Nivedita
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 28 de outubro de 1867 Condado de Tyrone, Reino Unido |
Morte | 13 de outubro de 1911 (43 anos) Darjeeling, India (pt) |
Relixión | Hinduísmo |
Actividade | |
Campo de traballo | Pedagoxía, Escola Nova, Traballo social e Escola Nova (pt) |
Ocupación | escritora, mestra, asistente social, sacerdotisa |
Profesores | Swami Vivekananda |
Obra | |
Obras destacables
| |
Nivedita, nada Margaret Elizabeth Noble en Dungannon o 28 de outubro de 1867 e finada en Darjeeling o 13 de outubro de 1911[1], foi unha profesora, escritora e activista social británica discípula de Vivekananda[2] que promoveu a conciencia, nacional india e a súa unidade e liberdade[3].
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu na localidade de Dungannon do condado de Tyrone, no norte dunha Irlanda entón unida a Gran Bretaña. Seus pais foron Mary Isabel e Samuel Richmond Noble que se deron o nome da súa avoa paterna[4]. A súa familia tiña a súa orixe en escoceses aveciñados en Irlanda dende había cinco séculos[5] e seu pai era un pastor protestante e a familia tivo seis fillos pero só Margaret (a máis vella), May e Richmond sobreviviron. Cando Margaret tiña un ano o pai trasladouse a Manchester para estudar teoloxía e Margaret quedou ao coidado de seu avó materno, Hamilton, en Irlanda ata que cando tiña catro anos volveu vivir cos seus pais en Great Torrington en Devonshire[1].
Ao morrer seu pai en 1877 volveu coa súa nai e os seus dous irmáns máis novos á casa de Hamilton en Irlanda. A nai fixera un curso de profesora infantil e converteuse en mestra e máis tarde axudou a seu pai a levar unha pensión preto de Belfast e foi seu avó quen lle inculcou o espírito de liberdade e amor polo seu país[6]. Margaret estudou coa súa irmá May no Crossley Orphan Home and School de Halifax[7] e tras rematar os estudos, con dezasete anos en 1884, comezou a dar clase nunha escola en Keswick ata que dous anos despois, en 1886 foi a Rugby para ensinar nun orfanato e o ano seguinte nunha escola na zona mineira de Wrexham, no norte de Gales e houbo casar cun mozo galés que morreu pouco despois de prometerse. En 1889, Margaret mudouse a Chester mentres súa irmá May e o seu irmán Richmond estaban a vivir en Liverpool. Logo, a súa nai, Mary xuntouse con eles e Margaret ía ás veces a Liperpool para estar con eles[5].
Familiarizouse coas ideas do reformador educativo suízo Johann Heinrich Pestalozzi e coas do alemán Friedrich Fröbel[8]. Tanto Pestalozzi e Froebel enfatizaban a importancia da educación preescolar; a educación había comezar por gratificar e cultivar a aptitude normal dos nenos polo exercicio, o xogo, a observación, a imitación e a construción. Un grupo de profesores en Gran Bretaña sentiuse atraído por este novo método de ensino e intentaron poñelo en práctica. Así, Margaret fíxose partidaria da "Nova Educación" e formou parte do Sunday Club e o Liverpool Science Club[5],en 1891 estableceuse en Wimbledon e seguindo os novos métodos colaborou na implantación dunha nova escola en Londres. En 1892 inaugurou a súa propia escola independente en Kingsleygate, sen métodos restritivos nin aprendizaxe formal, os alumnos aprendían mediante o xogo. Entre os profesores estaba Ebenezer Cooke, un pioneiro da educación artística[5]. Asemade, publicou prolificamente e tornou oradora popular. Entrou en contacto coa elite cultural da época e con dúas damas da nobreza, Lady Ripon e Lady Isabel Margesson fundou unha tertulia literaria que se acabou coñecendo como Sesame Club, e alí xuntábanse escritores como Bernard Shaw ou Thomas Huxley, con discusións sobre literatura, ética, política e outros temas semellantes[5].
Margaret era partidaria do Home Rule en Irlanda e en 1892 cando se levou ao Parlamento británico unha proposta para establecelo defendeuno con ardencia.
Relixión
[editar | editar a fonte]Margaret viña dunha familia fondamente relixiosa, aprendeu as doutrinas cristiás dende moi nova, e o neno Xesús era o seu obxecto de culto e adoración pero ao chegar á vida adulta sufriu unha crise de fe ao considerar as ensinanzas cristiás incompatibles coa verdade, e como esas dúbidas tornaron máis fortes a súa fe no cristianismo debilitouse e precisadada de atopar unha verdade optou polo estudo das ciencias naturais e tamén do budismo[9].
Xuntanza con Swami Vivekananda
[editar | editar a fonte]En novembro de 1895[10] coñeceu ao gurú Swami Vivekananda, que viña de América para visitar Londres e quedou alí por tres meses, no decurso dunha xuntanza que realizaba na mansión dunha familia aristocrática para explicar a filosofía vedanta. Margaret ía con moita curiosidade e interese e a experiencia fixo que reformulara a súa vida completamente[4], asistiu a varias conferencias máis de Vivekananda e tras unha reunión con el en novembro de 1895 tomou a decisión de converterse nunha devota seguidora. O 25 de marzo de 1898 o seu gurú dedicouna a Deus e ao servizo da India. Vivekananda cría que a educación era o remedio ás desgrazas e miseria da sociedade india[11], especialmente no caso das mulleres e escolleuna para que educase as mulleres indias[5].
Na India
[editar | editar a fonte]En resposta ao chamamento de Vivekananda viaxou á India, deixando atrás os seus amigos e familia, incluída a súa nai. O seu navío, o Mombasa, chegou a Calcuta o 28 de xaneiro de 1898[4] e o 22 de febreiro visitou o templo de Dakshineshwar, o lugar onde Ramakrishna fixera o seu sadhana[12].
Vivekananda iniciouna na cultura india e na súa xente. Explicoulle a súa historia, filosofía, literatura, a vida cotiá, social, tradicións e tamén a vida das grandes personalidades. Algunhas semanas máis tarde, dúas das súas discípulas en América, Sara C. Bull e Josephine MacLeod chegaron tamén á India e coas dúas Nivedita mantivo amizade ao longo da súa vida. O 11 de marzo de 1898 Swami Vivekananda organizou unha reunión pública na cidade para presentar a irmá Nivedita e Margaret expresou o seu desexo de servir á India e á súa xente.
O 17 de marzo reuniuse con Sarada Devi, muller e consorte espiritual de Ramakrishna, que a abrazou e a saudou cariñosamente como khooki (neniña en bengalí)[12] Ata a súa morte en 1911, Nivedita permaneceu unha das súas máis próximas colaboradoras.
Brahmacharya
[editar | editar a fonte]O 25 de marzo de 1898 nos xardíns de Nilambar Mukherjee[13] Swami Vivekananda iniciouna formalmente no voto de Brahmacharya (abstinencia sexual) e deulle o nome de "Nivedita", a dedicada[14][15] e aínda que Nivedita expresou o seu desexo de asumir o voto de Sannyasa (renuncia), Vivekananda non o aprobou.
Viaxes
[editar | editar a fonte]Nivedita viaxou intensamente pola India con Swami Vivekananda, Josephine Mcleod e Sara Bull. Tamén foi aos Estados Unidos para obter axuda para a súa causa. O 11 de maio de 1898 foi con Vivekananda Sara Bull, Josephine MacLeod e Swami Turiyananda nunha viaxe polo Himalaia. Dende Nainital foi a Almora, e alí aprendeu a arte da meditación[16] e tamén deu os primeiros pasos no coñecemento do bengalí con Swami Swarupananda. Dende Almora foron para o val de Caxemira. En xullo de 1898 foi en peregrinación a Amarnath con Swami Vivekananda[17]. Máis tarde, en xullo de 1899 deixou a India rumbo a Londres e a fins de agosto partiu para aos Estados Unidos con Swami Vivekananda[18] para recadar fondos e quedou en Ridgely Manor, no norte do estado de Nova York e en xullo de 1900 acompañou ao seu mestre ao Congreso da Historia das Relixións en París. En setembro de 1900 foi a Gran Bretaña e en febreiro de 1902 volveu á India. Recolleu algunhas das súas viaxes e experiencias co seu gurú no libro The Master as I Saw Him e mais en Notes on Some Wanderings with Swami Vivekananda.
En Calcuta
[editar | editar a fonte]O 13 de novembro de 1898 inaugurou unha escola para as rapazas máis pobres en Calcuta[19] e alí deulles clases de costura, regras elementais de hixiene, de enfermería, ademais dos cursos regulares. Durante a epidemia de peste en Calcuta en 1899 Nivedita coidou dos enfermos[1], colaborou na limpeza da zona e motivou a moita xente nova a prestar servizo voluntario. Inseriu na prensa en lingua inglesa chamadas á axuda e peticións de apoio financeiro para as súas actividades[20].
Fixo amizade con moitos intelectuais e artitas bengalís como Rabindranath Tagore, Jagadish Chandra Bose, Abala Bose ou Abanindranath Tagore. Ao primeiro, Nivedita, como os intelectuais contemporáneos de Europa era optimista sobre o goberno británico na India. Así e todo, no curso da súa estadía, foi testemuña do lado brutal dos británicos, da represión e a opresión e mais a división entre a elite dominante e os gobernados, e concluíu que lle era preciso a India gañar a independencia para prosperar. Xa que logo, adoptou a causa da independencia india e mantivo unha relación directa coas novas fornadas de revolucionarios de Bengala, incluíndo aqueles da organización secreta Anushilan Samity. En febreiro de 1902, Mahatma Gandhi visitouna en Calcuta[21]. Logo da morte de Vivekananda en xullo de 1902 e sendo consciente do atranco que para a Misión Ramakrishna supuñan as súas actividades políticas disociouse publicamente do movemento. Non obstante, seguiu a manter unha relación cordial cos discípulos do seu mestre, como Swami Brahmananda, Swami Premananda e Swami Saradananda, e mantívose moi próxima a Sarada Devi.
En 1905 o goberno británico baixo Curzon iniciou a partición de Bengala, que foi un importante punto de inflexión no movemento de independencia india e Nivedita integrou o movemento swadeshi[22]que xurdiu como resposta a esta partición en 1906 e que tiña como punto central o boicot dos produtos británicos e o restablecemento da economía e a produción doméstica tradicional, en especial na realización da roupa nas casas e contribuíu con apoio financeiro e loxístico e aproveitou os seus contactos para lograr información de axencias gobernamentais para apasarlla os revolucionarios. Na época escribiu en 21 xornais e publicacións e deu numerosas conferencias sobre historia, cultura e educación na India[20]. En 1907 nun movemento de máxima hostilidade por parte do goberno colonial indio volveu a Inglaterra e en 1910 realizou unha xira polos Estados Unidos para recadar cartos para os revolucionarios bengalís[20].
Obra
[editar | editar a fonte]Nivedita foi unha escritora prolífica e realizou amplas xira pola India para ditar conferencias, especialmente sobre a cultura e a relixión india. Entre as súas obras están The Web of Indian Life (1904) , no que buscou corrixir os moitos mitos que no mundo occidental existían sobre a cultura e costumes indios, Kali the Mother (1900), The Master as I Saw Him (1910) sobre Swami Vivekananda, Notes of Some Wanderings with the Swami Vivekananda sobre as súas viaxes a Nainital, Almora e outros lugares con Swamiji,[23] Cradle Tales of Hinduism (1907) sobre as historias dos Puranas, Rāmāyaṇa e Mahabharata, Studies from an Eastern Home (1913), Civil Ideal and Indian Nationality, Hints on National Education in India, Glimpses of Famine and Flood in East Bengal—1906.
Legado
[editar | editar a fonte]Nivedita, vista no hinduísmo como a filla espiritual (manaskanya)[24] de Vivekananda, está considerada unha das mulleres con maior influencia na historia contemporánea da India, o seu libro Kali, the Mother influenciou a Abanindranath Tagore, autor da pintura Bharat Mata[25] e tamén foi unha das principais influencias de Jagadish Chandra Bose, a quen apoiou e ao que procurou axuda financeira, así como para a edición dos seus manuscritos[26].
Numerosos centros de ensino na India levan o nome de Nivedita. En 1968 o servizo postal indio emitiu un selo postal na súa memoria. Tamén leva o seu nome a ponte Nivedita preto de Dakhineswer en Calcuta[27].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 James D. Ryan (2007). Encyclopedia of Hinduism. Infobase Publishing. pp. 316–317. ISBN 978-0-8160-7564-5.
- ↑ Ananda Kentish Coomaraswamy e Whitall N. Perry (2011). The Wisdom of Ananda Coomaraswamy: Reflections on Indian Art, Life, and Religion. World Wisdom. p. 129–. ISBN 978-1-935493-95-2.
- ↑ "Nivedita | Irish-born teacher". Encyclopedia Britannica. Consultado o 3 de novembro de 2020.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Lizelle Reymond (1953 [1945]). The Dedicated: A Biography of Nivedita. The John Day Company. p. 91.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Atmaprana, Pravrajika (1992 [1961]). Sister Nivedita of Ramakrishna-Vivekananda. Calcuta: Sister Nivedita Girls' School. pp. 1–8.
- ↑ Verinder Grover e Ranjana Arora (1993). Great Women of Modern India: Sister Nivedita II. Deep & Deep Publications. p. 414.
- ↑ "'Real Lioness' Sister Nivedita commemorated with English Heritage Blue Plaque". English Heritage. Consultado o 2020-11-03.
- ↑ Sudeshna Basak (1992). "Sister Nivedita and Women's Education in Bengal in the First Deade of the 20th Century". Proceedings of the Indian History Congress 53: 414–422.
- ↑ Nivedita (1972). "How and Why I Adopthe the Hindu Religion". The Complete Works of Sister Nivedita II. p. 470.
- ↑ Satish K. Kapoor (1987). Cultural Contact and Fusion: Swami Vivekananda in the West, 1893-96. ABS Publications. p. 247.
- ↑ Aruna Goel e S. L. Goel (2005). Human Values and Education. Deep&Deep. p. 243. ISBN 978-81-7629-629-8.
- ↑ 12,0 12,1 Nivedita of India (PDF). Kolkata: Ramakrishna Mission Institute of Culture. 2002. p. 2. ISBN 81-87332-20-4.
- ↑ Hironmoy N. Mukherjee (2015) Swami Vivekananda's Spiritual Daughter: Sister Nivedita. Sri Ramakrishna Math Chennai. p. 19
- ↑ M. G. Chitkara (2001). Women & Social Transformation. p. 416. ISBN 978-81-7648-251-6.
- ↑ Romain Rolland (1947). The Life of Vivekananda and the Universal Gospel. Advaita Ashrama. p. 79.
- ↑ Complete Works of Sister Nivedita, volume 1, edited by Sankari Prasad Basu, Nababharat publication, Kolkata, 1992
- ↑ Swami Jyotirmayananda (1986). Vivekananda: His Gospel of Man-making with a Garland of Tributes and a Chronicle of His Life and Times. p. 380.
- ↑ G. S Banhatti (1995). Life and Philosophy of Swami Vivekananda. Atlantic Publisher. pp. 39–40. ISBN 978-81-7156-291-6.
- ↑ "Restoration bid for Sister Nivedita's house faces hurdle". Times of India. 24 de xullo de 2011.
- ↑ 20,0 20,1 20,2 Helen Rappaport (2001). Encyclopedia of Women Social Reformers 1. ABC-CLIO. pp. 651–652. ISBN 978-1-57607-101-4.
- ↑ The Life of Swami Vivekananda, 7th ed., Advaita Ashrama, Kolkata, 2011, Vol.II, p. 615. ISBN 978-8175050440
- ↑ Anne Hardgrove (2008). "Sister Nivedita". En Bonnie G. Smith. The Oxford Encyclopedia of Women in World History. Oxford Univesity Press. p. 52.
- ↑ Adwaita P. Ganguly (2001). Life and Times of Netaji Subhas: From Cuttack to Cambridge, 1897-1921. VRC Publications. p. 35.
- ↑ Sreyasi Ghosh (maio de 2020). "Sister Nivedita : Lady with the Lamp in History of the Swadeshi Movement (1905) of India". Research Review International Journal of Multidisciplinary 5 (05).
- ↑ Chakrabarti, Arindam (23 de outubro de 2011). "Not Earth's Girl". Telegraph, Calcutta (Calcutta, India).
- ↑ "The Scientist and the Nun: How Sister Nivedita Made Sure J.C. Bose Never Gave Up". The Wire. 4 de setembro de 2017.
- ↑ "Sister Nivedita commemorative stamp". Indian Post. Consultado o 9 de novembro de 2020.