Olimpíada Popular
A Olimpíada Popular de Barcelona foi un evento multideportivo de carácter antifascista, alternativo aos Xogos Olímpicos de Berlín de 1936, e que non se puido levar finalmente a cabo, dado que o 18 de xullo tivo lugar o levantamento militar que daría inicio á guerra civil española.[1][2] Lluís Companys foi nomeado presidente de honra.[2] Estaba previsto que a Olimpíada Popular comezase o 19 de xullo de 1936 e durase unha semana, até o 26 de xullo.
Historia
[editar | editar a fonte]Barcelona presentouse como candidata a organizar os Xogos Olímpicos de 1936. Logo do éxito da Exposición Internacional de Barcelona de 1929, considerábase a cidade ideal para organizar uns Xogos. A situación política de 1931, data da designación, era moi convulsa en España e o Comité Olímpico Internacional (COI) decantouse por Berlín como cidade designada para organizar a décimo primeira cita olímpica da era moderna. Alemaña era daquela un país democrático e non foi até 1933 que os nazis chegaron ao poder e se estabeleceu o Terceiro Reich.
A preparación dos Xogos de Berlín tiña como obxectivo facer unha apoloxía do nazismo e dos seus valores raciais e militares, o que vai totalmente en contra do espírito olímpico, tanto na antigüidade clásica como na moderna. Houbo protestas en todo o mundo, especialmente de organizacións xudías e de esquerdas, mais finalmente o COI mantivo os Xogos en Berlín. Barcelona decidiu organizar unha celebración alternativa, a Olimpíada Popular, co obxectivo de recuperar o verdadeiro espírito olímpico, a paz e a solidariedade entre as nacións, todo o que se estaba a negar na organización dos Xogos de Berlín coa complicidade do COI.
A Olimpíada Popular de Barcelona tiña unha clara vontade antifascista, unha especie de contraolimpiadas que abandeiraban o deporte afeccionado e denunciaban os Xogos Olímpicos na Alemaña nazi e, polo tanto, o apoio ou rexeitamento a si mesmo tiña unha implicación política. As federacións e os propios deportistas, tanto españois como estranxeiros, foron sometidos a diferentes presións políticas para acudir ou non á cita.
A organización da Olimpíada Popular descansaba sobre todo na actividade de moitas entidades catalás, a maioría integrantes do Comité Catalán de Deportes Populares, que se integraron no Comité Organizador da Olimpíada Popular (COOP), que contou co apoio da Generalitat de Cataluña.[3] O comité executivo da COOP estaba presidido por Josep Anton Trabal, un veterano líder deportivo que daquela era membro de Esquerra Republicana.[3] Entre as múltiples entidades do COOP, as seccións deportivas do CADCI e do Ateneu Enciclopèdic Popular, o Centre Gimnàstic Barcelonès e o Club Feminino e Deportivo de Barcelona, pero había moitos máis nos barrios populares de Barcelona e nas principais cidades catalás.[3]
A proposta da Olimpíada Popular foi criticada pola dereita política, algúns medios conservadores e algunhas autoridades deportivas, que tentaron quitarlle toda a lexitimidade olímpica á proposta de Barcelona.[3] Intentaron facer ver que serían uns Xogos sen deportistas de alto nivel ou incidiron na politización da proposta baseada nos valores da igualdade e da fraternidade, argumentando que os Xogos de Barcelona foron unha operación de inspiración comunista.[3]
Porén, o traballo desenvolvido polo COOP (Comité Organizador da Olimpíada Popular) para acadar a máxima participación posible permitiu a presenza de 23 delegacións, entre elas as dos Estados Unidos, Francia, Suíza e Inglaterra. Tamén houbo representacións de deportistas emigrantes xudeus, de Alsacia, o País Vasco, Galicia e Cataluña. O número total de deportistas inscritos foi de máis de 5.000,[2] sendo a maior delegación estranxeira a de Francia con 1.500 deportistas. Fíxose especial fincapé na participación das mulleres, que daquela tiñan dificultades para acceder ao deporte en igualdade de condicións.
A Olimpíada Popular tamén rachou co modelo de representación exclusivamente estatal, e abriron diferentes formas de participación con respecto á pertenza territorial. Estabelecéronse tres categorías: nacional, rexional e local. Deste xeito, as delegacións nacionais podían enviar tres representantes a cada deporte e entendíase que os Xogos Olímpicos non serían só unha competición entre estados, senón que deixaba aberta a porta á participación de equipos non estatais nas probas, como por exemplo Alsacia e Lorena, ou Marrocos baixo o dominio francés e o Marrocos español. Neste sentido, a COOP introduciu, sobre todo nos deportes de equipo, un sistema de delegacións que rompeu o monopolio estatal. Finalmente, a través das representacións locais, recuperou a idea cidadá do olimpismo grego, de que os participantes estaban representando cidades.
En total había competicións programadas en 16 deportes como fútbol, tenis, baloncesto, boxeo, atletismo, loita, pelota vasca e mesmo xadrez. Os gastos foron sufragados polo goberno francés (600.000 francos), o goberno español (400.000 pesetas) e a Generalitat de Catalunya (100.000 pesetas).[2] Francia tiña un goberno de esquerdas presidido por Léon Blum, e foron os que máis apoiaron a Olimpíada Popular.
20.000 visitantes chegaron a Barcelona co gallo da Olimpíada Popular, superando as previsións e creando problemas de aloxamento. O 18 de xullo, un día antes da inauguración oficial, celebrouse un ensaio xeral no Estadio de Montjuïc. A partir do 19 de xullo de 1936, porén, a guerra frustrou o proxecto que concibira o movemento deportivo popular catalán. A nova orde revolucionaria e as necesidades específicas do conflito bélico puxeron fin a Barcelona 1936, apenas unhas horas antes de que comezase. Porén, a organización da Olimpíada Popular non foi en balde, xa que chegados moitos atletas populares de todo o mundo que se sorprenderon en Barcelona polo comezo da guerra non dubidaron en alistarse na milicia popular para loitar contra o fascismo.[2] Foron os primeiros voluntarios estranxeiros nos exércitos republicanos, e o embrión do que logo serían as Brigadas Internacionais. O 24 de xullo, La Vanguardia lía: "Tal é o entusiasmo que espertou a causa republicana nestes deportistas, que moitos deles se enrolaron nas milicias populares, partindo para Zaragoza e outros puntos".[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Generalitat de Catalunya (ed.). "Històric d'exposicions del Palau Robert". web. Consultado o 7 de xaneiro de 2013.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "De la malfiança a la desfeta". Sàpiens: 56. setembro de 2013. ISSN 1695-2014.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Generalitat de Catalunya, ed. (19 de xullo de 2006). "El Memorial Democràtic recupera l'Olimpíada Popular del '36 en una exposició".
- ↑ "Los atletas extranjeros elogian el heroísmo del pueblo catalán". La Vanguardia. 24 de xullo de 1936. Consultado o 6 de xullo de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Barcelona |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pujadas, X; Santacana, C (2006). L'altra Olimpíada, Barcelona '36. Barcelona: Llibres de l'Índex.
- Ramis, Pau Tomàs (2020). Els mallorquins a l'Olimpíada que no fou. Valencia: Galés Edicions.
- Colomé, Gabriel (2008). La Olimpiada popular de 1936: deporte y política (en castelán). Barcelona: Institut de Ciències Polítiques i Socials.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Testemuña dun participante (en castelán)
- "Olimpíada Popular". L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana.
- «L’Olimpíada Popular. 1931-1936». Atles de la presència catalana al món. Gran Enciclopèdia Catalana. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana.
- «L’Olimpíada Popular, una il·lusió frustrada». Historia. Política, societat i cultura dels Països Catalans. Gran Enciclopèdia Catalana. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana.