Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Ovella das Shetland

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dous carneiros das Shetland, nunha feira agrícola en Dunblane.

A ovella das Shetland é unha raza de ovellas orixinaria das Illas Shetland, en Escocia.

Características

[editar | editar a fonte]

A ovella das Shetland é unha raza de cola curta, emparentada coa ovella de Finlandia, a Spelsau norueguesa, a islandesa ou a Romanov. É unha ovella pequena, unha das máis pequenas das británicas, pero resistente e adaptábel a condicións climáticas extremas, así como a dietas non demasiado esixentes. As femias non teñen cornos, pero os machos habitualmente si. Non teñen la na cara e as orellas son pequenas e dereitas. As patas son algo curtas, e a cola, tamén curta, ten forma de aleta, larga na base e bicuda na punta. As femias adultas pesan uns 35 kgs, mentres que os carneiros chegan aos 45 kgs.

Esta raza, orixinaria das Illas Shetland, procede probabelmente de poboacións importadas polos ocupantes viquingos. Non é unha raza moi mellorada, e presenta baixos rendementos tanto na produción de carne como na de la.

Rendibilidade

[editar | editar a fonte]

A la que producen (entre quilo e quilo e medio cada ano) é suave, e con distintas cores: branca, gris, gris clara, emsket (gris azulado escuro), shaela (gris aceiro escuro), negra, parda, mioget (mel suave), moorit (mel), marrón escura... A la das ovellas das Shetland foi moi importante na economía das illas. A carne é saborosa, se ben non producen demasiados años por mor dos pastos cativos onde habitan. Cando se lles mellora a alimentación en explotacións controladas poden chegar a dous años por tempada.