Protocolo de Kyoto
O Protocolo de Kyoto[1] sobre o cambio climático é un convenio sobre cambio climático, auspiciado pola ONU dentro da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (CMNUCC) e asinado en 2002 pola Unión Europea, que ten como obxectivo que os países industrializados reduzan as súas emisións de CO2 nun 8% por debaixo do volume de 1990, xa que os que están en vías de desenvolvemento non teñen ningunha restrición, como é o caso da China, India, Brasil, por citar os máis contaminantes. O seu nome formal é Kyoto Protocol To the United Nations Framework Convention on Climate Change.
Historia
[editar | editar a fonte]O Protocolo de Kyoto é consecuencia dunha serie de eventos iniciada coa Conferencia sobre o Cambio Atmosférico de Toronto (outubro de 1988), seguida polo Primeiro informe de avaliación do Grupo intergobernamental sobre o cambio climático (IGCC) en Sundsvall, Suecia (agosto de 1990) e que culminou coa Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (UNFCCC) na ECO-92 no Río de Xaneiro, Brasil (xuño de 1992). Tamén reforza algunhas seccións da UNFCCC.
Discutido e negociado en Kyoto no Xapón en 1997, foi aberto para sinaturas o 16 de marzo de 1998 e ratificado o 15 de marzo de 1999. Oficialmente entrou en vigor o 16 de febreiro de 2005[2].
O compromiso será de obrigatorio cumprimento cando o ratifiquen os países industrializados responsables de, polo menos, un 55% das emisións de CO2. Coa ratificación de Rusia, en marzo de 2005, despois de conseguir que a UE pagase a reconversión industrial, así como a modernización das súas instalacións, en especial as petroleiras, o protocolo entrou en vigor.
Pola súa parte, os gobernos dos Estados Unidos de América (tanto con Bill Clinton, como con George W. Bush), negáronse a ratificar o protocolo. Mais na actualidade, o goberno de Obama está a favor de acordo.
A Conferencia de 2009 tivo lugar en Copenhague durando do 7 ao 18 de decembro, e tras grandes diverxencias entre os países ricos e o grupo dos países en desenvolvemento acerca de temas como metas de redución de emisión de gases do efecto invernadoiro e contribución para un posíbel "fondo climático", terminou sen que se atinxise un acordo definitivo, que será discutido na próxima conferencia da ONU sobre mudanzas climáticas, a COP 16, que se realizará no México en decembro de 2010.[3] No día 24 de outubro de 2009, celebrado como Día Internacional da Acción Climática, millares de persoas en 180 países, manifestáronse pola diminución dos niveis de CO2 na atmosfera. Estas manifestacións foron convocadas por unha ONG chamada 350.org, que avoga que os niveis de CO2 deben baixar dos valores de 385-389, existentes nesa data, para un valor seguro de 350 ppm. Para ese efecto, grupos de persoas sentáronse no chan, en cidades, campos de neve e no fondo do océano, xunto á Gran Barreira de Coral, formando os algarismos 350.[4][5]
Contido
[editar | editar a fonte]O obxectivo principal é loitar contra os efectos do cambio climático. Segundo as cifras da ONU, prevese que a temperatura media da superficie do planeta aumentará entre 1,4 e 5,8 °C de aquí a 2100, malia que os invernos son máis fríos e violentos. Isto coñécese como quecemento global. "Estes cambios repercutirán gravemente no ecosistema e nas nosas economías", sinala a Comisión Europea sobre Kyoto.
No protocolo constituíuse un tratado internacional con compromisos máis ríxidos para a redución da emisión dos gases que provocan o efecto invernadoiro, considerados, de acordo coa maioría das investigacións científicas, como causa do quecemento global.
Nel propúñase un calendario polo cal os países desenvolvidos terían a obriga de reducir a cantidade de gases contaminantes en, polo menos, 5% ata 2002, en relación aos niveis de 1990. Posteriormente, os países signatarios terán que pór en práctica planos para reducir a emisión deses gases entre 2008 e 2012.
A redución das emisións deberá acontecer en varias actividades económicas. O protocolo estimula os países signatarios a cooperaren entre si, a través dalgunhas accións básicas:
- Reformar os sectores de enerxía e transportes;
- Promover o uso de fontes enerxéticas renovables;
- Eliminar mecanismos financeiros e de mercado inapropiados aos fins da Convención;
- Limitar as emisións de metano na xestión de residuos e dos sistemas enerxéticos (ver metano atmosférico);
- Protexer as forestas e outros sumidoiros de carbono.
Se o protocolo de Kyoto fora posto en funcionamento e tivese éxito, estímase que se reducirá a temperatura global entre 0,02 °C e 0,28 °C no ano 2050.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para protocolo.
- ↑ "Zapatero anuncia a revisión do Plan Enerxético Nacional". La Voz de Galicia. 16/2/2005. Archived from the original on 07/04/2008. Consultado o 06/09/2018.
- ↑ (en inglés) Notícias da ONU e (en inglés) UNFCCC Arquivado 01 de febreiro de 2018 en Wayback Machine.
- ↑ "International day of demonstrations on climate change" no site CNN.com(en inglés) acceso o 25 de outubro de 2009
- ↑ "Dezenas de pessoas apelam a acordo na Cimeira de Copenhaga" notícia do DN Portugal no site Sapo.pt Arquivado 26 de outubro de 2009 en Wayback Machine. acceso o 25 de outubro de 2009
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Protocolo de Kyoto |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Texto do tratado na web estadounidense CNN Arquivado 20 de xuño de 2007 en Wayback Machine. (en inglés)
- Texto do tratado na web das Nacións Unidas Arquivado 28 de febreiro de 2009 en Wayback Machine. (en castelán)
- Síntese do tratado en europa.eu.int
- Greenpeace - Climate Reports