Revolución de Febreiro
Revolución de Febreiro | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Revolución Rusa de 1917 | |||||||||
Tropas revolucionarias atacando á policía tsarista en febreiro de 1917. | |||||||||
| |||||||||
Belixerantes | |||||||||
Imperio Ruso
|
Revolucionarios
| ||||||||
Líderes | |||||||||
Tsar Nicolao II Xeneral Sergei Khabalov |
Mikhail Rodzianko Georgii Lvov Pavel Miliukov Aleksandr Kerenskii Nikolai Chkheidze Aleksandr Shliapnikov |
A Revolución de Febreiro (en ruso: Февральская революция, fevralskaia revoliutsiia) de 1917 no Imperio Ruso marcou a primeira etapa da Revolución Rusa de 1917. Causou a abdicación do tsar Nicolao II, puxo fin á monarquía rusa e levou á formación dun Goberno provisional. Esta revolución naceu como reacción á política realizada polo tsar, a súa negación a outorgar reformas políticas liberais e contra a participación de Rusia na primeira guerra mundial, que inflixira grandes penurias á poboación. O réxime nacente resultou dunha alianza entre liberais e socialistas que debía dar paso a un executivo elixido democraticamente e unha asemblea constituínte.[1]
Ás crecentes pero estériles conspiracións contra o goberno autocrático de finais de 1916 uníronse as penurias da poboación, cada vez maiores, que produciron protestas a comezos de 1917. No principio do ano, ao descontento político pola falta de reformas sumáronse as privacións da poboación, moi prexudicada pola grande inflación e a escaseza de alimentos e produtos básicos. A comezos de 1917, a incompetencia gobernamental, o descrédito e oposición a calquera cambio político do monarca, as divisións entre os políticos, o desapego da sociedade educada coa autocracia, a crise económica, a reaparición de anteriores tensións sociais e económicas, a duración da guerra e o rexurdimento dos partidos revolucionarios favorecían un cambio.[2]
A duración da revolución limítase habitualmente a cinco días de comezos de marzo,[3] aínda que os acontecementos políticos desencadeados polas protestas duraron ao redor dunha semana. Tradicionalmente considéranse dous factores como causantes da revolución: as manifestacións populares espontáneas polas malas condicións de vida e as actividades da oposición liberal e os mandos militares contra o goberno imperial.[4]
As protestas comezaron o Día Internacional da Muller por mor das privacións e pronto se estenderon entre os obreiros da capital. A pasividade de parte das forzas de seguridade da urbe, especialmente dos destacamentos de cosacos e dos rexementos da gornición da cidade, facilitaron a súa expansión. Os días seguintes as manifestacións creceron e seguiron un mesmo patrón: confraternidade crecente entre os manifestantes e as tropas, enfrontamentos coa policía e calma nocturna. A noite do sábado, con todo, a situación cambiou coa orde do tsar de acabar coas protestas pola forza, que obrigou ás tropas da gornición a tomar partido e a decisión do Goberno de disolver a Duma ata abril. O domingo o número de vítimas creceu notablemente e o ánimo da gornición, obrigada a esmagar as desordes coas armas, volveuse revoltoso; rapidamente o Goberno perdeu o control da maioría das unidades militares da cidade e quedou impotente para acabar coa revolta. Pola súa banda, a Duma, contraria ata entón a enfrontarse abertamente co Goberno –preferindo un acordo de reformas co soberano–, decidiu apoiar as protestas para tratar de controlalas.
O tsar reaccionou negándose a outorgar reformas políticas e ordenando a marcha de tropas contra a capital, pero a resistencia dos altos mandos militares a enfrascarse en grandes operacións militares na retagarda, o seu convencemento da necesidade de realizar concesións e chegar a un acordo coa Duma, o control das comunicacións polos rebeldes e a falta de confianza nas tropas frustraron este intento de sufocar a revolución na capital.
O martes as últimas tropas leais ao Goberno acuarteláranse por non chegaren os reforzos esperados da fronte, o Goberno dispersárase para tratar de evitar a súa captura a noite anterior e algunhas importantes cidades uníronse ao alzamento. O xoves o tsar, privado do apoio dos seus xenerais, abdicaba no seu irmán o gran duque Miguel que, porén, non aceptou o trono ata a celebración de eleccións, o que facilitou a formación dun novo Goberno provisional acordado polos recentemente formados Comité Provisional da Duma e Comité executivo do Soviet de Petrogrado. As principais consecuencias da revolución foron o afundimento do réxime autocrático tsarista e a formación dun poder de goberno dual, compartido de xeito inestable entre o Goberno provisional e o Soviet de Petrogrado.[4] Esta inestabilidade no poder conduciu finalmente á Revolución de Outubro, que acabou co Goberno provisional e precipitou a posterior guerra civil.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]En 1916 multiplicáronse as confabulacións de políticos e militares para eliminar do poder a Rasputín, a tsarina Alexandra ou o propio soberano; a máis destacada bosquexouse no outono de 1916 e nela participaron dirixentes outubristas, progresistas e kadetes.[5] Os participantes desexaban dar un golpe de estado que evitase unha posible revolución popular, pero finalmente non se levou a cabo intento ningún de realizalo polos continuos atrasos, que fixeron que antes estalase a revolución temida polos políticos burgueses.[6] A comezos de febreiro, xa parecía que a oportunidade dun golpe de man dos políticos pasara.[7] Incluso a familia real, especialmente o gran duque Nicolao Nikolaevich, tratou infrutuosamente de convencer o tsar da necesidade de realizar concesións políticas; nunha tormentosa entrevista o 5 de novembroxul./ 18 de novembro de 1916greg. o gran duque indicara ao soberano que perdería o trono se non cedía ás peticións de liberalización política.[8]
O ano de 1917 comezou cun intenso frío e unha grande inflación en Rusia.[9] Sucedíanse as folgas e as manifestacións pola escaseza de alimentos nas principais cidades, debidas á mediocre distribución. O seu carácter era, ademais, cada vez máis ameazador para o réxime: crecía o número de protestas políticas e non unicamente económicas. A inflación era tal a comezos de ano, especialmente a dos alimentos e a da leña, que a maioría de obreiros da capital había tempo que non se podía permitir comprar ovos, leite, carne, azucre ou froita e tiña que elixir entre pasar frío e evitar a indixencia ou tratar de quentarse á custa de pasar fame; un número crecente de habitantes das cidades tíñase que conformar con shchi augada con migallas de pan e ata os obreiros metalúrxicos, cruciais para as fábricas de armamento, comezaran a sentir os efectos da inflación desatada.[10] A okhrana avisaba de que, se se desencadeaba unha revolución, estalaría como resultado da crecente fame. De acordo a un informe policial de comezos de ano:[11]
Segundo o portavoz do grupo obreiro das industrias de guerra, o proletariado da capital está ao bordo da desesperación; crese que a máis mínima explosión, debida ao máis nimio pretexto, conducirá a motíns incontrolables, con decenas de miles de vítimas. En efecto, as condicións de semellante explosión están maduras; a situación económica das masas está próxima á miseria, pese a unha importante subida dos salarios... Aínda que se estima que os salarios aumentaron un 100%, o custo da vida subiu un 300%. A imposibilidade de obter produtos, a perda de tempo que significan as horas de cola ante as tendas, a crecente mortalidade causada polas malas condicións da vivenda, polo frío e pola humidade resultante da falta de carbón...; todas estas condicións crearon unha situación tal que a masa dos obreiros industriais está disposta a deixarse levar polos excesos máis salvaxes dunha revolta da fame.
A estas privacións uníase a represión imposta polo Goberno, que prohibía o cambio de emprego ou de fábrica, as reunións ou os sindicatos, o que aumentaba a hostilidade dos traballadores cara ao Goberno e a oposición a continuar os combates.[12] A guerra acentuara graves problemas sociais e económicos presentes anteriormente na sociedade rusa, causara o envío de quince millóns de homes a servir no exército e privara á poboación civil de gran parte dos servizos de transporte e de numerosos produtos manufacturados; a finais de 1916 os ferrocarrís eran incapaces de abastecer á poboación de produtos básicos e o Goberno viuse forzado a implantar o racionamento dos alimentos.[13] A contenda empeorara ademais as xa duras condicións de vida na capital coa chegada de miles de refuxiados, de novos traballadores para as fábricas empregadas na produción bélica e pola necesidade de moitas mulleres de atender as súas familias tras longas xornadas nas fábricas.[14] A penuria fomentaba a tensión e a desesperación entre a poboación, apreciadas pola policía secreta nos seus informes de comezos de ano.[15]
Na capital, Petrogrado, o mando do distrito militar trataba de preparar á gornición (150.000 homes)[16] e as desorganizadas forzas policiais –seis mil axentes– para se enfrontaren a posibles disturbios. Nos puntos estratéxicos da cidade colocáronse metralladoras para poder esmagar calquera rebelión. Os principais dirixentes dos partidos revolucionarios, con todo, non se achaban en disposición de encabezar un posible alzamento contra o Goberno, pois se atopaban ben encarcerados ben no exilio.[17] Os partidos parlamentarios máis críticos coa autocracia non desexaban fomentar unha revolta contra esta.[17]
O descontento, con todo, era profundo e amplo polas penurias da guerra, que lle costara ao país millóns de baixas e desprazados. Os antigos oficiais e soldados favorables ao tsar sufriran numerosas baixas e foran substituídos a miúdo por novos oficiais e recrutas de escasa instrución militar, máis distanciados da postura gobernamental e próximos ao descontento do pobo. A gornición da capital, en especial, sufrira unha gran transformación ao terse enviado aos antigos e fieis rexementos á fronte, que foran substituídos por novas tropas de lealdade dubidosa ao Goberno.[18]
O 9 de xaneiroxul./ 22 de xaneiro de 1917greg., nunha impresionante mostra de forza, 150.000 traballadores da capital –ao redor do 40% do total dos da capital[19]– foron á folga no aniversario do «Domingo Sanguento» (186.000 en todo o país).[7][20] Algunhas das fábricas que pecharon ese día facíano por primeira vez desde a revolución rusa de 1905, e púidose observar a soldados saudando aos manifestantes e ás súas bandeiras vermellas. O 24 de xaneiroxul./ 6 de febreiro de 1917greg., os representantes obreiros dos comités de industrias de guerra, nun intento de deter o seu desprestixio entre as masas que favorecía a bolxeviques e socialrevolucionarios internacionalistas, chamaron aos traballadores a marchar á Duma, que estaba a piques de celebrar a súa primeira sesión anual, e esixir que tomase o poder. Dous días máis tarde, eran arrestados[12][21] e encerrados na prisión capitolina de Kresty, acusados de planear a implantación dunha república democrática.[22] O 9 de febreiroxul./ 22 de febreiro de 1917greg., o novo gobernador militar da capital –declarada rexión militar separada–,[23] o xeneral Jabalov, advertía contra a manifestación ao redor da Duma. Os seus intentos de reforzar as forzas de seguridade da capital[24] só tiveron un éxito parcial, tanto pola falta de cuarteis onde aloxar os reforzos traídos á cidade como pola falta de lealdade destas cara ao Goberno.[12]
O 14 de febreiroxul./ 27 de febreirogreg. a Duma reuníase por primeira vez no ano e traballadores de sesenta fábricas da capital –uns 84.000 obreiros– uníanse nunha folga política, mentres estudantes, malia as ameazas da policía, marchaban pola Nevskii Prospekt cantando cancións revolucionarias. A manifestación, con todo, foi un fracaso, como o foi a convocada catro días antes separadamente polos bolxeviques, que non apoiaron o chamamento dos representantes dos comités de industrias bélicas.[25] Malia iso, o Goberno rodeara a Duma de policía e soldados e o ambiente no parlamento era de tensión extrema. Na súa intervención dese día, Aleksandr Kerenskii criticou con gran dureza tanto ao Goberno como ao Bloque Progresista, síntoma das malas relacións entre liberais e socialistas no Parlamento; Kerenskii acusou á Duma de non estar disposta a se opoñer activamente ao Goberno.[26] Como era o seu costume desde había tempo, os representantes do gabinete non se achaban presentes na Duma, xesto que manifestaba o seu desprezo aos deputados.[27]
O 15 de febreiroxul./ 28 de febreirogreg., coas reservas de fariña da capital tan baixas que só podían servir para abastecer á capital durante uns dez días, o comandante da rexión militar impuxo cartillas de racionamento, tras acordar a medida co concello.[28] A noticia levou ao acaparamento e ao desabastecemento de numerosas tendas. Pronto os peches e as horas de espera a -20 °C deron lugar a incidentes violentos.[28]
Días máis tarde, o 18 de febreiroxul./ 2 de marzogreg., estalou unha folga na xigantesca fábrica Putilov e o 23 de febreiroxul./ 7 de marzogreg. a dirección a pechou.[19][25][29] Realizáronse miles de despedimentos na factoría.[30] O peche condenaba aos traballadores á fame, dada a escaseza crecente de alimentos na capital e a falta de diñeiro co que os comprar por non poderen traballar. Os traballadores elixiron un comité para solicitar o apoio doutras fábricas e acudiron a Kerenskii para lle avisar de que a folga que ían comezar tería carácter político e non simplemente económico.[19][26]
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]Comezo das revoltas (8 de marzo)
[editar | editar a fonte]Na primeira metade de febreiro de 1917, a agudización do desabastecemento provocou revoltas na capital rusa, Petrogrado.[31] O 24 de febreiroxul./ 8 de marzo de 1917greg., Día Internacional da Muller e tradicional data de protestas socialistas,[32] a maior fábrica de Petrogrado, a factoría Putilov –que empregaba a trinta mil obreiros–, achábase pechada e os seus miles de traballadores quedaron en situación desesperada. Celebráronse unha serie de mitins e manifestacións[33] con motivo do Día Internacional da Muller que progresivamente alcanzaron un forte ton político e económico. Os incidentes entre amas de casa nas longas colas por conseguir pan convertéronse en manifestacións[34] espontáneas contra a monarquía e a favor do final da guerra. Comezou así o levantamento popular que acabou coa monarquía, sen preparación nin coordinación dos partidos revolucionarios.[20][31]
Mentres, na Duma, Kerenskii advertía aos seus colegas deputados da necesidade de actuar e de transferir o abastecemento da capital a mans de comités electos –un primeiro paso cara á democracia– e indicaba a seriedade da situación:
O que inundou Petersburgo en forma de onda de mulleres famentas nas rúas é xa o afundimento. Esta é unha situación que xa é case imposible de organizar ou xestionar. Para esta masa, para esta forza elemental para a que a fame estase convertendo no seu único tsar, cuxa razón está eclipsada polo desexo de mastigar un pouco de pan negro, para a que no canto de reflexión existe unicamente un odio acerbo a todo o que lle impide saciarse, con esta masa, esta forza elemental, xa é imposible falar, xa non se someterá á persuasión e ás meras palabras.
A pesar do velado chamamento de Kerenskii para asasinar ao tsar e da esperanza da tsarina de que se colgase a «Kedrinskii», o Goberno, cada vez máis paralizado, non ordenou o seu arresto.[33]
A situación das mulleres, a miúdo soas a cargo das familias mentres os seus maridos foran enviados á fronte, con longas xornadas de traballo nas fábricas da capital, soldos exiguos, cada vez menor poder adquisitivo e vítimas da crecente fame, desencadeou a revolta.[35] As primeiras en rebelarse foron as fiandeiras das fábricas téxtiles do distrito de Výborg ao norte de Petrogrado;[36] sete mil delas marcharon a outras fábricas e contra as dez da mañá lograran mobilizar a outros vinte mil obreiros. Os traballadores despedidos da Putílov uníronse aos manifestantes. Ao mediodía, xa eran ao redor de cincuenta mil manifestantes e a primeiras horas da tarde comezaron a unírselles obreiros metalúrxicos e das fábricas de municións; a folga estendeuse ao próximo distrito capitalino de Petrogrado. Prevendo incidentes, as autoridades ordenaran o peche de tendas e oficinas, o que fixo que algúns dos empregados se unisen ás manifestacións. Calcúlase que ese día preto de 90.000 traballadores da cidade participaron nas protestas, que non deixaron de crecer os días seguintes.[37] A policía logrou, con todo, manter á maioría dos manifestantes afastados do centro da capital malia os intentos destes de marchar cara ao céntrico paseo de Nevskii Prospekt.[36]
Entón as esixencias económicas comezaron a dar paso ás políticas[38] e empezaron a aparecer pancartas que reclamaban o final da guerra ou o derrocamento do tsar. Á tardiña, cando a policía xa contaba con entre oitenta e noventa mil traballadores nas rúas da cidade,[39] comezaron a producirse violentos saqueos nas tendas de comestibles. Ao redor das sete da tarde, con todo, a maioría da cidade achábase xa en calma, a policía parecía controlar a situación e os numerosos enfrontamentos entre esta e os manifestantes apenas causaran vítimas ou arrestos.[39][40][41] As tropas, con todo, comezaron a mostrar a súa simpatía polos manifestantes, especialmente polas mulleres, que lles intimaban a non disparar aos que só pedían comida.[39]
Malia que os traballadores ignoraran os chamamentos dos dirixentes socialistas a non manifestarse, estes non crían que as protestas continuarían nin que conducirían a cambio significativo ningún.[40] A revolta parecía unha máis das tantas ocorridas ata entón.[40]
Esa noite, extremadamente fría, o novo gobernador militar da cidade, o inexperto xeral Sergei Khabalov, ordenou a repartición de nagaikas, látegos de orixe nogaio, e convocou unha reunión urxente de responsables da policía e do exército na capital. Decidiron enviar tropas a puntos estratéxicos da cidade e aumentar a entrega de fariña ás grandes panaderías da cidade; non se esperaban máis que algunhas protestas illadas para o día seguinte. O Goberno decidiu non informar das protestas do día ao tsar, que acababa de regresar á sede do alto mando ruso en Mogilev e limitouse a colocar carteis pola cidade asegurando –falsamente– que esta contaba con grandes reservas de fariña.[38][40]
Extensión das protestas e intentos de reducilas (9 de marzo)
[editar | editar a fonte]Nas primeiras horas do venres 25 de febreiroxul./ 9 de marzo de 1917greg., as previsións do Goberno pareceron confirmarse: o centro da cidade espertou en calma e entre a brétema.[42] O ministro de Interior, Protopópov, convenceuse de que as desordes terminaran. Toda a noite, con todo, axitadores sen o apoio dos dirixentes socialistas estiveran animando aos obreiros a continuar as protestas.[42][43] Ao redor das nove da mañá, un xentío de obreiros da fábrica Stetinin aos que se uniron preto de corenta mil obreiros máis do distrito de Vyg, da illa Vasilevskii e do de Petrogradskii achegábanse á ponte Aleksandrovskii, que debía permitirlles cruzar o Neva e avanzar cara ao centro da cidade polo Liteinyi Prospekt; o acceso á ponte estaba bloqueado por cincocentos soldados, cosacos e policías a cabalo. Tras un momento de dúbida, unhas traballadoras achegáronse ao retén e trataron de convencelo de que só pedían pan e o fin da guerra. Algúns dos cosacos sorriron aos traballadores e pareceu que non cargarían contra a multitude. De entre esta, lanzáronse vivas aos cosacos.[44] Os habitantes dos grandes suburbios, cruzando as augas xeadas do Neva para evitaren as pontes vixiadas, invadiron o centro da cidade en manifestacións.[38][45] Os máis atrevidos sortearon a barreira de cosacos pasando baixo os seus cabalos, sen que os xinetes tratasen de impedilo.[39][44]
Os manifestantes non contaron, pola contra, coa simpatía da policía montada, que podería acabar coa marcha desde o norte se non tivese que se enfrontar á vez a outras protestas que xurdiron por toda a cidade. No distrito de Vyborg 74.842 traballadores abandonaron os seus postos de traballo, no de Petrogrado, 22.248, na illa Vasilevskii, 23.248, no de Moscova, 19.506; ata nos barrios centrais da cidade, onde se concentraban a aristocracia, as clases medias e a maioría dos ministerios, contáronse 16.421 folguistas.[44] No distrito de Narva, onde as tropas ocuparan a maioría das grandes fábricas, ao redor de 9.000 traballadores uníronse ás protestas. Calcúlase que á noitiña uns 160.000 traballadores se uniran á folga na capital. Máis de 200.000 persoas, incluíndo estudantes, amas de casa, tendeiros, entre outros habitantes da cidade, uníronse ás protestas.[46] Eran as maiores que se viran no centro da cidade desde a revolución de 1905. O xentío percorreu Nevskii Prospekt, concentrouse nos arredores da Catedral de Kazan, ou reuniuse para oír discursos revolucionarios na praza Znamenskaia, ao final de Nevskii Prospekt, ao redor da grande estatua de Alexandre III; os cosacos enviados contra a multitude responderon aos saúdos da xente e non interviñeron.[38][44][46]
As autoridades temían a unión de manifestantes e cosacos e dubidaron; Khabalov trataba de evitar un enfrontamento directo entre as masas e as forzas da autoridade.[47] Esa noite, o gobernador militar mantivo unha nova reunión cos mandos e nesta decidiron tratar de evitar a venda de fariña no mercado negro, arrestar aos revolucionarios localizados na cidade e chamar a algunhas unidades de cabalería acuarteladas en Novgorod, a seis horas de tren da capital. Protopopov, convencido da inminencia do fin dos disturbios,[48] non se presentou á reunión. A policía ordenara emprazar algunhas metralladoras nos tellados para dispersar novas manifestacións. O intento de mediación de Aleksandr Guchkov foi rexeitado polo Goberno. Kerenskii continuara os seus intentos de forzar á Duma a tomar a iniciativa, pero de novo sen éxito.[49]
O sábado a revolta era xeral, detívose a impresión de xornais e o transporte público, e os universitarios abandonaron as súas aulas para unírense ás marchas. Algúns cadros menores dos partidos socialistas, en especial os menxeviques, lograron canalizar as protestas cara a fins políticos e dar certa cohesión ao movemento. As tropas mostráronse vacilantes e favorables aos manifestantes, as cargas da policía foron ineficaces. Os destacamentos de cosacos enviados polo Goberno para disolveren as protestas mostráronse favorables aos manifestantes. Estes, concentrándose en atacar á odiada policía tsarista, trataron, con todo, de gañar o apoio dos cosacos. O ministro do Interior ordenou esa noite a detención dun centenar de figuras revolucionarias, sospeitosas de converter as iniciais protestas polas penurias da poboación nun movemento político.[50]
Uso das tropas e o motín da gornición (10, 11 e 12 de marzo)
[editar | editar a fonte]O 26 de febreiroxul./ 10 de marzo de 1917greg., os manifestantes alcanzaban xa a cifra de 200.000 persoas, que converteran ás fábricas en centros de reunión[51] e axitación.[47] Os bolxeviques tiveron un destacado papel na organización das folgas e manifestacións do día. As mulleres seguían encabezando as marchas e trataban de convencer ás tropas, cada vez máis hostís aos seus oficiais, a unírense ás protestas. A policía, pola contra, seguía fiel ao Goberno e mostrouse máis agresiva cos manifestantes que os días anteriores e causou mortos e feridos entre estes. Ao cargar de novo contra a multitude na ponte Aleksandrovskii, como en días anteriores, o xefe dun escuadrón de policía montada foi rodeado pola xente, preparada para resistir os azoutes da súa nagaika, desmontado, e morto a tiros co seu propio revólver.[51][52] Os traballadores, armados de xeito basto, comezaron a asaltar as comisarías do distrito de Vyborg e a atacar os policías.
Os traballadores da Putilov, expulsados da fábrica desde o día anterior ao comezo das protestas debido ao peche temporal da factoría pola dirección, uníronse finalmente ás protestas e ocuparon as instalacións.[52] Rapidamente, os obreiros decidiron formar un comité revolucionario provisional e organizar destacamentos de combatentes para levar a revolución ás rúas. Os obreiros da Putilov comezaron a ocupar fábricas ao longo da avenida Petrogrado, mentres outros manifestantes dirixíanse de novo por Nevskii Prospekt cara á praza Znamenskaia.[52]
Sucedéronse de novo os discursos de traballadores e estudantes ao redor da estatua[53] do tsar Alexandre mentres unidades de cosacos e policía montada rodeaban a multitude. A policía, ante a pasividade dos cosacos, cargou contra a multitude, especialmente contra aqueles que sostiñan bandeiras vermellas e pancartas revolucionarias, pasadas as tres da tarde. Repentinamente, algúns traballadores dirixíronse aos cosacos rogando a súa axuda contra a policía; estes acabaron por cargar e dispersar á policía e mataron o novo tenente que dirixía as unidades policiais antes de volveren formar.[52][54][55] Ante a chegada de reforzos gobernamentais, foron levantadas as primeiras barricadas.
Poucas horas despois, producíanse as primeiras desercións entre as forzas de seguridade: algunhas traballadoras lograban que uns soldados que bloqueaban a esquina de Nevskii Prospekt coa rúa Sadovaia se unisen aos manifestantes.[56] Outros soldados, pola contra, dispararon contra a multitude e causaron unha decena de baixas a media tarde na mesma zona. Aínda que a maioría das tropas seguían fieis ao Goberno, a súa vacilación crecía.[55]
Pola noite, o tsar ordenou desde o cuartel xeral do exército en Mogilev, onde pasara un día normal, «suprimir todas as desordes desde mañá»[54][56][57][58][59] polo que o comandante do distrito militar deu orde ás tropas de disparar contra os manifestantes que se negasen a disolver as marchas[18][45][56][60] na reunión celebrada ao redor das dez da noite á que asistiron os responsables militares e policiais da capital.[61] Khabalov temía, con todo, que as tropas desobedecesen as súas ordes e a revolta se convertese finalmente nunha revolución.[62] A orde tallante do tsar descartaba a negociación e o acordo cos revoltosos. Khabalov, malia o seu ánimo deprimido, ordenou a alerta de novas unidades militares, a colocación de metralladoras e vehículos blindados en distintos puntos da cidade, ordenou o arresto de todos os revolucionarios atopados pola okhrana nos días anteriores e publicou dúas proclamas, unha ameazando con enviar á fronte aos traballadores que non regresasen en dous días aos seus postos de traballo, e outra avisando de que as autoridades non permitirían reunións nas rúas da capital e as dispersarían polas armas. A cidade atopábase entón de novo en calma. Os partidos revolucionarios atopábanse para entón desorganizados, tanto polas malas comunicacións coa capital como polas medidas da policía.[63]
O día 27 de febreiroxul./ 11 de marzogreg., domingo frío e solleiro,[64][65] amenceu coa cidade cuberta polas proclamas de Khabalov.[66] As metralladoras cubrían os cruzamentos estratéxicos da cidade e pelotóns de soldados gardaban os edificios principais, mentres que patrullas de cosacos percorrían a cidade. Malia a sensación de orde,[61][67] o transporte público deixara de funcionar e as tendas, cafés e restaurantes atopábanse pechados. Ao mediodía, convencido de que as revoltas pasaran, Khabalov telegrafou ao Estado Maior informando de que a cidade se achaba en calma.[61][63][64][66] Ao final da mañá, con todo, os traballadores marchaban de novo cara a Nevskii Prospekt, onde unidades especiais abriron fogo contra eles por non se dispersaren. A media tarde, as vítimas contábanse por decenas. Houbo choques entre forzas da orde e manifestantes en numerosos puntos da cidade.[68]
Os gardas do rexemento Volynski, enviados de novo á praza Znamenskaia, dispararon contra a poboación –tras facelo ao comezo ao aire e recibir a reprimenda dos seus oficiais[66][68]— pero,[18][65] ao regresar aos seus cuarteis, negáronse a participar en máis accións de represión.[45][69][70][71][72] Na praza a policía contou 50 cadáveres e 48 feridos tralo tiroteo.[73][74] Ao final do día, producíronse máis de cento cincuenta vítimas.[72][75] Ao recibir a orde de disparar contra os manifestantes, unha compañía do rexemento Pavloskii amotinouse[34][71][72][73][76] a media tarde.[45][77] Tres das súas compañías foran enviadas a enfrontarse á multitude mentres a cuarta agardaba en reserva e illada cando entre as catro e as seis da tarde chegou a esta última a noticia de que os seus compañeiros dispararan aos manifestantes. Uns cento cincuenta deles con trinta rifles marcharon apresuradamente a Nevskii Prospekt onde se enfrontaron cunha patrulla de policía montada que lles bloqueaba o paso. A chegada dos oficiais e a intercesión do capelán do rexemento acabaron temporalmente co motín. Esa mesma noite, as autoridades militares enviaron a dezanove soldados do rexemento onde se produciu o motín á Fortaleza de San Pedro e San Paulo[78] e enviaron a outros dezaseis a outras misións, mentres trataban de que a noticia do motín non se coñecese nas demais unidades da gornición.[77]
O Goberno impuxo o estado de sitio e deu orde de disolver a Duma, á vez que rexeitaba un plan para formar un novo Consello de Ministros composto por figuras respectadas e presidido por algún xeneral popular, confiado en esmagar[76] as revoltas.
Durante a madrugada, os soldados do rexemento Volinskii lograron armarse grazas á falsificación dunha orde do comandante dunha compañía e preparáronse para desobedecer[72] as ordes de marchar contra as masas. Efectivamente, ao chegar o comandante pola mañá, un sarxento indicou que os seus homes se negaban a disparar contra os civís;[71][79] os oficiais, dándose conta de que non controlaban aos soldados, trataron de fuxir pero o capitán da compañía caeu abatido desde as fiestras do cuartel antes de o poder facer.[70][72][80] A compañía amotinada non logrou ao comezo o apoio do resto do rexemento, pero si dalgunhas tropas dos rexementos próximos de Preobrazhenskii, de gardas lituanos e do sexto batallón de enxeñeiros. Os amotinados, marchando trala banda de música do sexto batallón, uníronse aos traballadores. Malia que unicamente unha minoría da gornición se uniu ás protestas, o Goberno perdeu a capacidade de utilizala para reprimilas; a actitude de numerosos oficiais, que abandonaron as súas unidades ou non acudiron a elas, acentuou a desconfianza das tropas nos seus mandos, sentimento que continuou durante o período interrevolucionario.[81]
Ao redor da unha da tarde comezara a arder a sede do tribunal civil da cidade, e unha hora máis tarde as multitudes xa lograran cruzar todas as pontes da cidade cara ao centro. Os insurrectos do rexemento Volinskii atopáronse na avenida Liteinyi cos soldados do Semenovskii que, tras dubidar, levantaron as barricadas. Estalou, con todo, un breve combate entre ámbolos dous rexementos no que os rebeldes lograron vencer; os insurrectos tomaron entón o arsenal[82] de Liteinyi cos seus corenta mil fusiles, trinta mil pistolas e catrocentas metralladoras. A folga pola escaseza de alimentos e contra a guerra converteuse nun alzamento armado contra a autocracia. A gornición, formada principalmente por membros das minorías e socialistas enrolados á forza, simpatizaba coas esixencias dos manifestantes.[83]
A mesma mañá, algúns traballadores dirixidos por un bolxevique tomaron tamén outro arsenal no distrito de Lesnoi, e poucas horas máis tarde outros tomaban o control da fábrica[84] de municións da cidade.[85] Ao mediodía, obreiros armados forzaban o cruzamento da ponte Aleksandrovskii enfrontándose a tropas escolleitas do rexemento Moscova e lograban unirse ás tropas amotinadas no centro da cidade. Retiráronse entón ao distrito de Vyborg; para entón preto dun cuarto de millón de persoas alzáranse contra o Goberno, unha cuarta parte estaba armada e un de cada dez eran soldados.[85]
Pouco despois do mediodía, os rebeldes tomaban a prisión de Kresty no distrito de Vyborg[84] e liberaban os 2.400 presos, comúns e políticos, e queimaban os expedientes policiais.[84][85] Posteriormente fixeron o mesmo coa prisión militar e a de mulleres. Pola tarde, os soldados da división de vehículos blindados uníronse tamén aos insurrectos.[85]
Ata recibir a orde de enfrontarse aos manifestantes, as tropas da capital –formadas na meirande parte por recrutas recentes– vacilaran entre as súas simpatías para con aqueles e o mantemento da disciplina.[86] Ao verse forzados a actuar polas ordes do Goberno, rebeláronse[31][87] e acabaron rapidamente co poder gobernamental na capital. A perda do apoio das tropas selou o destino do Goberno imperial, que non contaba con plans para se enfrontar a un motín da gornición. As tropas tradicionalmente máis fieis, como as unidades cosacas, declararon a súa neutralidade, o que privou ao Goberno dos seus elementos de coerción e fíxolle perder o control da capital. A revolta das tropas e a reacción da Duma ao decreto de disolución converteron as protestas dos traballadores nunha revolución. Esa mesma noite do luns, Khabalov viuse obrigado a informar ao tsar da súa incapacidade de cumprir a orde recibida ante a rápida perda do control da gornición da capital. Durante todo o día o Goberno mostrara gran pasividade: nunha reunión a media tarde, Protopopov mostrou perder a súa anterior confianza en esmagar as revoltas e aceptou retirarse alegando enfermidade, pero o Goberno, sen capacidade legal para nomear un substituto, privilexio que só tiña o tsar, non logrou substituílo.[88] O Consello de Ministros unicamente acordou solicitar ao soberano o envío dun xeneral con tropas suficientes para acabar coas protestas e separouse ata a noite.[89]
A situación política
[editar | editar a fonte]O Goberno, subestimando a súa debilidade, decidira disolver a Duma ata abril[45][90][91] nunha reunión a noite do domingo.[67][92] O presidente da Duma, Mikhail Rodzianko, atopouse co decreto imperial ao chegar á súa casa. Durante os primeiros días da revolta, Rodzianko tratara de negociar o apoio do Parlamento ao gabinete na supresión da revolta a cambio da formación dun Goberno parlamentario, en balde.[90]
Alarmado polos acontecementos,[59] solicitara a formación dun novo Goberno o domingo pola noite ante a intensificación das protestas; o tsar, ao que Rodzianko lle producía un intenso rexeitamento, limitouse a comentar:[59][67][87]
Outra vez este gordo de Rodzianko escribiume unha chea de parvadas que non me vou dignar contestar.
O soberano atopábase no cuartel xeral ruso en Mogilev, onde regresara desde a capital a primeiras horas da tarde do 23 de febreiroxul./ 7 de marzogreg.; a longa distancia do Goberno complicou durante toda a crise as comunicacións entre o tsar, o Consello de Ministros, a Duma e as autoridades militares e policiais da capital.[93]
Ao mediodía do luns, xa coas tropas amotinadas e os obreiros armados, Rodzianko tratou de lograr –de novo en balde– o permiso do soberano para formar un novo Goberno.[94][95] Pouco antes a propia tsarina, alarmada, aconsellara realizar concesións.[95][96] O apoio do xeneral Mikhail Alekseev, xefe do Estado Maior, á solicitude de Rodzianko resultou inútil. Ao mesmo tempo, Khabalov e o ministro de Defensa, Beliaev, enviaban telegramas máis tranquilizadores[97] nos que expresaban a súa confianza de tomar o control da situación en breve. Malia as contradicións nos informes recibidos, o tsar non tratou de pescudar a situación real da capital: «Non dediquei moito tempo ao informe e pola tarde paseei polo camiño de Orca». O tsar xogou ao dominó e recordou desa tarde que «lucía un fermoso sol». Ás 19:35, con todo, o Estado Maior recibiu un novo telegrama do ministro de Defensa que anunciaba que os disturbios non podían ser controlados e no que solicitaba tropas da fronte para sufocalos.[95][96]
Esa noite o irmán máis novo do tsar, o gran duque Miguel Aleksandrovich, rogou por telegrama tamén ao tsar que atendese a petición de Rodzianko de formar un novo gabinete responsable ante a Duma, pero o seu rogo foi rexeitado.[94][98] O gran duque analizara a situación co primeiro ministro Golitsyn e con Rodzianko esa noite e aceptara proclamarse rexente unicamente co permiso do monarca.[89] O emperador rexeitou amablemente o ofrecemento e indicou que decidira marchar á capital en persoa para tomar o control da situación.[99] Os ministros esperaron no palacio Mariinskii ata a media noite a resposta do tsar e máis tarde abandonárono ante o perigo das multitudes, que xa ameazaban con tomar o edificio; chegaron recibir o rexeitamento do soberano á proposta do gran duque, pero non a orde de permanecer nos seus postos ata o seu regreso a Tsarskoe Selo. Aínda que se lles informou da orde por teléfono á mañá seguinte, para entón o palacio fora asaltado, e pouco despois a maioría deles foron detidos ou tiveron que se esconder para evitalo.[99]
Decidido a non facer concesións, o tsar convocou ao xeneral Nikolai Ivanov e ordenoulle marchar sobre a capital.[94][97][98][100] Ivanov recibiu poderes ditatoriais. O soberano rexeitou de novo a dimisión do primeiro ministro e decidiu resolver a crise por medios militares.[101] Ivanov solicitou para a misión o mando do batallón de San Xurxo, formado por veteranos condecorados con esta distinción. Alekseev prometeulle ademais enviarlle a Tsarskoe Selo desde a fronte[100] catro rexementos de infantaría, outros tantos de cabalaría, dúas unidades de metralladoras e dúas baterías de artillaría. Diversas unidades das frontes norte e occidental debían marchar sobre a capital ás ordes de Ivanov, fiables pero nun número máis indicado para intimidar aos insurxentes que para esmagar a revolta pola forza mediante amplas operacións represivas.[102] Desde Tsarskoe Selo, cara á que partiu a mañá do martes, Ivanov propoñíase lanzar o asalto á alzada capital. Antes de partir, Ivanov tratou de obter do tsar concesións constitucionais que facilitasen o fin da revolta, pero non o logrou. Alekseev asignou a Ivanov novos reforzos de tropas teoricamente fieis ao chegar as noticias da agudización da crise na capital.[103] Mentres, Ivanov perdera parte das tropas que partiran con el cara a Tsarskoe Selo para examinar a situación coa tsarina cando, en Dno, o seu tren se cruzou con outro que viña da capital; os civís e militares do tren da capital relataron os acontecementos aos soldados de Ivanov, que desertaron en masa malia os esforzos deste por restablecer a disciplina. O xeneral, mentres, continuou viaxe ao seu destino malia as informacións de Khabalov sobre a perda da capital e a rebelión da gran maioría da gornición da cidade.[104] En Vyritsa o batallón de San Xurxo comunicou a súa decisión de se manter neutral e non marchar contra os habitantes de Petrogrado, e Ivanov viuse obrigado a retroceder a Gatchina a esperar reforzos. A noite do martes, con todo, os ferroviarios de Luga, favorables á revolución, lograron mediante unha estrataxema devolver á fronte a 4.000 soldados enviados a Ivánov.[104]
Triunfo e creación do Comité da Duma e do Soviet de Petrogrado (12 de marzo)
[editar | editar a fonte]O 28 de febreiroxul./ 12 de marzo de 1917greg., os deputados negáronse a disolver o Parlamento e formaron un comité provisional de once membros constituído polos partidos burgueses liberais do Bloque Progresista, o trudovik Aleksandr Kerenskii, e o dirixente menxevique Nikolai Chkheidze para tratar de restablecer a orde.[45][105] A propia Duma disolveuse a continuación, privándose así de participar nos seguintes acontecementos. O Comité enviou comisarios para supervisar os distintos departamentos gobernamentais, anunciou a toma do poder na capital e a súa intención de formar un novo Goberno provisional, e chamou á calma.[106]
O mesmo día, algúns dirixentes sindicais e das cooperativas, deputados socialistas e membros do Comité Central para as Industrias de Guerra recentemente liberados –entre trinta e corenta persoas en total– reuníronse no Palacio Táuride para tratar de formar un soviet (consello) como o Soviet de Petrogrado de 1905, nomearon un comité executivo e convocaron aos delegados dos traballadores a unha sesión esa mesma noite.[45][103][106][107] Foi o primeiro deste tipo de órgano que ao longo dos meses seguintes se foi estendendo por todo o país.[108] O rápido e decidido apoio popular ao soviet conferiulle pronto un gran poder político.[109] No edificio da Duma, con todo, reinaba a tensión: cada vez un maior número de traballadores e soldados, armados, acudían á Duma para solicitar instrucións, e malia a benvida dispensada por Kerenskii, Matvei Skobelev e Nikolai Chkheidze, outros deputados máis conservadores observaban con inquietude aos recentemente chegados.[110] Malia a súa oposición á disolución da Cámara, a maioría dos deputados era monárquica e opoñíase a enfrontarse abertamente ao tsar, a pesar da crecente presión nas rúas para que a Duma pasase a dirixir a revolución. En palabras do presidente do parlamento, Rodzianko:[111]
Non desexo unha revolta. Non son un rebelde. Non fixen ningunha revolución e non teño intención de realizar ningunha. Se sucedeu é porque non nos escoitan, pero eu non son un revolucionario.
Kerenskii ordenou a detención dos ministros e a toma de puntos estratéxicos como a central de correos, as estacións de ferrocarril, ou os edificios oficiais mentres que finalmente Rodzianko anunciaba a intención da Duma de substituír o antigo Goberno. Preto da media noite, formouse por fin o Comité provisional, pero a Cámara seguía titubeando e desexando un acordo co monarca: solicitouse unha entrevista co primeiro ministro –que dimitiu en balde ás seis da tarde– coa presenza do gran duque Miguel; a Duma seguía perseguindo simplemente a formación dun Goberno «de confianza».[112] Os intentos de mediación de Rodzianko e o gran duque foron de novo rexeitados polo tsar, que seguía confiando nos informes optimistas recibidos o domingo. O Comité provisional enviou comisarios para tomar o control dos edificios oficiais e dos centros de comunicacións, á vez que custodiaba aos principais membros do antigo Goberno que foran capturados polos revolucionarios ou se entregaran á Duma en busca da súa protección, como o propio Protopópov.[111]
O mesmo luns, comezaron a formarse espontaneamente milicias obreiras nalgúns dos distritos industriais, que trataron de eliminar a policía dos seus distritos e da prisión de Kresty.[113] Os insurrectos tomaron tamén o arsenal, comisarías e fábricas de armamento, o que permitiu que os traballadores da capital se armasen.[114]
Pola súa banda, o rexemento Volinskii e membros do Preobrazhenski[115] e dos gardas de Litovskii uníronse á revolta convertida xa en revolución. As tropas teoricamente aínda fieis ao Goberno disolvéronse ante o primeiro contacto cos insurxentes. Só algúns oficiais illados e policías ofreceron certa resistencia. Ao mediodía o ministro de guerra Mikhail Beliaev nomeara ao xeneral Zankevich comandante das tropas aínda fieis, que se concentraron en patio do Palacio de Inverno; malia que inicialmente a moral destas tropas era alta, a inactividade que durou todo o día, a falta de víveres e a conseguinte necesidade de enviar aos soldados a cear aos seus cuarteis fixeron que a maioría se dispersasen entre as multitudes que atoparon polo camiño e non regresasen ao palacio.[116][117] O coronel Aleksandr Kutepov recibira orde de acabar coas desordes no centro da cidade, entre a ponte de Liteinyi e a estación Nikolaievskii; con seis compañías[118] –unha compañía de gardas– e a esperanza de ir reunindo tropas no seu camiño, recibiu contraorde ao chegar á confluencia de Liteinyi e Nevskii, pero decidiu regresar a través de Liteinyi en paralelo ao río, o que fixo que perdese contacto con Khabalov durante todo o día.[115] Detido ao longo de Liteinyi, solicitou reforzos que nunca chegaron pois todos os que lle enviaron acabaron disolvéndose nas multitudes. Os seus intentos de recuperar a obediencia dalgúns soldados amotinados que atopou ao longo da avenida fracasaron e as súas forzas tiveron que se refuxiar na mansión do conde Musin-Pushkin, sede da oficina da cruz vermella da fronte norte tras sufrir numerosas baixas nos enfrontamentos.[119] Incapaz de comunicarse con Khabalov, que abandonara a comisaría central para trasladarse ao almirantado, e cominado polos funcionarios da cruz vermella a abandonar o edificio para evitar males aos enfermos, o destacamento de Kutepov abandonou a resistencia. Malia que se calcula que unicamente 25.000 dos 160.000 soldados da capital se uniron activamente á revolta, as autoridades mostráronse incapaces de vencer a pasividade do resto e de utilizalo para sufocar as protestas; tampouco podían contar co apoio decidido de numerosos oficiais, partidarios de pactar coa Duma no canto de esmagar sen máis a revolta.[120]
A noite do 12, os insurrectos controlaban os rexementos da capital, así como a Fortaleza de San Pedro e San Paulo, e o arsenal principal. O xeneral Khabalov, comandante militar da cidade, aínda controlaba cuns miles de homes o almirantado e o Palacio de Inverno, esperando reforzos da fronte. O seu número era cada vez máis reducido, e durante a madrugada concentrouse no palacio. Durante a madrugada o gran duque Miguel, que acudira ao palacio tras tratar co Goberno no palacio Mariinskii e non poder volver á súa residencia por falta de tren, ordenou a Khabalov e Beliaev que evacuasen o edificio para evitar choques nel coa poboación.[121] As tropas regresaron entón ao almirantado.[122] As últimas forzas leais ao Goberno dispersáronse a mañá seguinte cando os reforzos non chegaron. Ao mediodía decidiron cesar todas as operacións, entregar as armas aos funcionarios do ministerio de Mariña do almirantado e enviar as tropas aos cuarteis mentres que os oficiais regresaban ás súas casas.[37][122] O xeneral Zankevich, que defendía o edificio, decidiu marchar só contra a Fortaleza de San Pedro e San Paulo, sen o apoio dos seus homes, que o evacuaron contra o mediodía; o ministro de Mariña rendeuse ante a ameaza de bombardeo desde a fortaleza, que tamén se rebelara.[123]
Os mandos militares da fronte detiveron[103] o movemento de tropas cara á capital para esmagar as manifestacións convencidos polo Comité provisional da Duma Estatal de que era esta a que controlaba Petrogrado e non as masas revolucionarias.[124][125] A extensión da revolución entre parte das tropas levou finalmente ao Estado Maior a anular o esmagamento da revolución e apoiar ao comité.[126][127] Ivanov atopouse, primeiro en Tsarskoe Selo, e máis tarde na próxima Vyritsa, privado dos reforzos prometidos, retirados por Alekseev por temor a que as forzas enviadas se unisen aos insurxentes como xa o fixeran para entón unidades en Luga, Kronstadt ou Moscova. Enviado dun sitio a outro polos ferroviarios, Ivanov acabou entre dúas localidades nun tren sen auga.[128] O Goberno, que se reuniu para esixir a renuncia de Protopopov esa noite, disolveuse, buscando cada responsable do gabinete a súa seguridade persoal.[103][112]
Extensión da revolución e abdicación do tsar
[editar | editar a fonte]O 29 de febreiroxul./ 13 de marzogreg. os revolucionarios tomaron o control en Moscova[105] e na base naval de Kronstadt, que controlaba o acceso por mar a Petrogrado, asasinando ao comandante e a cincuenta dos seus oficiais. A resistencia aos insurrectos foi mínima, mostra do desprestixio alcanzado polo réxime tsarista. Soldados, mariños e traballadores de Vyborg, Helsingfors, Reval, Pskov, Dvinsk e Riga uníronse á revolución. Aínda así e malia a eliminación da policía tsarista das rúas da capital houbo algúns incidentes illados de disparos desde tellados e edificios contra os manifestantes.[129] A madrugada do martes finalmente o comité da Duma decidiu tomar o control dos ferrocarrís e da súa importante rede de telégrafo, e enviou a un comisario a ocupar o ministerio de Transporte.[130]
O 1 de marzoxul./ 14 de marzogreg., Petrogrado achábase en mans dos insurxentes.[123] Para asegurar a orde unha vez desaparecida a policía, formáronse dúas milicias rivais: unha creada polo soviet e outra polo concello (duma) da cidade.[131] Mentres a primeira integrábana principalmente obreiros da capital, a segunda formouse sobre todo con funcionarios e estudantes. Poucos días despois o comité executivo do soviet logrou a subordinación teórica –pero non real– da milicia obreira á municipal.[132]
A pesar de que algúns deputados liberais, entre eles o dirixente kadete Pavel Miliukov, Aleksandr Guchkov ou Vasilii Shulgin,[133] desexaban establecer unha monarquía constitucional, a revolución avanzara demasiado para permitilo.[108] Os acontecementos obrigaron a Nicolao II a abdicar o 2 de marzoxul./ 15 de marzo de 1917greg..[108] Dous días antes partira de Mogilev cara a Tsarskoe Selo para estar coa súa familia[125][134] –os seus fillos estaban enfermos de sarampelo[135]– malia os consellos contrarios do alto mando; illado no seu tren, desviado por ferroviarios favorables á revolución en diversas ocasións, só logrou alcanzar Pskov[136] –cuartel xeral da fronte norte– a noite do 29 de febreiroxul./ 13 de marzogreg..[137] Para entón Alekseev, convencido da necesidade de nomear un novo Consello de Ministros responsable ante a Duma, solicitara ao comandante da fronte norte, o xeneral Ruzskii, que persuadise ao tsar de aceptar esta petición do comité provisional da Duma. Nicolao de novo rexeitou a petición.[138] Durante a entrevista entre Ruzskii e o soberano, a chegada dun novo telegrama de Alekseev indicando que só a aceptación da formación dun novo Goberno responsable ante a Duma e non ante o tsar podía salvar a situación mantendo o poder en mans da Duma e non dos extremistas levou a Nicolao a ceder finalmente. Tras retirarse pasada a media noite, chamou a Ruzskii dúas horas máis tarde para anunciarlle que Rodzianko desexaba falar con el polo aparello de Hughes –un primitivo teletipo–; tras anunciar a Rodzianko a nova disposición do emperador a aceptar un gabinete dependente da Duma, Rodzianko comunicoulle que a concesión xa non era suficiente[139] ante os últimos acontecementos e que o tsar debía abdicar.[125][138] A conversación foi inmediatamente transmitida a Alekseev que, tras sopesar as situación durante varias horas, a media mañá do día seguinte mostrouse favorable á abdicación[140] do tsar no seu fillo, Alexei Nikolaevich, cunha rexencia do gran duque Miguel,[141] confiando así en manter a cohesión do exército.[142] Alekseev, que desexaba presentar ao tsar unha posición única de todos os mandos principais, comunicou a situación aos comandantes das distintas frontes solicitando o seu inmediato parecer. En menos dunha hora estes comunicáranlle ao xefe do Estado Maior a súa conformidade coa abdicación proposta.[140][143][144] Mentres, Ruzskii mostraba ao tsar a transcrición da súa conversación de Rodzianko, que incluía a petición de abdicación, que Nicolao se mostrou disposto a contemplar. Ás dúas e media da tarde, un novo telegrama de Alekseev comunicaba ao tsar a opinión unánime dos mandos das frontes, que rogaban aceptase abdicar. Tras unha última reunión con Ruzskii, o tsar aceptou abdicar, persignándose.[140][143][144] Tras unha dúbida pasaxeira ao comunicárselle que dous delegados da Duma –Aleksandr Guchkov e Vasilii Shulgin– se dirixían a Pskov para se entrevistaren con el, Nicolao decidiu mandar os dous telegramas que redactara informando da súa abdicación a Rodzianko e a Alekseev.[145][146] Introduciuse aos dous delegados inmediatamente á presenza do tsar ao redor das dez da noite[147] e, tras un longo discurso de Guchkov, Ruzskii informoulles de que Nicolao decidira abdicar; este indicou entón que cambiara de opinión e decidira facelo non só no seu nome, senón no do seu fillo –segundo o seu médico, o tsarévich tiña poucas probabilidades de sobrevivir moito tempo–,[140][146][148] acto que ningún dos presentes sabía se era legal pero, ante a urxencia do momento, decidiron aceptar.[149] Á media noite Guchkov e Shulgin comunicaron ao tsar que o comité provisional admitía a súa dobre abdicación e Nicolao asinou o manifesto de abdicación remitido por Alekseev desde Mogilev horas antes, no que entregaba o trono ao seu irmán Miguel. Á unha da madrugada, Nicolao abandonou Pskov para se reunir coa súa familia,[150] obxectivo que só alcanzou o 9 de marzoxul./ 22 de marzogreg., xa como prisioneiro do comité e do consello.[151] Antes o tsar regresara temporalmente a Mogilev para despedirse do Estado Maior e recibir a visita da súa nai, que se desprazou especialmente desde Kíiv.[150]
Tras frustrarse a primeira intención do tsar de ceder o poder ao seu irmán máis novo, o duque Miguel Aleksandrovich, que rexeitou o trono[152][153] ante a falta de seguridade da súa persoa,[154][155] o executivo quedou a cargo dun Goberno provisional, que debía durar ata que se levasen a cabo eleccións para a creación da Asemblea Constituínte.[156] A falta de apoio dos mandos militares fixera imposible a resistencia do tsar.[157][158] Guchkov e Shulgin salváronse no último momento de ser linchados cando, ao chegar á capital, anunciaron a abdicación do tsar no seu irmán, rexeitada pola multitude.[159] Os intentos dalgúns membros do Comité provisional da Duma, como Miliukov[160] ou o propio Guchkov, de apoiar o ascenso ao trono de Miguel, foron rexeitados polo resto e a entrevista co gran duque levou á abdicación.[153][155] Anunciáronse entón simultaneamente as dúas abdicacións, a do tsar e a do seu irmán, para goce popular.[155]
Formación do Goberno Provisional
[editar | editar a fonte]A aparición do Soviet de Petrogrado creou unha situación de poder dual[161][162] difícil de articular, xa que ámbolos dous organismos, o Comité da Duma e o Soviet de Petrogrado, pronto competiron polo poder, levando ao país ao caos administrativo. Ao comezo, con todo, o Soviet de Petrogrado, controlado polos socialistas moderados, limitouse a controlar a política do novo Goberno, aprobando o 1 de marzoxul./ 14 de marzo de 1917greg. a formación pola Duma dun Goberno provisional.[156]
O arranxo entre o Comité da Duma e o Soviet de Petrogrado para o establecemento do Goberno provisional considérase habitualmente como unha cesión ideolóxica dos socialistas moderados, quen controlaban o segundo, aos liberais, pero debeuse tamén en parte á debilidade militar da revolta, que necesitaba do apoio dos políticos burgueses para evitar un esmagamento militar do movemento.[163]
No resto do país, a caída do antigo réxime foi rápida e maioritariamente incruenta; creáronse Gobernos locais improvisados e soviets, á imitación do Goberno provisional da capital e do Soviet de Petrogrado, e sucedéronse as manifestacións, a miúdo de aspecto festivo, ante a impotencia das antigas autoridades.[164]
O Goberno Provisional e o Soviet de Petrogrado
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Goberno Provisional Ruso e Soviet de Petrogrado.
O Goberno provisional que substituíu o tsar estivo dirixido inicialmente por un aristócrata, o príncipe Georgii Lvov, quen prometeu unhas reformas sociais e políticas que incumpriu. Os socialistas, opostos ideoloxicamente a colaborar cos liberais, non entraron inicialmente no Goberno.[156]
Despois de que o seu Goberno fracasase, sucedeulle no verán un socialista, Aleksandr Kerenskii. Kerenskii foi incapaz de tratar os problemas aos que se enfrontaba o país ao continuar participando Rusia na Gran Guerra. O acoso desde a dereita (exemplificado no golpe de Kornilov) e a esquerda (principalmente de man dos bolxeviques) someteu ao Goberno a unha crecente presión.
O regreso de Lenin a Rusia en abril fortaleceu a posición dos bolxeviques e radicalizou a escena política, en especial coa publicación das súas famosas Teses de abril, malia seren rexeitadas ao comezo pola maioría da dirección bolxevique, máis moderada.[165] O 1 de marzoxul./ 14 de marzogreg., o Soviet dos Representantes dos Traballadores e Soldados de Petrogrado publicou a súa Orde número 1, que exhortaba aos militares a obedecer as súas ordes en lugar das do Goberno provisional se estas se opoñían a aquelas.[166] As diferenzas entre ambos fóronse agravando co desgaste producido pola guerra. Mentres a opinión pública clamaba polo fin da guerra, o Goberno provisional era partidario de seguir a contenda. Os soviets estaban divididos: mentres os bolxeviques estaban totalmente en contra da guerra, a maioría dos demais partidos non querían a rendición rusa.[167]
Nesta situación producíronse as Xornadas de Xullo, durante as cales unha gran multitude saíu ás rúas a pedir o fin da guerra e o traspaso de «todo o poder aos soviets». En setembro, o intento de golpe de estado por parte do xeneral Kornilov deu vigor aos movementos intransixentes de esquerda e terminou de debilitar ao Goberno provisional.
Ao final, o réxime establecido na Revolución de Febreiro foi substituído pola forza durante a Revolución de Outubro.
Nicolao II, a tsarina Alexandra, o tsarevich Alexei, e as catro grandes duquesas, foron asasinados xunto cos seus axudantes, por axentes do soviet da rexión dos Urais a madrugada do 18 de xullo de 1918 na Casa Ipatiev de Ekaterimburgo.[151]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Chamberlin (1967), p. 10
- ↑ Wade (2000), p. 28
- ↑ Finais de febreiro segundo o calendario xuliano aínda en vigor en Rusia naquel momento.
- ↑ 4,0 4,1 Hasegawa (1972), p. 611
- ↑ Abraham (1990), p. 116
- ↑ Abraham (1990), p. 117
- ↑ 7,0 7,1 Abraham (1990), p. 119
- ↑ Katkov (1969), p. 297
- ↑ Rabinowitch (1991), p. 24
- ↑ Lincoln (1987), p. 315
- ↑ Ferro (1975), p. 55
- ↑ 12,0 12,1 12,2 Ferro (1975), p. 56
- ↑ Wade (2000), p. 23
- ↑ Wade (2000), p. 24
- ↑ Wade (2000), p. 25
- ↑ Chamberlin (1967), p. 5
- ↑ 17,0 17,1 Chamberlin (1967), p. 4
- ↑ 18,0 18,1 18,2 Chamberlin (1967), p. 6
- ↑ 19,0 19,1 19,2 Wade (2000), p. 29
- ↑ 20,0 20,1 Rabinowitch (1991), p. 25
- ↑ Katkov (1969), p. 320
- ↑ Abraham (1990), p. 120
- ↑ Katkov (1969), p. 324
- ↑ Katkov (1969), p. 323
- ↑ 25,0 25,1 Abraham (1990), p. 121
- ↑ 26,0 26,1 Abraham (1990), p. 122
- ↑ Ferro (1975), p. 60
- ↑ 28,0 28,1 Ferro (1975), p. 59
- ↑ Katkov (1969), p. 341
- ↑ Katkov (1969), p. 340
- ↑ 31,0 31,1 31,2 Uldricks (1975), p. 612
- ↑ Lincoln (1987), p. 320
- ↑ 33,0 33,1 Abraham (1990), p. 123
- ↑ 34,0 34,1 Wade (1969), p. 2
- ↑ Lincoln (1987), p. 321
- ↑ 36,0 36,1 Wade (2000), p. 31
- ↑ 37,0 37,1 Katkov (1969), p. 337
- ↑ 38,0 38,1 38,2 38,3 Ferro (1975), p. 61
- ↑ 39,0 39,1 39,2 39,3 Abraham (1990), p. 125
- ↑ 40,0 40,1 40,2 40,3 Lincoln (1987), p. 322
- ↑ Katkov (1969), p. 355
- ↑ 42,0 42,1 Lincoln (1987), p. 323
- ↑ Wade (2000), p. 33
- ↑ 44,0 44,1 44,2 44,3 Lincoln (1987), p. 324
- ↑ 45,0 45,1 45,2 45,3 45,4 45,5 45,6 Rabinowitch (1991), p. 27
- ↑ 46,0 46,1 Wade (2000), p. 34
- ↑ 47,0 47,1 Lincoln (1987), p. 325
- ↑ Ferro (1975), p. 62
- ↑ Abraham (1990), p. 126
- ↑ Hasegawa (1972), p. 615
- ↑ 51,0 51,1 Wade (2000), p. 35
- ↑ 52,0 52,1 52,2 52,3 Lincoln (1987), p. 326
- ↑ Katkov (1969), p. 358
- ↑ 54,0 54,1 Ferro (1975), p. 63
- ↑ 55,0 55,1 Wade (2000), p. 36
- ↑ 56,0 56,1 56,2 Lincoln (1987), p. 327
- ↑ Hasegawa (1972), p. 626
- ↑ Abraham (1990), p. 127
- ↑ 59,0 59,1 59,2 Wade (2000), p. 37
- ↑ Katkov (1969), p. 361
- ↑ 61,0 61,1 61,2 Katkov (1969), p. 362
- ↑ Lincoln (1987), p. 328
- ↑ 63,0 63,1 Ferro (1975), p. 64
- ↑ 64,0 64,1 Abraham (1990), p. 128
- ↑ 65,0 65,1 Wade (2000), p. 38
- ↑ 66,0 66,1 66,2 Lincoln (1987), p. 329
- ↑ 67,0 67,1 67,2 Ferro (1975), p. 99
- ↑ 68,0 68,1 Katkov (1969), p. 363
- ↑ Hasegawa (1972), p. 616
- ↑ 70,0 70,1 Lincoln (1987), p. 331
- ↑ 71,0 71,1 71,2 Ferro (1975), p. 70
- ↑ 72,0 72,1 72,2 72,3 72,4 Wade (2000), p. 39
- ↑ 73,0 73,1 Abraham (1990), p. 129
- ↑ Katkov cita unha cifra algo menor, 40 mortos e outros tantos feridos. Katkov, p. 363, do mesmo xeito que Wade, Wade p. 38.
- ↑ Ferro (1975), p. 65
- ↑ 76,0 76,1 Katkov (1969), p. 364
- ↑ 77,0 77,1 Lincoln (1987), p. 330
- ↑ Katkov menciona dezasete líderes no canto de dezanove, Katkov, p. 364
- ↑ Katkov (1969), p. 367
- ↑ Ferro (1975), p. 71
- ↑ Wade (2000), p. 40
- ↑ Ferro (1975), p. 72
- ↑ Abraham (1990), p. 130
- ↑ 84,0 84,1 84,2 White (1989), p. 611
- ↑ 85,0 85,1 85,2 85,3 Lincoln (1987), p. 332
- ↑ Hasegawa (1972), p. 613
- ↑ 87,0 87,1 Lincoln (1987), p. 333
- ↑ Katkov (1969), p. 387
- ↑ 89,0 89,1 Katkov (1969), p. 388
- ↑ 90,0 90,1 Chamberlin (1967), p. 7
- ↑ Katkov (1969), p. 336
- ↑ Katkov (1969), p. 386
- ↑ Katkov (1969), p. 332
- ↑ 94,0 94,1 94,2 Lincoln (1987), p. 334
- ↑ 95,0 95,1 95,2 Ferro (1975), p. 100
- ↑ 96,0 96,1 Katkov (1969), p. 410
- ↑ 97,0 97,1 Wade (2000), p. 51
- ↑ 98,0 98,1 Ferro (1975), p. 101
- ↑ 99,0 99,1 Katkov (1969), p. 389
- ↑ 100,0 100,1 Katkov (1969), p. 411
- ↑ Ferro (1975), p. 102
- ↑ Katkov (1969), p. 412
- ↑ 103,0 103,1 103,2 103,3 Lincoln (1987), p. 335
- ↑ 104,0 104,1 Ferro (1975), p. 103
- ↑ 105,0 105,1 Lincoln (1987), p. 336
- ↑ 106,0 106,1 Wade (1969), p. 3
- ↑ Wade (2000), p. 44
- ↑ 108,0 108,1 108,2 Rabinowitch (1991), p. 28
- ↑ Hasegawa (1972), p. 618
- ↑ Ferro (1975), p. 74
- ↑ 111,0 111,1 Wade (2000), p. 43
- ↑ 112,0 112,1 Ferro (1975), p. 79
- ↑ Hasegawa (1973), p. 308
- ↑ Hasegawa (1973), p. 317
- ↑ 115,0 115,1 Katkov (1969), p. 374
- ↑ Katkov (1969), p. 370
- ↑ Katkov (1969), p. 380
- ↑ Katkov (1969), p. 375
- ↑ Katkov (1969), p. 377
- ↑ Katkov (1969), p. 379
- ↑ Katkov (1969), p. 381
- ↑ 122,0 122,1 Katkov (1969), p. 382
- ↑ 123,0 123,1 Ferro (1975), p. 83
- ↑ Hasegawa (1972), p. 627
- ↑ 125,0 125,1 125,2 Wade (2000), p. 52
- ↑ Hasegawa (1972), p. 628
- ↑ Chamberlin (1967), p. 8
- ↑ Ferro (1975), p. 104
- ↑ Hasegawa (1973), p. 303
- ↑ Katkov (1969), p. 396
- ↑ Hasegawa (1973), p. 307
- ↑ Hasegawa (1973), p. 316
- ↑ Kochan (1967), p. 185
- ↑ Ferro (1975), p. 106
- ↑ Katkov (1969), p. 413
- ↑ Katkov (1969), p. 429
- ↑ Lincoln (1987), p. 337
- ↑ 138,0 138,1 Lincoln (1987), p. 338
- ↑ Katkov (1969), p. 438
- ↑ 140,0 140,1 140,2 140,3 Ferro (1975), p. 108
- ↑ Katkov (1969), p. 440
- ↑ Lincoln (1987), p. 339
- ↑ 143,0 143,1 Lincoln (1987), p. 340
- ↑ 144,0 144,1 Katkov (1969), p. 443
- ↑ Lincoln (1987), p. 341
- ↑ 146,0 146,1 Katkov (1969), p. 444
- ↑ Katkov (1969), p. 452
- ↑ Katkov (1969), p. 454
- ↑ Lincoln (1987), p. 342
- ↑ 150,0 150,1 Katkov (1969), p. 466
- ↑ 151,0 151,1 Lincoln (1987), p. 344
- ↑ Hasegawa (1972), p. 631
- ↑ 153,0 153,1 Katkov (1969), p. 538
- ↑ Lincoln (1987), p. 345
- ↑ 155,0 155,1 155,2 Ferro (1975), p. 112
- ↑ 156,0 156,1 156,2 Rabinowitch (1991), p. 29
- ↑ Hasegawa (1972), p. 630
- ↑ Wade (2000), p. 46
- ↑ Ferro (1975), p. 111
- ↑ Katkov (1969), p. 536
- ↑ Chamberlin (1967), p. 9
- ↑ Hasegawa (1973), p. 304
- ↑ Hasegawa (1972), p. 621
- ↑ Wade (2000), p. 50
- ↑ Rabinowitch (1991), p. 41
- ↑ Rabinowitch (1991), p. 49
- ↑ Rabinowitch (1991), p. 31
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Revolución de Febreiro |
A Galipedia ten un portal sobre: Historia |
A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Abraham, Richard (1990). Alexander Kerensky: The First Love of the Revolution (en inglés). Columbia University Press. p. 503. ISBN 9780231061094.
- Chamberlin, William Henry (1967). "The First Russian Revolution". Russian Review (en inglés) 26 (1): 4–12.
- Ferro, Marc (1975). La Revolución de 1917: la caída del zarismo y los orígenes de octubre (en espanol). Laia. p. 522. ISBN 9788472224827.
- Hasegawa, Tsuyoshi (1972). "The Problem of Power in the February Revolution of 1917 in Russia". Canadian Slavonic Papers (en inglés) 14 (4): 611–633.
- Hasegawa, Tsuyoshi (1973). "The Formation of the Militia in the February Revolution: An Aspect of the Origins of Dual Power". Slavic Review (en inglés) 32 (2): 303–322.
- Katkov, George (1969). Russia, 1917: The February Revolution (en inglés). HarperCollins Distribution Services. p. 623. ISBN 9780006320685.
- Kochan, Lionel (1967). "Kadet Policy in 1917 and the Constituent Assembly". The Slavonic and East European Review 45 (104): 183–192.
- Lincoln, W. Bruce (1987). Passage through Armageddon the Russians in war and revolution 1914-1918 (en inglés). Simon & Schuster. pp. 637. ISBN 9780671557096.
- Rabinowitch, Alexander (1991). Prelude to Revolution: The Petrograd Bolsheviks and the July 1917 Uprising (en inglés). Indiana University Press. p. 320. ISBN 9780253206619.
- Uldricks, Teddy J. (1975). "Petrograd Revisited: New Views of the Russian Revolution". The History Teacher 8 (4): 611–623.
- Wade, Rex A. (2000). The Russian Revolution, 1917 (New Approaches to European History) (en inglés). Cambridge University Press. p. 337. ISBN 9780521425650.
- Wade, Rex A. (1969). The Russian Search for Peace, February-October 1917 (en inglés). Stanford University Press. p. 196. ISBN 9780804707077.
- White, James D. (1989). "The February Revolution and the Bolshevik Vyborg District Committee (In Response to Michael Melancon)". Soviet Studies (en inglés) 41 (4): 602–624.