Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Reino suevo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Reino Suevo»)
Modelo:Xeografía políticaReino suevo
Regnum Suevorum (la) Editar o valor en Wikidata

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 41°33′04″N 8°25′42″O / 41.551111, -8.428333
CapitalBraga Editar o valor en Wikidata
Escindido deImperio Romano de Occidente Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua usadalatín vulgar Editar o valor en Wikidata
Relixiónpaganismo xermánico, arianismo e catolicismo Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación409 Editar o valor en Wikidata
Disolución585 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Sucedido porGalicia na monarquía visigoda e Reino visigodo de Toledo Editar o valor en Wikidata

O reino suevo[1], reino suevo de Galiza[2] ou reino de Galiza[3][4] configurouse como a estrutura política máis antiga das actuais rexións de Galiza e o norte e centro de Portugal, despois da caída do Imperio Romano de Occidente. Foi o primeiro estado medieval da Europa occidental continental[5]: nas Illas Británicas foi anterior en Gales o Reino de Dyfed, logo da fin do dominio romano en Britania.

Os suevos eran un pobo xermánico que entraron no noroeste da Península Ibérica en 409 ou 410 nunha vaga migratoria ou guerreira, mais con pouca poboación (entre vinte mil e trinta e cinco mil persoas). Tomaron o control do territorio rapidamente mais, debido ao seu número reducido, non modificaron grandemente a estrutura nin a cultura dos territorios onde se asentaron.

O Cronicón de Hidacio é unha das fontes que máis datos nos fornecen sobre a estadía deste pobo no noroeste peninsular e posúe gran valor por tratarse dunha fonte contemporánea dos feitos sinalados.

O sistema monetario Galaico-Suevo foi o primeiro en emanciparse do Imperio Romano de Occidente.

A Igrexa galega transformouse nunha institución política do Reino e formalizouse a distribución interior demográfica de Galiza en parroquias[6], erixidas en boa parte sobre asentamentos prerromanos.[7]

Os trece bispados do Reino de Galiza citados no paroquiale suevorum (ca. 569): Braga, Porto, Lamego, Coímbra, Dumio, Lugo, Ourense, Astorga, Iria, Britonia, Tui, Idaña e Viseu.[8]

Os suevos, procedentes do interior de Europa, concentráronse na súa chegada á Península Ibérica entre o Douro e o Miño, na zona de influencia de Braga. Os demais pobos invasores canda os suevos repartíronse o territorio: os vándalos silingos ocuparon a Bética, os suevos a zona occidental da Gallaecia e os vándalos asdingos ocuparon a parte leste. Os suevos nomearon rei a Hermerico (409-438) e estableceron o seu reino no citado territorio. É posible que Hermerico asinara un foedus con Roma no 410 ou 411, mais a distribución dos pobos bárbaros verase alterada por mor da intervención dos visigodos, entre os anos 418 e 421, que axudaron ó emperador Honorio a botar fóra ós vándalos silingos e mailos alanos. No ano 420 os vándalos asdingos, con Gunderico á cabeza, atacan ós suevos, o que provoca unha nova intervención romana en axuda ós suevos[9] na batalla dos montes Nervasos. Os vándalos bátense en retirada cara ao sur, deixando o sitio para os suevos, que terán, agora si, un reino que abranga toda a antiga provincia romana da Gallaecia.

Durante todo o século V os enfrontamentos entre os suevos e a aristocracia galaico-romana foron habituais. Debido á súa enfermidade, Hermerico abdicou no ano 438 en favor do seu fillo Requila (438-448), quen emprendeu unha política expansiva que fixo que os suevos se consolidasen no norte da Lusitania. Oficializou a capital do reino en Braga, e espallou o reino cara ao sur, conquistando Mérida, a capital da Lusitania, no ano 439 e chegando a tomar Sevilla no ano 441. A Requila sucedeuno Requiario (448-456), primeiro rei suevo nado en territorio galaico, que adoptou o catolicismo no 449, o que produciu unha pronta fusión entre a poboación xermánica e a galaicorromana.[10] No ano 456 tivo lugar a batalla do río Órbigo, que enfrontou a suevos e visigodos, os cales loitaban contra o expansionismo suevo. Os visigodos derrotaron aos suevos, o que tivo como consecuencia o asasinato de Requiario e o saqueo de Braga polos visigodos.

Sunierico iniciou a conquista de Hispania cun exército romano-visigodo por orde do emperador Maioriano.

Trala derrota fronte aos visigodos, o reino suevo dividiuse en poucos anos entre varios candidatos ao trono. A situación de suposta desaparición do reino, viuse favorecida en Roma pola influencia sueva de Recimiro en Maiorano. Dous novos reis gobernáron simultaneamente Frantán e Aguiulfo. Ámbolos dous fixérono dende 456 ata 457, ano no que Maldras (457-459) reunificou o reino, para acabar sendo asasinado tras unha conspiración romano-visigoda que finalmente fracasou. A pesar de que a conspiración non conseguiu os seus auténticos propósitos, o reino suevo viuse novamente dividido entre dous reis, Frumario (459-463) e Remismundo (fillo de Maldras) (459-469) que reunificou novamente o reino do seu pai no 463 e gozou de boas relacións cos visigodos: no ano 464 Remismundo acode xunto a Teodorico e recibe "armas, regalos e unha esposa" en palabras de Idacio. Tal é así que tras a chegada de Aiax, enviado desde a Galia vense obrigados a adoptar o arianismo no 465 debido á influencia visigoda.

Trala morte de Remismundo entrouse nunha época escura, que durou ata 550, ano no que desaparecen practicamente todos os textos escritos. O único que se sabe desta época é que moi probabelmente Teodemundo gobernou Suevia.

A época escura rematou co reinado de Carriarico (550-559), que se converteu novamente ao catolicismo no 550. Sucedeuno Teodomiro (559-570) (non se confunda con Teodomiro, duque (dux) do século VIII, gobernador de provincia visigoda de Aurariola).[11] durante o reinado do cal tivo lugar o Primeiro Concilio de Braga (561), no que se tratou a cuestión priscilianista e os problemas internos da Igrexa. Durante esta época, entre os nativos galaicos e os suevos desaparecerían as diferenzas, este feito tería por resultado que os autores coetáneos se refiran ao reino nese momento como Galliciense Regnum[12], e aos reis indistintamente como Regem Galliciae[13], Rege Suevorum ou Galleciae totius provinciae rex[14].

Mironis Galliciensis regis "Miro, rei de Galicia"[15]
Mirus rex Galliciensis legatos ad Guntchramnum regem dirixit."Miro rei de Galicia enviou delegados ao rei Guntchramn"[16]

Brillou nesta época o labor de Martiño de Dumio, recoñecido coma episcopi Gallaecia[17], impulsor dos devanditos concilios, da ordenación do territorio (Parrochiale suevum) e da difusión do cristianismo fronte as crenzas pagás de raíz prerromana (De correctione rusticorum). Desempeñou funcións de auténtico chanceler do rei Teodomiro.

Miro (570-583) foi o seu sucesor. Durante o seu reinado celebrouse o Segundo Concilio de Braga (572), no que se chega a completar a creación dunha Igrexa "nacional" sueva dotándoa do seu propio deretio canónico que é recreado a partir dos principais concilios da Igrexa grega.[18]

Aproximadamente no 577 iniciouse a guerra civil visigoda, na que interveu Miro en axuda de Hermenexildo, o fillo rebelde do rei Leovixildo, e ademais pretendeu fortalecer relacións con francos e bizantinos. Isto supuxo serias liortas cos visigodos. No 583 Miro organizou unha expedición fracasada de conquista a Sevilla. Durante a volta desta expedición o rei atopou a morte. No reino suevo comezaron a producirse moitas liortas internas. Eborico (tamén chamado Eurico) (583-584) foi destronado por Andeca (584-585), que fallou no seu intento por evitar a invasión visigoda dirixida por Leovixildo, que se fará efectiva finalmente no 585. Aínda así xurdiu un pretendente suevo ó trono, descendente do rei Miro, chamado Malarico. Este rematou derrotado no 586 por Leovixildo, rematando así toda resistencia sueva.

Organización política e administrativa

[editar | editar a fonte]

Os invasores suevos suplantan as estruturas de poder romanas, e cabe deducir que non farían modificacións importantes, aproveitándose delas. A principal característica da organización sueva é a súa formación como reino, en cuxo fronte está un rei que se sucede de xeito hereditario, contrariamente á tradición xermánica.

As relacións entre o poder suevo e a poboación galaicorromana varía segundo a época e segundo o lugar. Hidacio di que a invasión xermánica foi respondida fortemente, tanto nas cidades como nos aínda habitados castros. Pese ó que nos di Hidacio semella que a reacción maioritaria foi a de aceptación dos invasores. Pode que a aristocracia tivera unha primeira reacción de rexeitamento, aínda que coa caída do Imperio romano, ou mesmo antes, manteñen colaboración (agás casos illados, despois da morte de Requiario, como o asasinato do reitor de Lugo no 460). É no século VI cando esta colaboración é evidente, coa participación de aristócratas en campañas militares suevas.

A relación coa plebe suponse que foi máis irta que coa aristocracia, á que máis que nada lle interesaba manter a súa posición. Pola súa banda a Igrexa mantivo unha posición receptora, ocupándose máis dos seus asuntos internos, como a enorme influencia do priscilianismo en terras galaicas. Os suevos, pola súa parte, non interviron nos asuntos relixiosos. Cabe destacar que os bispos recibirán poder civil, preservando así a influencia do mundo romano ante a presenza sueva. Moita importancia ten a redacción do Parrochiale suevum, datado na segunda metade do século VI e onde se reflicte a organización administrativa e eclesiástica do Reino suevo da Gallaecia, contendo unha relación de 134 parroquias agrupadas en trece dioceses (ademais menciónase a diocese Britoniarum, Diocese de Britonia, que tamén aparece mencionada canda ó seu bispo Mailoc no Segundo Concilio de Braga[19]). O manuscrito indica ademais a existencia de pagus (distritos) especificamente suevos.

Os concilios nacionais suevos tiveron unha importancia capital no labor lexislativo e administrativo, ao organizar os bispados galaicos antigos, crear outros novos e determinar as parroquias de cada un destes bispados. Así, a estrutura parroquial de Galiza provén da organización que lle deron, por orde dos reis Teodomiro (aconsellado por san Martiño) e Miro, estes concilios. Polo tanto, dividiuse o reino suevo en dúas áreas metropolitanas: unha, a antiga, a de Braga; e outra, a moderna, en Lugo.[20]

Após estas reformas había trece bispados no reino suevo: Astorga, Braga, Britonia, Coímbra, Dumio, Idanha, Iria Flavia, Lamego, Lugo, Porto, Ourense, Tui e Viseu.[10]

Territorios conquistados durante o reinado de Requila entre 438 e 448, incluíndo as cidades romanas máis importantes como Mérida, Mértola e Sevilla
Moeda sueva de ouro (411-450).
Estatua de Requiario na fachada leste do piso principal do Palacio Real de Madrid.

Documentais

[editar | editar a fonte]

Carecemos de documentos do reino propiamente ditos, diplomas, como na maior parte dos estados xermánicos desta época, pero temos varias fontes cronísticas coetáneas. A fundamental é O Cronicón de Hidacio onde os suevos ocupan un papel central e malia á visión moi negativa do autor informa de varias circunstancias históricas deles de primeira man.

Na Historia de Orosio, tamén do século V, conta un pouco menos xa que pretende ser unha historia do mundo pero relata cousas da contorna galega do autor. Xa do século VI contamos con varias obras de tipo cronístico (Xoán de Biclaro e Isidoro de Sevilla), literario (san Martiño, Gregorio de Tours, Venancio Fortunato) e mesmo as actas (ou semellante) dos tres concilios suevos. Son especialmente valiosas as actas do Primeiro Concilio de Braga e do Segundo Concilio de Braga (ambos presididos por san Martiño).

Tamén é unha fonte excepcionalmente valiosa sobre a época o Parrochiale suevum que é unha organización territorial do reino que deberá formar parte das actas dun suposto concilio en Lugo.

Numismáticas e arqueolóxicas

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Historia da moeda en Galicia.
Artigo principal: Moeda cuñada en Galicia.

Outras fontes valiosas son as numismáticas. Requiario foi o primeiro rei bárbaro en cuñar moeda propia: IUSSU RECHIARI REGIS (Por orde de Requiario)[21]. E noutras a lenda gallica mvnita sinala que o reino era do territorio de Gallaecia superando os estreitos marcos étnicos propios das primeiras monarquías xermánicas[22].

Tamén nos falan do reino os achados arqueolóxicos. Apareceron necrópoles e outros asentamentos que enlazan co baixo imperio romano e mostran a relevancia cultural e de poboación da época, tanto como a súa conexión ininterrompida coas fases inmediatamente posteriores e anteriores.

Atribución posterior de emblema (século XVII)

[editar | editar a fonte]

A mediados do século XVI, popularízase na Península Ibérica o que se coñece como "estatutos de limpeza de sangue", probas e demostracións xenealóxicas que toda aquela persoa que aspirase a un recoñecemento social debía pasar. Nelas, aqueles demandantes de título nobiliario ou que desexasen ingresar en institucións prestixiosas, debían proporcionar unha xenealoxía, a miúdo inventada ou manipulada, que probase estaren exentos de antepasados xudeus, mouriscos ou de desertores da fe cristiá. Tamén as familias fidalgas recorreron á xenealoxía para presentarse na corte como vellas liñaxes de honorable pasado. Todo isto levará a un aumento dos estudos xenealóxicos e vexiolóxicos no Antigo Réxime, formándose estes como unha disciplina necesaria que permitía o ascenso social a moitos burgueses e fidalgos. No caso das liñaxes galegas, —consideradas tradicionalmente como "limpos", como "cristiáns vellos"— estas pretenderon principalmente entroncar a súa orixe con supostos grandes fundadores gregos, romanos, suevos ou visigodos. Así a casa de Saavedra reclamaba como fundador ao emperador romano Calígula, os Sarmiento reclamaban a súa orixe nun suposto príncipe suevo chamado "Sardamiro", os Deza dicían descender dun nobre visigodo chamado "Severiano", os Soneira dun cabaleiro romano chamado Marco Marlines Capitolio e os Caamaño afirmaban descender dos propios troianos, entre outros.

Moeda de ouro sueva datada entre os anos 410 e 500.

Pero tamén cronistas, historiadores e vexioloxistas comezarán neste tempo a ser demandados para redactaren documentos históricos e xenealóxios —ás veces reais, e as máis das veces fantásticos— polas administracións dos diferentes reinos para probar a súa antigüidade e prestixio, e aínda tamén pola mesmísima corte, co fin de redactar historias que ensalzaran a súa ascendencia e o seu suposto glorioso e cristián pasado. Un destes destacados xenealoxistas foi Rodrigo Mendes Silva, controvertido cronista da corte madrileña e redactor de entre outras obras da Catálogo real genealógico de España: ascendencias y descendencias de nuestros Catolicos Principes y Monarcas Supremos, na cal este autor, chegaba a afirmar que o primeiro rei de España fora Túbal, un dos fillos do bíblico Noé, o cal en palabras deste cronista tería reinado durante 155 anos, miles de anos antes de Cristo. Mendes Silva foi ademais o primeiro que puxo en circulación a fábula que atribuía aos reis suevos un estandarte formado por un dragón verde en campo de oro (ano 1645)[23]. Desde entón, serán varias e dispares as formas e armas que os diferentes xenealoxistas lles adxudicarán aos reis suevos; así, na Historia de Don Servando, déixase claro que as armas dos reis suevos foran treis jaqueraidas douro et rouxo no Campo de prata; e no meo outra faxinha Douro, mentres que para a Xunta Xeral do Reino de Galicia (1669) o estandarte dos reis suevos fora un Dragón verde y León rojo.

Malia a intención dos autores de establecer unhas vellas armas para Galicia, baseadas na monarquía sueva, tales armas heráldicas non aparecen en ningún dos documentos que se coñecen do período suevo nin tampouco en ningunha das centenares de moedas suevas conservadas ata o de agora, lugar —o adverso das moedas— que pola circulación representaba o primeiro e máis importante lugar onde a realeza plasmaba os seus símbolos. No lugar destas representacións descritas mil cen anos despois da fin da monarquía sueva, as moedas suevas amosan unha cuñaxe diferente (similar ao resto de moedas europeas do seu tempo); unha cruz —latina ou grega— central, arrodeada dunha coroa de loureiro. Na actualidade, historiadores e vexioloxistas adicados á ciencia heráldica parecen estar de acordo en que as armas do reino de Galicia non naceron antes do século XIII, ao tempo que o resto da grande heráldica europea, na baixa Idade Media, sendo fidedigna testemuña o coñecido armorial "Segar´s Roll", o primeiro documento que amosa as armas de Galiza que aínda persisten ata a actualidade, cunha historia de máis de setecentos anos.

  1. Idacio. Flórez, Henrique, ed. España Sagrada 4 (1756 ed.). regnum suevorum 
  2. Xoán Biclarense (584). Chronicon. Gallaecia Suevorum regnum 
  3. León I (447). De haeresi et historia Priscillianistarum. Arquivado dende o orixinal o 26 de outubro de 2020. Consultado o 22 de outubro de 2020. (..) et Bracarensibus synodis in Galliciae regnis apostolicae sedis decreto habitis" "(..)ad alia concilia in Galliciae regno 
  4. Gregorio de Tours. Historia Francorum VI. p. 43. Galliciensim regnum 
  5. Anselmo López Carreira, Martiño de Dumio. A creación dun reino, 1996, páx. 10.
  6. Anselmo López Carreira, O reino medieval de Galicia. A Nosa Terra, 2005, páxina 187
  7. Villares (2004), p. 81
  8. López Ferreiro, Antonio (1882). Monumentos antiguos de la iglesia compostelana. p. 49. in tota Galliciae regione (Braga, Lugo, Dumio, Britonia (Mondoñedo), Iria (Compostela), Coimbra, Lamego, Ourense, Porto, Astorga, Tui, Idaña, Viseu) 
  9. Destaca a intervención do Comes Hispaniorum Asterius. The carrer of Comes Hispaniarum Asterius, Michael Kulikowski (en inglés).
  10. 10,0 10,1 González López, Emilio (1978). Grandeza e decadencia do reino de Galicia. Editorial Galaxia. ISBN 8471543036. 
  11. Posteriormente, coa dominación islámica, e mercé a un famoso e documentado Tratado asinado con Abd al-Aziz ibn Musa en abril de 713, gobernou a título de rei un territorio cristián visigodo autónomo dentro de Al-Ándalus, denominado ``kora de Tudmir``, territorio que abarcaba aproximadamente as actuais provincia de Alacant e a Rexión de Murcia, composto polas chamadas sete cidades que se citan no tratado, con capital en Orihuela.
  12. Historia Francorum. Gregorio de Tours.
  13. De scriptoribus ecclesiasticis. Sigebertus Gembalensis.
  14. RISCO, M., España Sagrada 40- 41.
  15. Historia dos Francos, Libro 6, capítulo 43. De Galliciensibus regibus
  16. Historia dos Francos, Libro 5, capítulo 41. De legatis Calliciensibus ac prodigiis. [1]
  17. Martini Episcopi Bracarensis Opera Omnia pp. 288-304.
  18. García Moreno (1982), pp. 304-305
  19. Texto do II concilio bracarense.
  20. David, Pierre (1947). Études historiques sur la Galice et le Portugal du VIe au XIIe siècle. Les Belles Lettres. 
  21. Imaxe da moeda do rei Requiario
  22. "MVNITA GALLICA PAX - Moedas galegas". Galiza Histórica (en portugués). 2020-02-22. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2020. Consultado o 2020-10-12. 
  23. Poblacion general de España: sus trofeos, blasones, y conquistas heroycas. Rodrigo Méndez Silva

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Documental da TVG
O reino suevo de Galicia. Capítulo I
O reino suevo de Galicia. Capítulo II