Portal:Star Wars/Personaxes/Arquivo
Aquí están todos os personaxes destacadas no portal Star Wars:
Jabba Desilijic Tiure, comunmente coñecido como Jabba o Hutt, é un personaxe ficticio de A guerra das galaxias creado por George Lucas. É un extraterrestre da especie dos hutt, grande e parecido a unha lesma, que como moitos outros da súa especie, opera como un poderoso señor do crime dentro da galaxia.
Na estrea cinematográfica da triloxía orixinal de Star Wars, Jabba o Hutt apareceu por primeira vez en O retorno do Jedi (1983), no entanto menciónase en A guerra das galaxias (1977) e en O imperio contraataca (1980). Ademais, nunha escena eliminada da montaxe orixinal de A guerra das galaxias Jabba o Hutt tamén aparece —escena que se agregou na edición especial de 1997 da película e nos subseguintes lanzamentos de A New Hope—. Cando se filmou por primeira vez esta escena, mostrábase a Jabba como un humanoide interpretado por Declan Mulholland, que se substituíu dixitalmente polo monstruoso deseño actual do personaxe cando a secuencia se incorporou á película en 1997.
No contexto da narrativa da triloxía orixinal, Jabba preséntase como o xefe do crime máis poderoso de Tatooine, que ofreceu unha recompensa polo contrabandista Han Solo. Jabba descríbese como un antagonista cruel, cun sentido do humor acedo, un apetito insaciable (común na súa especie) e tendencia á tortura e outras actividades desprezables.
O personaxe incorporouse de forma destacada durante a comercialización de Star Wars, que comezou coa campaña de mercadotecnia correspondente co lanzamento cinematográfico de O retorno do Jedi. Ademais das películas, Jabba o Hutt aparece tamén en varias pezas literarias de Star Wars Legends. Dende a súa aparición en O retorno do Jedi, a figura de Jabba o Hutt tivo influencia na cultura popular contemporánea estadounidense, comunmente empregado como un recurso político satírico e caricaturesco, para resaltar calidades negativas como a corrupción e a apetencia desmesurada.