Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Republic F-84F Thunderstreak

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
F-84F Thunderstreak
RF-84F Thunderflash
Tipocazabombardeiro, recoñecemento
FabricanteRepublic Aviation
Primeiro voo3 de xuño de 1950
Introducido12 de maio de 1954
Retirado1991 (Grecia)
Principais usuariosUSAF
Luftwaffe
Forza Aérea de Italia
Forza Aérea de Bélxica
Unidades construídas3 428
VariantesRepublic XF-84H Thunderscreech

O Republic F-84F Thunderstreak foi un cazabobardeiro estadounidense turbojet con á en frecha. Aínda que evolucionou a partir do avión de á recta F-84 Thunderjet, o F-84F era un deseño novo. O RF-84F Thunderflash foi unha versión de foto-recoñecemento.

O deseño orixinalmente pretendía ser unha actualización relativamente sinxela do F-84 Thunderjet para facelo máis competitivo co F-86 Sabre, diferenciándose principalmente no uso dunha á e unha cola en frecha. Dado o pequeno número de cambios, asignóuselle a seguinte letra modelo da serie F-84, F. Os prototipos amosaron unha serie de problemas de rendemento e manexo, que resultaron nunha mellora marxinal con respecto ás versións anteriores. A produción atrasouse repetidamente e completouse outra serie dos Thunderjets de á recta como os modelos G.

Buscando unha vantaxe clara de rendemento en comparación cos modelos G, o motor foi actualizado ao moito máis potente británico Armstrong Siddeley Sapphire, construído nos Estados Unidos como o Wright J65. O motor máis grande requiría que a fuselaxe fose estirada nunha forma ovalada e que se modificase a toma de aire. Con estes e outros cambios, o deseño estaba finalmente listo para entrar en produción, pero só se podía utilizar unha fracción dos sistemas de produción orixinais e o avión era efectivamente un novo deseño. Finalmente entrou en servizo en novembro de 1954, momento no que o Sabre tamén sufrira moitas melloras e o Thunderstreak quedou relegado ao papel de cazabombardeiro. O seu tempo como avión de primeira liña foi breve, e comezou a ser trasladado a papeis secundarios xa en 1958.

Os F-84F foron despois ofrecidos aos países membros da OTAN e outros aliados, que os aceptaron en grandes cantidades. O modelo foi operado polas forzas aéreas de Alemaña Occidental, Bélxica, Dinamarca, Francia, Grecia, Italia, Noruega, Países Baixos, República da China, e Turquía, e durante un breve período de tempo algúns dos antigos avións franceses foron usados pola Forza Aérea de Israel.

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

En 1948 creouse unha versión de á en frecha do F-84 coa esperanza de levar o rendemento ao nivel do F-86. O derradeiro F-84E de produción estaba equipado cunha cola en frecha, unha nova á con 38,5 graos de inclinación no bordo de ataque e e 3,5 graos de anédrico, e un motor J35-A-25 que producía 23,58 kN de pulo.[1] O avión foi designado XF-96A. Voou por vez primeira o 3 de xuño de 1950 con Oscar P. Haas aos mandos.[2] Aínda que o aparello era capaz de acadar os 1 115 km/h, a mellora de rendemento con respecto o F-84E considerouse menor.[1] Porén, foi ordenado para a produción en xullo de 1950 como o F-84F Thunderstreak. Mantívose a designación F-84 porque se esperaba que o caza fose unha mellora de baixo custo do Thunderjet de á recta con máis do 55 dos compoñentes en común.[1]

Mentres tanto, a USAF, coa esperanza de mellorar o rendemento a gran altitude cun motor máis potente, conseguiu que o motor turborreactor británico Armstrong Siddeley Sapphire fose construído nos Estados Unidos como o Wright J65. Para acomodar o motor máis grande, os YF-84F cun Sapphire de construción británica, así como os F-84F de produción co J65 tiñan unha fuselaxe estirada verticalmente, coa toma de aire cunha sección transversal oval. Os atrasos na produción do F-84F obrigaron á USAF a pedir unha serie de F-84G de á recta como medida provisional.[1]

A produción rapidamente tivo problemas. Aínda que se supoñía que ía compartir o 55% dos compoñentes co Thunderjet, realmente só o 15% puido ser reutilizado no novo avión.[1] Para empeorar as cousas, o F-84F utilizaba largueiros e costelas de ás forxadas por prensa e na época só tres prensas nos Estados Unidos podían fabricalas, tendo prioridade o bombardeiro Boeing B-47 Stratojet sobre o F-84.[1] O motor YJ65-W-1 foi considerado obsoleto e o mellorado J65-W-3 non estivo dispoñible ata 1954. Cando o primeiro F-84F de produción finalmente voou o 22 de novembro de 1952, difería do avión de proba de servizo. Tiña un dosel da cabina distinto que se abría cara arriba e cara atrás en lugar de deslizarse cara atrás, así como freos aéreos nos laterais da fuselaxe en lugar de na parte de abaixo do avión.[1] Considerouse que a aeronave non estaba lista para o despregamento operativo debido a problemas de control e estabilidade. Os primeiros 275 avións, equipados con planos de cola estabilizadores-elevadores convencionais, sufrían un acelerado cabeceo e tiñan unha escasa capacidade de viraxe a velocidades de combate. Comezando polo Bloque 25, o problema foi mellorado coa introdución dun estabilizador dunha peza accionado hidráulicamente. Varios avións tamén foron equipados con spoilers para mellorar o control a altas velocidades. Como resultado, o F-84F non foi declarado operativo ata o 12 de maio de 1954.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Knaack 1978, p. 42
  2. "Chronology: 1950-1959". Air & Space Forces Magazine (en inglés). 2018-11-24. Consultado o 2024-04-05. 

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Knaack, Marcelle Size. Encyclopedia of US Air Force Aircraft and Missile Systems: Volume 1 Post-World War II Fighters 1945–1973. Washington, DC: Office of Air Force History, 1978. ISBN 0-912799-59-5.