Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

On Kawara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaOn Kawara
Nome orixinal(ja) 河原 温 Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento2 de xaneiro de 1933 Editar o valor en Wikidata
Kariya, Xapón Editar o valor en Wikidata
Morte10 de xullo de 2014 Editar o valor en Wikidata (81 anos)
Nova York, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoArtes visuais Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Nova York Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpintor, debuxante, artista conceptual, gravador, artista visual Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1952 Editar o valor en Wikidata - 2014 Editar o valor en Wikidata
RepresentanteDavid Zwirner Gallery (en) Traducir e Konrad Fischer Galerie (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Participou en
8 de xuño de 2002Documenta 11 (en) Traducir
19 de xuño de 1982Documenta 7 (pt) Traducir
24 de xuño de 1977Documenta 6 Editar o valor en Wikidata
Premios

Descrito pola fonteUbuWeb Editar o valor en Wikidata
Discogs: 2237255 Editar o valor en Wikidata

On Kawara (en xaponés: 河原 温, Kawara On) nado o 24 de decembro de 1932 en Kariya, prefectura de Aichi, e finado o 10 de xullo de 2014 en Nova York, foi un artista conceptual xaponés instalado en Nova York desde 1965.[1][2]

Entre as exposicións individuais que realizou cómpre salientar a da Bienal de Venecia de 1976.[3]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Logo da súa graduación en 1951 na Escola Superior de Kariya, a súa cidade natal, Kawara trasladouse a Toquio.[1] En 1959 acompañou a súa familia a México, onde o seu pai foi destinado como director dunha compañía de enxeñaría. Alí permaneceu durante tres anos, durante os que pintou, acudiu a unha escola de arte e visitou o país.[2]

Entre 1962 e 1964 residiu alternativamente entre París e Nova York e fixo varias viaxes por Europa, antes de se establecer definitivamente na cidade de Nova York en 1965, onde mantivo a súa residencia, aínda que de xeito intermitente, ata a súa morte.[4][3]

Nesa cidade finou o 10 de xullo de 2014 aos 81 anos.[2]

Kawara pertenceu a unha xeración internacional de artistas conceptuais que comezou a xurdir cara a mediados da década de 1960, que desposuía a arte de calquera emoción persoal e a reducía a información ou a unha idea case pura, co que se minimizaba moito o obxecto da arte. Xunto con Lawrence Weiner, Joseph Kosuth, Hanne Darboven e outros, Kawara deulle na súa obra un protagonismo especial á linguaxe.[2]

Thinking Man

[editar | editar a fonte]

Este óleo sobre lenzo de 1952 representa unha figura humana mutilada, coa carne á vista e nun cuarto claustrofóbico. Trátase dunha das primeiras obras expostas por Kawara, en Toquio e con éxito de crítica, cando Xapón aínda se estaba a repor das explosións nucleares en Hiroshima e Nagasaki. O uso dunha figura angustiada como metáfora da destrución dun país coloca a obra de Kawara a carón da de artistas europeos de posguerra como Alberto Giacometti, Francis Bacon e Jean Dubuffet.[5]

Serie Paris-New York Drawings

[editar | editar a fonte]

Entre 1962 e 1964 Kawara realizou os 200 debuxos que compoñen a serie Paris-New York Drawings. Os seus motivos abranguen raias e cuadrículas, ao xeito dos da pintora minimalista Agnes Martin, e noutros casos represéntanse pezas de instalacións coas que se enchen habitacións feitas con redes de cordas.[4]

Serie Today

[editar | editar a fonte]
Mar.2,2000, de On Kawara

A partir do 4 de xaneiro de 1966,[4] Kawara fixo unha longa serie de cadros (a serie Today), consistentes unicamente na data en que os pintou, cunha grafía simple en cor branca sobre fondos de cores sólidas. A data represéntase sempre consonte as convencións lingüísticas e culturais do país onde se realice a pintura (exemplo: 26. ÁG. 1995 en Reiquiavik ou 13 JUIN 2006 en Montecarlo), e Kawara recorreu ao esperanto cando a lingua principal do país non utilizaba o alfabeto latino (exemplo: 6 AUG. 1993, en Toquio).[1][6][7]

Estas pinturas, todas elas realizadas en acrílico sobre lenzo, axústanse a un dos oito tamaños estándar, que van desde as 8 x 10 polgadas ata as 61 x 89 polgadas, sempre con orientación horizontal.[8] Só hai tres excepcións a estas normas, cunhas medidas de arredor de 5 x 7 pés (en torno a 152 x 213 cm), que representan os días 16, 20 e 21 de xullo de 1969, coincidindo coa chegada do home á Lúa.[4][9]

As datas destes cadros da serie Today, pintadas á man cunha gran precisión, sempre están centradas no lenzo e pintadas en branco, en tanto que as cores sólidas do fondo varían[10]; no caso das dos primeiros anos adoitaban ser cores máis rechamantes e as máis recentes son normalmente máis escuras. Para os fondos aplicáronse catro capas de pintura, cada unha delas cun tempo de secado intermedio para ser puída antes de aplicar a seguinte.[8]

Kawara prescindiu dos padróns á hora de representar os caracteres, que foron representados á man. Inicialmente utilizaba unha versión alongada de pau seco da Gill Sans, e posteriormente optou pola Futura, paradigma da tipografía modernista.[11]

Algunhas xornadas, Kawara executaba máis dun destes cadros e, pola contra, cando non era quen de acabar unha pintura o día que a iniciaba, destruíaa inmediatamente.[2][12] Cada ano producíronse entre 63 e 241 pinturas correspondentes a esta serie.[13] Cando estes cadros-data non están expostos, dispóñense colocados en cadansúa caixa de cartón feita á medida e forrada cun recorte do xornal local da cidade onde se pintou o cadro. Malia seren estas caixas parte do traballo, raramente forman parte das exposicións. A maioría dos recortes dos xornais dos forros correspóndense con exemplares do The New York Times.[4]

Cada pintura-data está rexistrada nun xornal e marcada nun calendario de cen anos. Cando Kawara finalizaba unha delas aplicaba unha mostra da pintura utilizada nela nun pequeno rectángulo que logo pegaba nun recadro do xornal. Por baixo de cada cor hai un número que amosa a secuencia da pintura dentro do seu ano e unha letra que indica o seu tamaño.[14] Deste xeito, os xornais amosan os detalles técnicos da pintura, en tanto que Kawara utilizaba o calendario para, mediante uns puntos de cores, indicar os días en que realizou cada pintura e para rexistrar o número de días transcorridos desde o nacemento do artista. Kawara creou preto de 3.000 pinturas-data da serie Today en 112 cidades de todo o mundo, nun proxecto que concibiu para concluír unicamente no momento da súa morte.[15][16]

Title e outras series

[editar | editar a fonte]

Title é unha obra feita en Nova York entre 1964 e 1965, en plena guerra de Vietnam. Consiste en tres paneis de lenzo pintados con acrílico, con fondo vermello e con cadansúa inscrición: "One Thing", "1965" e "Viet-nam". Trátase, xa que logo, dunha evolución na obra de Kawara, xa que é unha das primeiras que incorpora unha mensaxe escrita que transmite as circunstancias que rodearon a súa creación.[17]

Entre outras series de obras destacan a das tarxetas postais I Went and I Met, enviadas aos seus amigos e nas que detalla aspectos da súa vida,[18] e tamén unha serie de telegramas enviados a diferentes persoas coa mensaxe I AM STILL ALIVE ("Sigo vivo").[19][20]

Entre 1968 e 1979, On Kawara creou a súa serie informativa I Got Up ("Levanteime"), na que enviou cada mañá dúas postais desde a cidade onde estaba.[1][21] Nas 1.500 postais rexístrase a hora en que se ergueu, a data, o lugar de emisión e o nome e enderezo do destinatario.[15] Nesta serie plásmase o carácter itinerante e deambulante do artista, con horarios moi irregulares e que, só en 1973, enviou postais desde vinte e oito cidades.[22]

One Million Years

[editar | editar a fonte]
Varios volumes da serie One Million Years, de On Kawara

One Million Years é unha das obras máis coñecidas deste artista, acerca do paso do tempo e das marcas que deixa. Neste traballo editorial, enumera cada ano do período dun millón de anos que precede a concepción da obra e o outro millón que vén despois. Nalgunhas ocasións levouse a cabo unha representación durante a cal dous actores, habitualmente un home e unha muller para cada segmento, len datas de cada lista por orde, representando simultaneamente o millón de anos do pasado e o millón de anos do futuro.[23][24][25]

Esta obra de arte fíxose por vez primeira en 1969, o ano do festival de música de Woodstock, as protestas pola guerra do Vietnam e a chegada do home á Lúa. Nestes libros, a duración dunha vida humana media equivale a unhas poucas liñas e a historia humana completa recóllese nunhas cantas páxinas. O pasado está dedicado a "todos os que viviron e morreron" e o futuro é "para os derradeiros".[23]

One-Hundred-Year Calendars

[editar | editar a fonte]

Para os seus "Calendarios de cen anos", Kawara, comezando pola data do seu nacemento, rexistra sistematicamente cada día da súa vida cun punto amarelo e rexistra unha pintura da serie Today cun punto verde. Cun punto vermello indica que ese día produciu máis dunha obra.[7][26][27]

Pure Consciousness

[editar | editar a fonte]

En Pure Consciousness, unha exposición itinerante iniciada en 1998, Kawara prestou sete das súas pinturas-data (do 1 de xaneiro ao 7 de xaneiro de 1997) a diversas escolas infantís de Madagascar, Australia, Bután, Costa o Marfil, Colombia, Turquía, Xapón, Finlandia, Islandia, Israel, Canadá e os Estados Unidos. Esas obras colgáronse en aulas, con datas que coincidían dentro da esperanza de vida dos nenos que as ocupaban.[10][28]

Exposicións

[editar | editar a fonte]
Exposición de On Kawara no Instituto de Arte Contemporánea de Singapur (2004)

Entre as primeiras exposicións de Kawara están, no seu país de orixe, a de 1953 no Museo Metropolitano de Arte de Toquio, e as das galerías Takemiya e Hibiya o ano seguinte.[12] As súas obras expuxéronse tamén na Dwan Gallery de Nova York en 1967, e a súa exposición individual One Million Years percorreu en 1971 as cidades de Düsseldorf, París e Milán. Outras exposicións salientables foron as de Documenta 5 (1972), Documenta 7 (1982) e Documenta 11 (2002) en Kassel, e as da Bienal de Toquio (1970 e 1976) e a Bienal de Venecia (1976).[29]

As súas obras foron incluídas en numerosas mostras xerais, desde a Information do Museo de Arte Moderna de Nova York en 1970 ata a Reconsidering the Object of Art: 1965-1975, no Museo de Arte Contemporánea dos Ánxeles, en 1995. Entre as exposicións de carácter individual destacan a do Otis Art Institute, dos Ánxeles (1977)[30], a do Centro Pompidou de París (1977)[31], a titulada Continuity/Discontinuity no Moderna Museet de Estocolmo (1980)[32], a do Museo Boymans-van Beuningen, de Rotterdam (1991)[33]; a do Dia Center for the Arts, de Nova York (1993)[34] ou a do Museo de Arte de Dallas (2008)[35].[29]

A primeira retrospectiva completa de Kawara (2015), titulada On Kawara-Silence, no Museo Solomon R. Guggenheim, de Nova York, instalouse en 12 seccións consonte un plan deseñado por el mesmo.[4] Dous anos antes da súa morte, o artista ofreceulle ao comisario da exposición, Jeffrey Weiss, unha serie de títulos para cada sección (entre eles “48 Years,” “Self-Observation” e “Monologue”). A exposición levouse a cabo do 6 de febreiro ao 3 de maio de 2015 e tamén contou cunha das lecturas de One Million Years.”[29][36]

Mercado da arte

[editar | editar a fonte]

En 2007, a casa Christie's de Nova York vendeu unha das pinturas-data Kawara's por 1,8 millóns de dólares.[8] Outra destas pinturas, May 1, 1987, acadou o récord dunha obra deste autor nunha poxa, ao ser adxudicada en case 4,2 millóns na mesma casa de poxas, en 2014.[37]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Yood, J. W. (2001). "On Kawara". En Encyclopedia Britannica.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Smith, R. (2014). "On Kawara, Artist Who Found Elegance in Every Day, Dies at 81". En The New York Times. 15 de xullo.
  3. 3,0 3,1 "On Kawara". MoMA.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Smith, R. (2015). "A Life Captivated by the Wonder of Time: The Guggenheim Shows First On Kawara Retrospective". New York Times. 5 de febreiro.
  5. "1952. Thinking Man". On Kawara Artworks. The Art Story.
  6. Rosenberg, K. (2012). "On Kawara’s ‘Date Painting(s)’ at David Zwirner Gallery". En The New York Times. 2 de febreiro.
  7. 7,0 7,1 "[https://docplayer.net/78345620-On-kawara-date-painting-s-in-new-york-and-136-other-cities-january-6-february-11-2012.html On Kawara: Date Painting(s) in New York and 136 Other Cities, January 6 – February 11, 2012]". David Zwirner Gallery.
  8. 8,0 8,1 8,2 "On Kawara, May 1, 1987 (1987) Christie's Post-War and Contemporary Art Evening Sale". Christie's. 16 de maio de 2007.
  9. "1965-2014. Today Series". On Kawara Artworks. The Art Story.
  10. 10,0 10,1 Searle, A. (2002). "It's a date!". En The Guardian. 3 de decembro.
  11. Cooke, L. "On Kawara". Galerie Micheline Szwajcer.
  12. 12,0 12,1 "On Kawara". Dia Art Foundation.
  13. "On Kawara". David Zwirner Gallery, New York.
  14. "On Kawara. Works in the exhibition". Tate Liverpool. 2009.
  15. 15,0 15,1 Myers, M. (2015). "The Guggenheim Show ‘Silence’ Spans Kawara’s Career". En The all Street Journal. 30 de xaneiro.
  16. "Sculpting Time". Sperone Westwater Gallery, New York.
  17. "1965. Title". On Kawara Artworks. The Art Story.
  18. "On Kawara: I Met, 1968–79". Guggenheim. 3 de febreiro de 2015.
  19. "On Kawara: I Am Still Alive Suicide Telegrams". Guggenheim. 3 de febreiro de 2015.
  20. "1970-2000. Am Still Alive Series". On Kawara Artworks. The Art Story.
  21. "1968-1979. I Got Up Series". On Kawara Artworks. The Art Story.
  22. "I Got Up". The Metropolitan Museum of Art.
  23. 23,0 23,1 "On Kawara: Reading One Million Years". South London Gallery.
  24. "On Kawara". Kushima.org
  25. "1999. One Million Years Series". On Kawara Artworks. The Art Story.
  26. "Object: 100 Year Calendar". The British Museum.
  27. "1984-2002. One Handred Years Calendar Series". On Kawara Artworks. The Art Story.
  28. Kawara, O.; Watkins, J. et al. (2008). Pure consciousness. ISBN 9781904864387
  29. 29,0 29,1 29,2 "On Kawara Arquivado 20 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". DavidZwirner.com
  30. Lewis, H.; Lippard, L. (1977). On Kawara 1967: [exhibition, Otis Art Institute Gallery, Los Angeles, October 27 to December 4, 1977]. Otis Art Institute Gallery, Os Ánxeles.
  31. Kawara, O. ; Hultén, P. et al. (1977). On Kawara: 97 "date-paintings" consécutives, journaux de 1966 à 1975. Centre national d'art et de culture Georges Pompidou, París.
  32. Kawara, O.; Springfeldt, B. (1980). On Kawara: Continuity/Discontinuity; 1963-1979. Moderna Museet Stockholm, oct. 11 - Nov. 23, 1980. Moderna Museet, Estocolmo . ISBN 9789171001795
  33. Kawara, O.; Schampers, K. et al. (1992). On Kawara: date paintings in 89 cities. Museum Boymans-Van Beuningen, Róterdam. ISBN 9789069180830
  34. Kawara, O. (1993). On Kawara: one thousand days - one million years: Dia Center for the Arts, January 1 - December 31, 1993. Dia Center for the Arts, Nova York.
  35. Wylie, C.; Kawara, O. et al. (2008). On Kawara: 10 tableaux and 16,952 pages. Dallas Museum of Art. ISBN 9780300137347
  36. "On Kawara - Silence". Guggenheim.org
  37. "On Kawara, May 1, 1987 (1987) If I Live I'll See You Tuesday: Contemporary Art Auction". Christie's. 12 de maio de 2014.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]