Palacio Arcebispal de Praga
O Palacio Arcebispal de Praga (en checo Arcibiskupský palác v Praze) é un edificio de fachada barroca concluída en 1765 polo arquitecto Jan Josef Wirch a instancias do arcebispo Antonín Přichovský, o edificio está situado na Praza do Castelo (Hradčanské náměstí) da capital checa.
O Palacio tivo varias fases construtivas. Nun primeiro momento foi unha casa da nobreza, residencia, por decisión do emperador Fernando I de Habsburgo, do arcebispo de Praga Antonín Brus de Mohelnice, quen a reformou en 1564 en estilo renacentista checo. En 1599 construíuse no seu interior unha capela decorada con frescos de Daniel Alexius de Květná.
No Barroco foi reformado substancialmente por Jan Baptista Mathey entre 1675 e 1679, quen engadiu varias esculturas barrocas no portal, debidas a Ignác Platzer o Vello. Ditas esculturas, non obstante, non se conservaron e no ano 1889 foron substituídas por outras de Tomáš Seidan.
Polo que respecta ao interior, salientan os salóns do piso nobre, situados no segundo andar, que acollen obras de gran valor, como por exemplo dous bustos góticos sobredourados de San Pedro e San Paulo que datan aproximadamente de 1413. Tamén son salientables catro lenzos de Petr Brandl dos Padres da Igrexa, ou os tapices con motivos de indianos realizados a mediados do século XVIII en talleres parisienses.
O arquivo do Palacio Arcebispal de Praga garda tamén un importante fondo de documentación histórica relativa á historia do arcebispado.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Jan Royt, Tesoros del pasado. Monumentos artísticos e históricos de Checoslovaquia, Praga, Odeon, 1990. Edición en castelán de 1992 con tradución de José Oyarce e Mónica Villegas. ISBN 80-207-0358-6.