Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Reguengo (propiedade)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Praza Maior de Cidade Real, cidade que leva o seu nome por ser xurisdición directa do rei.

Reguengo é a cualificación xurisdiccional que teñen os lugares dependentes directamente do rei, é dicir, cuxo señor xurisdiccional é o mesmo rei. Utilízase como termo oposto a señorío. É propia do Antigo Réxime en España, pero similar á situación do resto de Europa Occidental.

O uso do termo reguengo non implica que o rei sexa o propietario das terras, que teñen os seus propietarios alodiales, obrigados a pagar ó rei os impostos e cargas que correspondan. O que si ten o rei é a potestade de dar en señorío (por mercede ou venda) ese lugar a un nobre ou eclesiástico.

A parte principal do reguengo eran as cidades libres, que de feito actuaban como señores colectivos sobre os seus alfoces (comunidade de vila e terra). A maior parte delas eran as dezasete que tiñan voto en Cortes, case todas elas da Meseta Norte. Na Meseta Sur a presenza das Ordes Militares restrinxiron moito a presenza de reguengo, o que fixo nomear Vila Real (despois Cidade Real) ó principal enclave de xurisdición directa do rei na Mancha.

Aínda que a denominación apareceu orixinalmente na Castela medieval, aplicábase a todos os reinos da Monarquía Hispánica durante o Antigo Réxime. O concepto deixa de ter sentido a comezos do século XIX coa supresión dos señoríos, desde que as Cortes de Cádiz implantan a unidade xurisdiccional.