Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Palio (indumentaria relixiosa)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bieito XVI lucindo un palio.

O palio é un ornamento do papa e dos metropolitanos que usan na misa pontifical.[1]

Ten a forma dunha faixa circular que carga sobre os ombros e da cal penden ante o peito e nas costas dúas tiras rectangulares, todo el de la branca, destacándose nela seis ou cinco cruces de seda de cor negra ou vermella. Adoita adornarse con tres cravos metálicos, que recordan os cravos da Paixón.

Ao principio, o palio consistía nunha peza de vestidura que se repregaba a maneira de banda, pero moito despois, a partir do século VI, tomou a forma de cinta, e desde o século IX ao século X se lle deu unha forma case idéntica á actual, coas seis cruces negras a partir do século XV.

Orixe e significado

[editar | editar a fonte]
O cardeal arcebispo Miroslav Vlk de Praga co palio.

Entre as variadas opinións que se mantiveron sobre a súa orixe, parece a máis razoábel a que supón que se trata dunha imitación do omophorion grego, ornamento que desde principios do século V levaban os bispos de Oriente como emblema da súa dignidade e oficio pastoral, simbolizando a ovella que vai sobre os ombros do Bo Pastor. En Occidente, foi ornamento propio do sumo pontífice desde o século V e, por concesións particulares desde o século VI, chegou a ser de uso ordinario para os arcebispos a partir do século IX. Colócase sobre os ombros do sumo pontífice e dos arcebispos como símbolo do pastoreo e recordatorio de que deben cargar coas ovellas como o pastor o fixo na parábola da ovella perdida.[2]

Así o recordou Bieito XVI na misa do inicio do seu ministerio petrino, ao asociar a imposición do palio coa invitación de levarnos uns a outros sobre os ombros:

A parábola da ovella perdida, na que o pastor busca no deserto, foi para os padres da Igrexa unha imaxe do misterio de Cristo e da Igrexa. A humanidade —todos nós— é a ovella descarriada no deserto que xa non pode encontrar a senda. O Fillo de Deus […] póñea sobre os seus ombros, carga coa nosa humanidade, lévanos a nosoutros mesmos, pois Él é o Bo Pastor, que ofrece a súa vida polas ovellas. O palio indica primeiramente que Cristo nos leva a todos nosoutros. Pero, ao mesmo tempo, invítanos a levarnos uns a outros.[3]
Bieito XVI

Material e forma

[editar | editar a fonte]
Forma dun palio.

O palio confecciónase con la de años benditos polo papa na festa de Santa Einés (21 de xaneiro) nunha capela do Palacio Apostólico. O emblema de Santa Inés é un cordeiro, pola similitude do seu nore (en latín Agnes) coa palabra cordeiro (en latín agnus). Nesa ocasión preséntanlle ao papa dous cordeiros adornados un con flores brancas (simbolizando a virxindade de Santa Inés) e o outro con flores vermellas (simbolizando o seu martirio). Logo, os cordeiros lévanse á Basílica de Santa Inés, na Via Nomentana de Roma, onde está enterrada a santa, e son criados polos padres trapenses da Abadía das Tres Fontes. Os palios son confeccionados posteriormente polas monxas beneditinas de Santa Cecilia coa la acabada de cortar. Logo colócase nun cofre sobre a tumba de San Pedro na basílica de San Pedro da Cidade do Vaticano, a na misa da festa de San Pedro e San Paulo (29 de xuño) son bendicidos e entregados solemnemente polo papa aos novos arcebispos nomeados durante o ano. Porén, cando o papa non pode facer el mesmo a entrega do palio, correspóndelle a entrega ao cardeal protodiácono, o mesmo que anuncia Urbi et Orbi (á Cidade e ao Mundo) a Habemus Papam (eleximos un novo papa).

O papa Bieito XVI utilizou, desde o inicio do seu pontificado até a festa de San Pedro e San Paulo do ano 2008, un palio moi similar aos que se usaban antes do século X, con cinco cruces vermellas que recordan as cinco chagas de Cristo. Porén, debido é incomodidade que constituía o seu uso para a función litúrxica, a instancias do novo mestre de cerimonias pontificias, monseñor Guido Marini, o papa cambiou á forma de palio "redondo" que se utilizou en Occidente os últimos séculos, máis pequeno, pero, a diferenza dos dos arcebispos, este leva cinco cruces vermellas ao igual que o palio que usou desde o comezo.

Nos tempos actuais

[editar | editar a fonte]

Tras usar a segunda versión do palio de Bieito XVI durante máis dun ano, o papa Francisco regresou ao palio máis tradicional usado polos predecesores recentes de Bieito XVI.[4]

En xaneiro de 2015, o papa Francisco anunciou que a partir da imposición prevista para ese ano, esta xa non se faría en Roma directamente polo papa, en vez, imporíao o arcebispo da diocese correspondente, sendo os palios bendicidos con anterioridade polo sumo pontífice.[5]

Na actualidade e xuntamente co exposto, coñécese como palio ao dosel de forma rectangular de ricas teas, a miúdo ostentosamente bordados, que se coloca sobre catro ou máis varais en actos relixiosos para cubrir ao sacerdote que porta o Santísimo Sacramento, a unha imaxe venerada (usual en procesións) ou personalidades como o Santo Padre ou os monarcas católicos, como os reis de España. Por analoxía no cargo, tamén o empregou o ditador español Francisco Franco. O rei Xoán Carlos I renunciou a usalo.

  1. palio, 2ª acep. no Dicionario da RAG.
  2. Martí Bonet, José María (2008). El palio: Insignia pastoral de los papas y arzobispos. Estudios y ensayos, volumen 111. Madrid: Biblioteca de Autores Cristianos. p. 245. ISBN 978-84-7914-916-1. […] el palio continúa la significación entrañable de la oveja (perdida primero y después hallada) colocada alrededor de la espalda y cuello del pastor. 
  3. Bieito XVI (24 de abril de 2005). "Santa misa, imposición do palio e entrega do anel do Pescador no solemne inicio do ministerio petrino do bispo de Roma. Homilía de súa santidade Bieito XVI". Cidade do Vaticano: Libr. Editrice Vaticana. Consultado o 1 de xullo de 2022. 
  4. "Whispers in the Loggia: "The Problem For Us Is Fear" – On Pope's Day, Francis Calls Bishops To "Follow"". whispersintheloggia.blogspot.mx. Consultado o 1 de xullo de 2022. 
  5. "Pope Francis will no longer impose the pallium on Archbishops | Fr. Z's Blog". Consultado o 1 de xullo de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]