Museo Thyssen-Bornemisza
Museo Thyssen-Bornemisza | |
---|---|
País | España |
Cidade | Madrid |
Director | Guillermo Solana |
Inauguración | 1992 |
Visitantes | 944.827 (2013) |
Na rede | |
https://www.museothyssen.org/ | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
O Museo Thyssen-Bornemisza é unha pinacoteca de mestres antigos e modernos situada en Madrid (España). A súa existencia débese ao acordo de arrendamento (1988) e á posterior adquisición, por parte do Goberno español (1993), do núcleo máis valioso da colección privada reunida ao longo de sete décadas pola familia Thyssen-Bornemisza. Este fondo artístico achegou numerosos exemplos de pintores estranxeiros ausentes dos museos españois, desde o gótico dos séculos XIV e XV (Duccio, Jan van Eyck) ata o pop art e os anos 1980 (Roy Lichtenstein, Lucian Freud), polo que veu a complementar o repertorio exposto nos dous principais centros estatais, o Museo do Prado e o Raíña Sofía. A apertura do Museo Thyssen-Bornemisza en 1992 deu lugar, ao unirse a estes dous museos, ao chamado Triángulo da Arte do paseo del Prado, área museística de Madrid que concentra o acervo pictórico máis importante de España.
A institución, xestionada por unha fundación baixo control público, ten a súa sede nun edificio histórico, o Palacio de Villahermosa, onde exhibe o groso da súa colección: máis de 700 obras (outras sesenta expóñense en depósito no MNAC de Barcelona). Grazas a un anexo sumado en 2004 ampliou a súa exhibición cunhas 240 pezas máis, prestadas por Carmen Cervera, viúva do barón Thyssen. Paralelamente, o museo alberga múltiples exposicións temporais.
Segundo The Art Newspaper, baseándose en datos facilitados polos propios museos, en 2013 o Thyssen foi o quinto museo máis visitado en España, con 944.827 visitantes, situándose no posto número 61 do seu ránking dos 100 museos de arte máis visitados do mundo.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ (en inglés) Visitor Figures 2013. Vol. XXIII, No. 256. April 2014, pág. 15. The Art Newspaper. Consultado o 8 de decembro de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Museo Thyssen-Bornemisza |
- Web oficial (en castelán)