Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Neotragus pygmaeus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Neotragus pygmaeus

Lámina de Neotragus pygmaeus en The Book of Antelopes, de Philip Sclater (1894)
Lámina de Neotragus pygmaeus
en The Book of Antelopes, de Philip Sclater (1894)

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Superreino: Eukaryota
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Artiodactyla
Familia: Bovidae
Subfamilia: Antilopinae
Tribo: Neotragini
Xénero: Neotragus
A. Smith, 1834
Especie: N. pygmaeus
Nome binomial
Neotragus pygmaeus
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia
Véxase o texto

Neotragus pygmaeus é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos antilopinos,[2][3] propio das selvas tropicais húmidas da África occidental.[1]

Características

[editar | editar a fonte]

É un antílope diminuto, do tamaño dun coello, o menor de todos os antílopes, de todos os ungulados e de todos os ruminantes do mundo.[4][5][6][7][8][9] De corpo delicado e compacto, sen cristas no curuto da cabeza, e lombo arredondado. Só os machos presentan cornos, que son rectos, pequenos e rematados en punta. As orellas son máis ben curtas. O fociño está espido. Os pezuños interiores son estreitos e apuntados. Presenta glándulas preorbitais e nos pezuños, e carece de glándulas inguinais. As ubres das femias teñen catro tetos.[10][11]

A cabeza e o pescozo son de cor parda escura (agás nos lados da cara e do pescozo, que son de coloración parda amarelada brillante), que se torna máis clara na parte superior do dorso. As patas e os flancos do tronco son máis claros, de cor parda amarelada, que contratan coas parte inferiores do corpo, que son de cor branca pura. Presentan un colar rubio na garganta. A cola é máis ben longa, está moi poboada de pelo, parde escura por riba, agás na parte final, que é branca, o mesmo ca parte interior. Os cornos (só nos machos) son moi pequenos, de 2,5 a 4 cm, pralelos, lisos en toda a súa lonxitude, incinados cara a atrás e rematados en puntas moi finas. As femias son similares aos machos, pero sen cornos.[11]

A lonxitude da cabeza e o tronco oscila entre os 40 e os 50 cm, a cola mide de 3 a 8 cm, e a alzada (altura na cruz) é duns 25 xm. O peso pode variar entre 1,8 e 2,5 kg.[10]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Vive nas selvas tropicais húmidas da África occidental, podéndose encotrar en Costa do Marfil, Ghana, Guinea, Liberia e Serra Leoa.[1]

Depredadores

[editar | editar a fonte]

Os seus principais depredadores son o leopardo, o ratel, as aguias, a serpe pitón e os varanos.[Cómpre referencia]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita por Linneo en 1758 na páxina 69 do volume I da 10ª edición do seu Systema Naturae,[2] baixo oi nome de Capra pygmaea.[12]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome específico, pygmaeus, é un substantivo do latín científico tirado do grego antigo πυγμαῖος pygmaĩos, 'anano'.[13][14]

(Para a etimoloxía do xénero, ver o artigo Neotragus).

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie foi recoñecida tamén polos sinónimos seguintes:[12]

  • Capra pygmaea Linnaeus, 1758
  • Antilope regia Erxleben, 1777
  • Antilope opinigera Lesson, 1827
  • Moschus pygmaeus Linnaeus, 1766
  • Nanotragus perpusillus Gray, 1851

Nomes vulgares

[editar | editar a fonte]

Nos diferentes idiomas coñécese como "antílope real", "antílope anano" e "neotrago" (coas adaptacións pertinentes en cada lingua).[10][11]

A controvertida taxonomía dos neotraguinos

[editar | editar a fonte]

Segundo Eva V. Bärmann, da Universidade de Cambridge, e o seu colega Tim Schikora, do Centro de Investigación da Biodiversidade e o Clima de Frankfurt, a pesar de que as especies de antílopes ananos se reuniron comunmente na tribo dos neotraguinos debido á súa aparencia morfolóxica xeral, as análises filoxenéticas demostraron que non todos están estreitamente relacionados, polo que suxeriron restrinxir o nome de Neotragini ao xénero tipo Neotragus. No seu estudo utilizaron secuencias do citocromo b mitocondrial e medicións lineais do cranio para investigar máis a fondo a similitude das tres especies de Neotragus. Estas análises apoian a estreita relación de N. moschatus e N. batesi. Porén, N. pygmaeus, a especie tipo —que nunca antes se incluíra nas análises filoxenéticas— non está estreitamente relacionada. Segundo estes autores, podería compartir un antepasado común máis recente con outro "antílope anano", o Oreotragus oreotragus, e cos duiqueros do taxon Cephalophini. Polo tanto, suxeriron resucitar o xénero Nesotragus Von Dueben, 1846 para Nesotragus moschatus e N. batesi, e deixando a Neotragus pygmaeus como a única especie do xénero.[15]

  1. 1,0 1,1 1,2 IUCN SSC Antelope Specialist Group (2016): Neotragus pygmaeus na Lista vermella da UICN. Versión 2018-1. Consultada o 23 de outubro de 2018.
  2. 2,0 2,1 Neotragus pygmaeus en MSW.
  3. Neotragus pygmaeus (Linnaeus, 1758) no ITIS.
  4. Kingdon, J.; Happold, D.; Butynski, T.; Hoffmann, M.; Happold, M. and Kalina, J. (2013): Mammals of Africa. Volume VI: Pigs, Hippopotamuses, Chevrotain, Giraffes, Deer and Bovids. London, UK: Bloomsbury. p. 206. ISBN 978-1-4081-2257-0.
  5. Ganeri, A. and Gibbs, B. (1990): Nature Facts & Lists (Omnibus ed.). London, UK: Usborne. p. 40. ISBN 978-0-7460-0646-7.
  6. Soest, P. J. V. (1994): Nutritional Ecology of the Ruminant (2nd ed.). Ithaca, New York (USA): Cornell University Press. p. 29. ISBN 978-0-8014-2772-5.
  7. East, R. (1999): African antelope database 1998. Gland, Switzerland: IUCN Species Survival Commission. pp. 269–70. ISBN 978-2-8317-0477-7.
  8. Rafferty, J. P. (2011): Grazers (1st ed.). New York, USA: Britannica Educational Publications. pp. 93–94. ISBN 978-1-6153-0336-6.
  9. Kilson, M. (1976): Royal Antelope and Spider: West African Mende Tales. Cambridge, UK: Press of the Langdon Associates. p. 42. ISBN 978-0-9167-0401-8.
  10. 10,0 10,1 10,2 Haltenorth & Diller 1986, p. 47..
  11. 11,0 11,1 11,2 Dorst & Dandelot 1973, p. 264..
  12. 12,0 12,1 Groves, C. & Grubb, P. 2011, pp. 144-147.
  13. pygmy no Online Etymology Dictionary.
  14. pygmy en wordcentral.com, tirado do Merriam-Webster's Student Dictionary.
  15. Eva V. Bärmann and Tim Schikora (2014): "The polyphyly of Neotragus – Results from genetic and morphometric analyses". Mammalian Biology 79 (4): 283-286.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]