Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Nintendo DS Lite

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Logotipo da Nintendo DS Lite.
Unha Nintendo DS Lite negra, co seu lapis.

A Nintendo DS Lite é unha videoconsola portátil que foi producida pola empresa xaponesa Nintendo. É a segunda versión da Nintendo DS. Este redeseño ten unha armazón máis delgada, lixeira, e pantallas con máis brillo ca a primeira versión. Lanzouse ao mercado por primeira vez o 2 de marzo de 2006[1] e a súa produción foi finalizada en 2013.

Lanzamento e vendas

[editar | editar a fonte]

No Xapón a Nintendo DS Lite saíu o 2 de marzo de 2006 a un prezo oficial de 16.800 iens,[2] aínda que por mor da excesiva demanda moitos comercios subiron o prezo até os 23.300 iens. As cores de lanzamento eran branco cristal (Crystal White), azul metálico (Ice Blue) e azul escuro (Enamel Navy). Porén, debido a problemas de confección só o branco cristal estaba dispoñíbel no día do seu lanzamento, pero as outras cores foron accesíbeis a partir do 11 de marzo de 2006. Máis adiante, o 20 de xullo de 2006, púxose a venda a nova versión rosa (Noble Pink) e finalmente o 2 de setembro de 2006 o modelo negro (Onyx Black). Para maio, Nintendo xa vendera 700.000 unidades da Nintendo DS Lite no Xapón.

A Nintendo DS Lite foi lanzada en América o 11 de xuño de 2006 a un prezo de 129,99$US con soamente a cor Polar Branco. Para o día do pai fíxose unha promoción de Nintendo DS Lite Polar Branco + Brain Training a só 129,99$US. Nos seus primeiros 10 días de venda vendeu 500.000 unidades. Posteriormente tamén estivo dispoñíbel tamén para América a cor Onyx Black que se vendeu moito en Suramérica. En Colombia, atopouse dende a súa saída a un prezo de 400.000 pesos colombianos. En países como Ecuador, Chile, México e O Salvador mantivo tamén o seu prezo orixinal e rompeu con marcas de moitas unidades vendidas dende a súa saída.

A Nintendo DS Lite saíu en Europa o 23 de xuño de 2006 a 99,99 libras no Reino Unido e 149,99 euros nos países da zona euro. En só 10 días Nintendo vendeu 200.000 unidades da DS Lite en Europa.

En Australia foi lanzada o 1 de xuño de 2006 a un prezo de 199,95$AUS coa cor Polar Branco. Coa consola incluíase un demo de Brain Training.

O 18 de xaneiro de 2007 saíu a Nintendo DS Lite en Corea do Sur a un prezo de 150.000 wons, vendendo 1 millón de unidades durante o ano. Nos seus anos de comercialización vendéronse en total 93,86 millóns de unidades da DS Lite.[3]

Características

[editar | editar a fonte]
Unha Nintendo DS Lite pechada.
  • Peso: 218 gramos[4] (21% máis lixeira ca a Nintendo DS orixinal).
  • Dimensións (pechada):
    • 133 mm x 73,9 mm x 21,5 mm[4] (a Nintendo DS orixinal ten: 148,7 mm x 84,7 mm x 28,9 mm, é dicir, a Lite ten un 42% menos).
    • Stylus máis grande; máis fácil de soster (dimensións do punteiro: 87,5 mm x 4,9 mm, fronte aos 75 mm x 4 mm da Nintendo DS orixinal).
  • CPU: Un procesador ARM9 e un ARM7.
  • Pantalla superior: TFT/LCD reflectora semitransparente en cor de 3 polgadas, con luz incorporada e unha resolución de 256x192 píxeles. É menos duradeira e resistente aos golpes (o modelo inicial de DS é máis resistente en todos os aspectos). Posúe catro tons de brillo. A pantalla amosa 260.000 cores.[4] A pantalla inferior é igual ca a superior, pero é táctil e transparente de tipo analóxico.
  • O Control Pad (cruceta direccional) reduciuse a 18,6 mm, e os botóns A, B, X e Y tamén.
  • Batería: de ión litio, cunha duración de 15 a 19 horas co menor brillo e de 5 a 8 horas co maior. Tarda 4 horas en recargar.[4]
  • Son: a consola posúe altofalantes estéreo que, dependendo do software, poden proporcionar un son virtual surround.[4]
  • O control da Wii tomou algunhas das características da DS, como o pad direccional.
  • A consola estaba dispoñíbel en oito cores: Celeste, azul, branco, rosa, verde, vermello, negro e cinsento.
  • É moito menos resistente ás rascaduras ca o modelo anterior.
  • É 100% compatíbel coa Nintendo DS orixinal, tanto en modo LAN como en Wi-Fi.
  • É compatíbel con redes inalámbricas con sistemas de cifrado WEP (non WPA nin WPA2)

A DS Lite ten o seu propio sistema de arrinque firmware. Ao acender a consola, unha advertencia de saúde e seguranza amósase en primeiro lugar, ao ser tocado o aviso, cárgase o menú principal, similar á consola Wii. O menú principal presenta ao xogador sete opcións: xogar a un xogo de DS, o uso do PictoChat, iniciar a descarga DS, xogar a un xogo de Game Boy Advance, cambiar o brillo da pantalla, activar a alarma e acceder á configuración da consola.

O firmware tamén ofrece un reloxo de alarma, varias opcións de personalización (como prioridade para o arrinque, cando se inseren os xogos de GBA e pantalla de preferencia) e a capacidade para introducir a información do usuario e as preferencias (como o nome, data de nacemento, cor favorita, etc) que poden ser utilizados nos xogos.

Dende a aparición da DS Lite, a autodenominada "scene", fai usos non autorizados das tarxetas R4, dende emular consolas de videoxogos máis antigas: Game Boy, SNES, ou mesmo NeoGeo ou MSX, a usar aplicacións para poder reproducir películas ou ficheiros de son en MP3 e Midi na Nintendo DS, pasando polos propios xogos hackeados de DS; isto provocou que a compañía Nintendo teña que atopar e denunciar aos distribuidores destes cartuchos.[5]

Nintendo DS Lite, edición Zelda.

As cores da Nintendo DS Lite no seu lanzamento xaponés foron: Cristal Branco (en Europa e América coñecido como Polar Branco), azul claro, e mariña. En América estivo dispoñíbel na cor Polar Branco. En Europa está dispoñíbel en Polar Branco, Negro Simpático -unha cor exclusiva para Europa- e Coral rosa. En América estiveron dispoñíbeis a cor Ónix e Coral rosa. Tamén houbo unha edición limitada de Onyx e negro á venda nos Estados Unidos e unha edición especial de cor dourada co xogo The Legend of Zelda: Phantom Hourglass.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]