Roberto I de Normandía
Nome orixinal | (fr) Robert I de Normandie |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (fr) Robert c. 22 de xuño de 1004 Normandía |
Morte | 3 de xullo de 1035 (31 anos) Nicea |
Duque de Normandía | |
1027 – 3 de xullo de 1035 (finado no cargo) ← Ricardo III de Normandía – Guillerme I de Inglaterra → | |
Actividade | |
Ocupación | militar |
Outro | |
Título | Duque de Normandía (1027–1035) |
Familia | Casa de Normandía |
Parella | Herleva de Falaise |
Fillos | Adelaide da Normandia, Guillerme I de Inglaterra |
Pais | Ricardo II de Normandía e Judite da Bretanha |
Irmáns | Leonor da Normandia Alice da Normandia Maugério William of Talou Ricardo III de Normandía |
Parentes | Eduardo o Confesor, curmán entregue |
Descrito pola fonte | Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Encyclopædia Britannica |
Roberto I de Normandía, nado contra 1004, e finado en Nicea o 3 de xullo de 1035, chamado o Magnífico,[1] ou o Liberal, ou o Diabo, foi un nobre normando, que foi duque de Normandía desde agosto de 1027 até a súa morte, o 3 de xullo de 1035.
Foi o pai de Guillerme o Conquistador.
O historiador L. Musset describe a Roberto o Magnífico como «un home de personalidade violenta e difícil»,[2] até o punto de que se considera que el inspirou o personaxe lendario da ópera de Giacomo Meyerbeer Roberto o Diabo (Robert le diable).
A súa mala reputación provén, en parte, da súa posíbel implicación na morte de seu irmán, o que lle permitiu ascender ao trono de Normandía.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Política interior
[editar | editar a fonte]A toma do poder
[editar | editar a fonte]Roberto era fillo de Ricardo II de Normandía e a súa esposa Xudite da Bretaña.
En 1026, á morte do seu pai, mentres o seu irmán máis vello Ricardo III herdaba o ducado, el foi nomeado conde de Hiémois.[3] Ese ano, ou o seguinte, rebelouse contra o novo duque, o seu irmán, que se presentou co seu exército diante do castelo de Falaise, onde se atrincheiraba o rebelde,[3] que se rendeu e someteu ao seu irmán. Porén, en agosto de 1027, Ricardo III morreu envelenado,[3] e de inmediato Roberto tomou o poder, tras separar da sucesión a Nicolás, fillo ilexítimo do defunto.[4] Guillerme de Jumièges non ofrece o nome do envelenador; Wace, en cambio, non dubida en acusar a Roberto, pero da súa culpabilidade non existe máis que ese indicio. En todo caso, Roberto foi o que máis se beneficiou da morte de seu irmán.
Entre 1027 e 1028, Roberto debeu facer fronte a unha serie de rebelións, posibelmente debido á forma en que tomara o poder, ou porque a súa intención era gobernar Normandía con man de ferro.
Debeu ir a asediar o castelo de Alençon, onde se rebelara Guillerme I de Bellême. O rebelde rendeuse, pero foi obrigado a presentarse ante o duque cunha sela de montar nas costas.[5]
Na mesma época o bispo Hugo de Bayeux recrutou soldados de Francia para facer do seu castelo de Ivry un foco de resistencia. Roberto presentouse en Ivry antes de que o bispo regresara de Francia, polo que o prelado debeu exiliarse, a cambio dun salvoconduto para os fieli que deixara no castelo, sen poder regresar á súa patria antes de 1032.
Conflito coa Igrexa
[editar | editar a fonte]Aínda que seu pai, Ricardo o Bo, se mostrara moi xeneroso coa Igrexa católica, o feito de que Roberto o Magnífico tomara terras das abadías e catedrais para distribuír entre os nobres máis xoves, coa idea de recompensalos e mantelos na súa alianza, levouno a entrar en conflito co seu tío Roberto o Danés, arcebispo de Ruán.
Este arcebispo era un dos personaxes máis importantes do ducado de Normandía, tendo en conta que, ademais de primado dos normandos, era o conde de Évreux. O duque asediou ao arcebispo onde este se fixera forte, no seu castelo de Évreux, e o prelado, despois dun primeiro intento de resistencia, preferiu entrar en negociacións. Despois decidiu exiliarse na corte francesa do rei Roberto o Piadoso, desde onde ditou a excomuñón do seu sobriño e puxo a Normandía baixo interdito. Estas sancións tiveron efecto, xa que Roberto convocou ao arcebispo e restaurouno en todos os seus títulos e feudos.[6] A reconciliación parece que tivo lugar xa en 1028.[7]
O conflito entre o duque e o arcebispo parece que marcou un punto de inflexión na política relixiosa de Roberto o Magnífico. Roberto o Danés recuperou a súa alta posición na corte do ducado, e convencera ao seu sobriño de que era indispensábel manterse en boas relacións coa Igrexa.
Roberto asinou cartas de confirmación ou de restitución das terras á catedral de Ruán e ás abadías de Fécamp e de Saint-Wandrille de Fontenelle, entre outras comunidades relixiosas.[7]
Tamén fundou mosteiros. En primeiro lugar, a abadía de Cerisy, o 12 de novembro de 1032, no oeste de Normandía, unha rexión que sufrira ataques viquingos e estaba desprovista de monteiros a non ser pola abadía de Le Mont-Saint-Michel.[8]
En xaneiro de 1035, refundou no Sena Marítimo a abadía de Montivilliers, onde substituíu os monxes por monxas, converténdoo así no primeiro convento de mulleres de Normandía.
O seu exemplo foi seguido por varios dos seus vasalos. Na mesma época Onfroi de Vieilles fundou a abadía de Saint-Pierre de Préaux, e o cabaleiro Herluin a abadía de Bec.
Política exterior
[editar | editar a fonte]Auxilio ao conde de Flandres e ao rei de Francia
[editar | editar a fonte]Contra 1030 Roberto invadiu o Condado de Flandres, e repuxo ao conde Balduíno IV no trono, do que fora desposuído polo seu fillo Balduíno V.[9]
Así mesmo, en 1031, o rei Henrique I de Francia foi destronado polo seu irmán máis novo Roberto, e tivo que abandonar París, buscando refuxio no ducado de Normandía, desde onde o duque Roberto I enviou unha forza armada contra a Illa de Francia que venceu aos rebeldes e restaurou a Henrique no trono. A cambio, pouco despois o duque recibiu a soberanía sobre parte do Vexin francés.[9]
Expedición a Inglaterra
[editar | editar a fonte]En 1034, a diferenza do seu pai, Roberto o Magnífico, tomou a decisión de intervir nos asuntos ingleses, en favor dos seus curmáns exiliados (Eduardo o Confesor e Alfredo Atheling). Antes enviou unha embaixada a Canuto o Grande para exixirlle a entrega do reino aos fillos do finado rei Etelredo e Emma de Normandía.
O rei danés negouse rotundamente, así que Roberto convocou aos grandes do ducado e mandou construír unha frota para invadir Inglaterra. As naves, cheas de homes, armas e víveres, reuníronse en Fécamp e, ao levantar áncora, encontráronse cunha tempestade en medio do Canal da Mancha, que as desviou cara á illa de Jersey.[10]
Polo tanto os normandos non conseguiron conquistar Inglaterra, o que algo máis tarde conseguiría Guillerme o Conquistador, fillo de Roberto, a partir do outono de 1066.
Soberanía sobre a Bretaña
[editar | editar a fonte]Despois de consolidar o seu poder en Normandía, Roberto entrou en conflito coa Bretaña, que estaba baixo soberanía normanda desde 1008, cando o poder pasara á condesa nai, Havoise de Normandía.[11] En 1033, o duque Roberto levou a cabo unha campaña contra o seu primo Alan III da Bretaña, que intentara emanciparse de Normandía. Houbo varias incursións dun lado e o outro. Roberto construíu un castelo na fronteira, desde onde comezou un ataque por terra, apoiado por unha frota que, ao mesmo tempo, saqueaba a costa bretoa. A resposta do conde da Bretaña foi unha invasión no Avranchin, pero os normandos derrotaron aos bretóns nunha batalla e Alano máis tarde tivo que recoñecerse vasalo de Roberto.[11] Finalmente o arcebispo Roberto o Danés, que era tío de ambos os dous, negociou unha paz entre eles.
Últimos anos
[editar | editar a fonte]Nos seus últimos anos o duque arrepentiuse dos seus erros pasados, axudou xenerosamente aos pobres e emprendeu a reconstrución da catedral de Ruán. A finais de 1034, o duque Ricardo I tomou a decisión de facer unha peregrinación a Xerusalén. Moitos historiadores viron nisto un acto de penitencia polo asasinato de Ricardo III, porén, a peregrinación a Terra Santa estaba xa moi de moda nos persoeiros máis altos da nobreza feudal. O certo é que a ausencia do duque poñía en risco o ducado e, por outra parte, en caso de morrer durante a viaxe, non estaba establecida a sucesión.
O 13 de xaneiro de 1035, por convocatoria do duque, reuniuse unha asemblea de baróns en Fécamp.[12] O arcebispo Roberto, os bispos da provincia eclesiástica e demais grandes, recoñeceron como herdeiro e xuraron fidelidade a Guillerme, fillo de Roberto, que entón tiña uns sete anos de idade.[13] Os baróns talvez aceptaron con reticencia ao herdeiro elixido por Roberto, xa que se trataba dun fillo ilexítimo. Porén, o costume era que o ducado pasara de pai a fillo, e Guillerme era o seu único fillo varón (por certo, o duque non respectara este costume cando substituíu no trono ao seu sobriño Nicolao).
O duque, tras deixar ao seu fillo baixo a custodia e titoría do rei Henrique I de Francia, partiu cara aos Santos Lugares a principios do ano,[13] en compaña dalgúns baróns, por terra, co propósito de visitar Roma. Despois o emperador bizantino Miguel IV recibiuno en Constantinopla. Roberto chegou a Xerusalén, pero morreu no verán de 1035, en Nicea, durante a súa viaxe de retorno.
A súa temperá morte somerxeu o ducado nunha longa anarquía e guerra civil (1037-1047), que encontraría solución na batalla de Val-ès-Dunes.
Descendencia
[editar | editar a fonte]De Arlette de Falaise, a súa esposa more danico (á maneira danesa) —concubinato aos ollos da Igrexa—, naceu:
- Guillerme o Conquistador, duque de Normandía e rei de Inglaterra.
De Arlette ou outra concubina,[14] foi pai de:
- Adelaida de Normandía, que casou en primeiro lugar co conde Enguerrando II de Ponthieu,[15] e en segundas nupcias co conde Lamberto II de Lens e, finalmente, con Eudes II de Troyes.[16]
Algúns historiadores atribúenlle un casamento con Estrith, irmá de Canuto II de Dinamarca, pero isto é moi pouco probábel.[17]
Predecesor: Ricardo III |
Duque de Normandía 1027-1035 |
Sucesor: Guillerme II |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Neveux 1998, p. 116.
- ↑ Musset 2003, p. 111.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Neveux, pp. 117-118.
- ↑ Gazeau, p. 102.
- ↑ Jumièges, p. 139.
- ↑ Jumièges, p. 138.
- ↑ 7,0 7,1 Neveux, p. 122.
- ↑ Neveux, pp. 124-125.
- ↑ 9,0 9,1 Neveux, p. 127.
- ↑ Jumièges, pp. 160-161.
- ↑ 11,0 11,1 Neveux, p. 128.
- ↑ Jumièges, p. 164. Este non dá os nomes dos presentes, pero o estudo das sinaturas nas cartas ducais desta época permite coñecer ás persoas habituais da corte de Roberto o Magnífico. Por tanto, pódese inferir que estiveron presentes o arcebispo Roberto, varios bispos e abades, Xilberto de Brionne, Guillerme de Talou, Onfroi de Vieilles, Osbern de Crépon, e talvez Alan III da Bretaña.
- ↑ 13,0 13,1 Neveux, pp. 130-134.
- ↑ Douglas 1964, pp. 380-381.
- ↑ Cokayne, p. 351.
- ↑ Douglas 1964, p. 380.
- ↑ Douglas 1950, pp. 293-295.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Roberto I de Normandía |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cokayne, George Edward (1910): The Complete Peerage of England, Scotland, Ireland, Great Britain and the United Kingdom, Extant, Extint or Dormant, Vol. I, ed. Vicary Gibbs. Londres: The St. Catherine Press, Ltd.
- Douglas, David C. (1964): William the Conqueror. Berkeley / Os Ánxeles: University of California Press. ISBN 978 0-3000-7884-8.
- Douglas, David C. (1950): "Some problems of early Norman Chronology". The English Historical Review 107 (4).
- Gazeau, Véronique (2007): Normannia monástica (Xe-XIIe siècle). Princes normands et abbes bénédictins. Caen: Publications du CRAHM. ISBN 978-2-9026-8538-7.
- Jumieges, Guillermo de (1826): Gesta Normannorum Ducum. Éd. Guizot.
- Neveux, François (1998): La Normandie des ducs aux Rois. Xe-XIIe. Rennes: Ouest-France Université. ISBN 978-2-7373-0985-4.
- Musset, Lucien (2003): "Naissance de la Normandie". En De Boüard, Michel, Histoire de la Normandie. Toulouse: Privat. ISBN 978-2-7089-1707-1.