis antiga que se coñece é o esqueleto do home de Koelbjerg de Dinamarca, que foi datado no -8000, durante o período Mesolítico.[1] O corpo máis antigo é o do home de Cashel, que data do -2000, durante a Idade de Bronce.[3] A inmensa maioría das momias do pantano, incluíndo exemplos como o home de Tollund, o home de Grauballe e o home de Lindow datan da Idade de Ferro, e foron atopados en zonas do noroeste europeo, particularmente en Dinamarca, Alemaña, os Países Baixos e as illas Británicas. Estas momias da Idade de Ferro amosan gran número de semellanzas, como mortes violentas e falta de roupa, o que levou ós arqueólogos a crer que foron asasinados e logo depositados nos pantanos como parte dunha estendida tradición cultural de sacrificios humanos ou execución de criminais.[1] Os corpos do pantano máis recentes atopados pertencen ós soldados mortos en terras húmidas de Rusia durante a segunda guerra mundial.[1]
O científico alemán Alfred Dieck publicou un catálogo de máis de 1 850 momias do pantano que el rexistrou entre 1939 e 1986,[4][5] pero a maioría non foron verificados por documentación arqueolóxica;[6] e unha análise de 2002 sobre a obra de Dieck concluíu que a maioría do seu traballo non é confiable.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Fischer 1998. p. 237.
- ↑ Van der Sanden 1996. p. 7.
- ↑ Hart, Edward, dir. "Ghosts of Murdered Kings." NOVA. Prod. Edward Hart and Dan McCabe. PBS. 29 Jan. 2014. Television.
- ↑ Dieck, Alfred (1965). Die europäischen Moorleichenfunde (Hominidenmoorfunde) (en alemán). Neumünster: Wachholtz. pp. 136pp.
- ↑ Glob, Peter Vilhelm (1969). The Bog People: Iron Age Man Preserved. Londres: Faber and Faber. pp. 101.
- ↑ 6,0 6,1 Eisenbeiß, Sabine (2003). Bauerochse, Andreas, ed. Bog-bodies in Lower Saxony - rumours and facts: an analysis of Alfred Dieck's sources of information. Peatlands: archaeological sites, archives of nature, nature conservation, wise use; proceedings of the Peatland Conference 2002 in Hannover, Germany. Rhaden/Westf.: Leidorf. pp. 143–150. ISBN 3-89646-026-9.