Poher
Poher, en bretón Poc'hêr, é un país tradicional da Bretaña coñecido na Alta Idade Media e situado na Bretaña centroccidental, entre as montañas Arrée e as montañas Negras. Tamén foi chamado "Alto Cornualles" e designado, durante varias décadas, polos nomes de País Centro Oeste da Bretaña e Kreiz Breizh en bretón. O pagus Castri ou Paou-Kaer, ou Poher era un pagus, subdivisión da antiga Dumonia (en latín Dumnonia) que designaba no século VI un reino bretón situado no suroeste de Inglaterra.
O termo utilízase a partir do século VIII na haxiografía bretoa para designar unha parte da península Armoricana.[1]
Xeografía e historia
[editar | editar a fonte]Poher foi un principado, ou condado, que apareceu a principios da Idade Media na Bretaña, e cuxa capital era a cidade galorromana de Vorgium, capital dos osismos, que se converteu en Carhaix tras a caída do Imperio romano. As escavacións arqueolóxicas desde 1999 mostran que, se a cidade perdeu a súa función de capital a partir do século IV, porén seguiu sendo un bastión importante e unha encrucillada estratéxica.
Os límites deste territorio foron moi variábeis ao longo da historia, tendendo a reducirse co paso do tempo. O historiador Hubert Guillotel fainos coincidir coa diocese de Cornualla (actualmente diocese de Quimper).[2]
Segundo Dom Gallois, relixioso beneditino do século XVII, incluía a zona comprendida entre as Montañas Negras e os Montes de Arrée.[3] O historiador André Chédeville considera que chegaba até o Canal da Mancha, argumentando que ao principio era un pagus máis estreito e extenso cara ao norte, pero que na época carolinxia estaba restrinxido e dividido en dúas partes (Quimper e Treguier).[2]
Segundo Dom Gallois, a mediados do século IX o condado de Poher foi desmembrado polo seu conde e reunido co da Bretaña, no século X, baixo Alan II. O último conde, Hoël, casou con Havoise, filla de Alan III, en 1066.[3]
Nun pouillé (rexistro eclesiástico) do século XIV, Poher segue sendo un dos dous arcediagados da diocese de Cornualla (o outro chamábase Cornualla). Segundo algúns, o Poher representaba a maior parte da diocese, chegando a afirmar que era o nome carolinxio que indicaba ao Cornualla bretón.[4]
Lista dos condes de Poher
[editar | editar a fonte]- Nominoe, conde en 826, fíxose proclamar rei da Bretaña en 841.
- Riwallon ou Rivelin, presunto parente (quizais irmanastro) de Erispoe.
- Alan de Poher (Alan I da Bretaña).
- Mathuedoi I (Mathuedoi de Poher, 907-930), que casou coa filla de Alan I.
- Alan II chamado "Barbatorta" ou "a raposa" (en bretón, al louarn), fillo de Mathuedoi I.
- Drogón, o único fillo lexítimo de Alan II, que foi un neno durante todo o seu reinado e cuxos rexentes foron, primeiro, seu tío Teobaldo I de Blois e, despois, seu padrasto Fulco II de Anjou, que casara coa viúva de Barbatorta, Adelaida de Blois, filla de Teobaldo I. Drogón morreu en circunstancias sospeitosas, debido a un baño xeado.
- Hoël, que casou con Havoise, filla de Alan de Nantes.
A xenealoxía dos condes de Poher superponse parcialmente coa dos duques da Bretaña.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Chédeville, André & Hubert Guillotel (1984): "La Bretagne des saints et des rois (Ve-Xe siècles)" Rennes: Ouest-France Université. ISBN 2-8588-2613-7.
- Quaghebeur, Joëlle (2001): La Cornouaille du IXe-X au XIIe-X siècle. Quimper: Société archéologique du Finistère. ISBN 2-9067-9005-2.
- Kerboul-Vilhon, Christiane (2004): Petite histoire du grand Poher, Coop Breizh
- Dom Gallois (1690, edición de 2004). Genealogie de la Maison de Quelen.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bernard Merdrignac (2010): "Présence et représentations de la Domnonée et de la Cornouaille de part et d’autre de la Manche", Annales de Bretagne et des pays de l’Ouest, nº 117-4, pp. 83–119.
- ↑ 2,0 2,1 Chédeville & Guillotel 1984.
- ↑ 3,0 3,1 Dom Gallois, p. 19.
- ↑ Quaghebeur 2001.