Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Rosendo Salvado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRosendo Salvado

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1 de marzo de 1814 Editar o valor en Wikidata
Tui, España Editar o valor en Wikidata
Morte29 de decembro de 1900 Editar o valor en Wikidata (86 anos)
Roma () Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaIgrexa abacial da Santísima Trindade de Nova Nursia Editar o valor en Wikidata
Bispo titular
29 de marzo de 1889 –
Bispo diocesano
9 de agosto de 1849 – 1 de agosto de 1888
← Josep SerraFrançois-Xavier Gsell →
Abade
Abade territorial Abadía territorial de Nova Nursia
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónbispo católico (1849–), sacerdote católico (1839–), misioneiro, monxe católico latino Editar o valor en Wikidata
Orde relixiosaOrde de San Bieito Editar o valor en Wikidata
ConsagraciónGiacomo Filippo Fransoni Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteThe Dictionary of Australasian Biography, 1892 (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Galiciana: 33442 BNE: XX1410227 Bitraga: 4288 BUSC: salvado-rosendo-1814-1900

Frei Rosendo Salvado Rotea O.S.B., nado en Tui o 1 de marzo de 1814 e finado en Roma o 29 de decembro de 1900, foi un frade beneditino galego, misioneiro, bispo e escritor, fundador e primeiro abade de New Norcia (Nova Nursia), en Australia Occidental. Frei Rosendo está considerado, erroneamente,[1] como o introdutor do eucalipto en Galiza.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Lucas Rosendo José Salvado Rotea era fillo de Pedro Salvado e Francisca Rotea. Fixo os seus primeiros estudos no Seminario da súa cidade natal. Con dezaseis anos de idade, en xullo de 1830, fixo a profesión como membro da Orde de San Bieito e ingresou no mosteiro beneditino de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela, onde xa estaba seu irmán Santos. En 1832 fixo a profesión solemne dos votos e foi enviado durante certo tempo ao mosteiro asturiano de San Juan de Corias, para seguir perfeccionando estudos de órgano, pois posuía excelentes dotes musicais.

En 1835 viuse forzado a deixar o mosteiro compostelán por mor da Real Orde de Exclaustración Eclesiástica do goberno de José María Queipo de Llano, regresando á súa vila natal de Tui. Alí véuselle negada a ordenación sacerdotal. Salvado tomou entón a decisión de trasladarse a Italia. Chegou, en 1838, até o mosteiro da Trinità della Cava, a 45 km de Nápoles, que entón era parte do Reino das Dúas Sicilias. Alí foi ordenado presbítero o 23 de febreiro de 1839, oficiando a súa primeira misa no seguinte 1 de marzo.

Desexoso de facer labor misionario, Salvado, xunto cun compañeiro catalán, frei José Benito Serra, en 1844, buscan consello en Roma na Congregación de Propaganda Fide, onde son presentados perante John Brady, nomeado recentemente bispo de Perth, en Australia occidental, que precisa misioneiros para o continente aínda sen evanxelizar. Serra e Salvado parten con el até Londres, antes de partir para Australia desde o porto de Gravesand o 17 de setembro de 1845.

Entre Australia e Europa

[editar | editar a fonte]
I centenario do pasamento
"Fray Rosendo Salvado"
Tui 1900-2000

A expedición arribou a Fremantle, na desembocadura do río Swan, non lonxe de Perth, o 7 de xaneiro de 1846. Brady asignoulles a Salvado e Serra unha zona de evanxelización no hoxe condado (shire) de Victoria Plains, a uns 132 km ao Norte de Perth. Os beneditinos, logo dun intento errado, escolleron un lugar ás beiras do río Moore, que bautizarían como New Norcia (Nova Nursia), en honra do fundador da súa orde, San Bieito de Nursia. Os alicerces do que sería un mosteiro misionario foron abertos o 1 de marzo de 1847. Salvado conseguiu estabelecer boas relacións coa poboación indíxena, e foi quen de obter unha extensa doazón de terras por parte das autoridades, que el lograría arredondar coa compra de terreos, con diñeiro obtido a través de concertos musicais en Perth. Foi quen de facer un empalme de camiño desde New Norcia até Bindoon, o que representaba 70 km de vía que facilitaban as comunicacións do seu asentamento. A finais dese mesmo ano de 1847 abriu unha escola infantil para indíxenas.

En 1848, frei Rosendo Salvado regresou a Europa a fin de obter fondos e vocacións para a misión, levando con el dous rapaces aborixes, Joseph Conaci e Francis Dirimera, que puxo en custodia da abadía da Trinità della Cava. Salvado foi consagrado como bispo de Port Essington (15 de agosto de 1849), aínda que realmente Salvado xamais tomou posesión de ningunha diocese. Aproveitou a súa estancia en Europa para visitar España. Entrementres, Brady expulsou o seu compañeiro Serra de New Norcia. Coñecedor do asunto, Salvado retornou a Roma, onde buscou protectores para a súa obra e logrou ordes romanas que, á súa vez, removeron a Brady do bispado de Perth. Frei Rosendo asistiu tamén a un capítulo xeral da orde beneditina. Volveu novamente a España, e desta vez si visitou a súa localidade natal de Tui, onde ofreceu misa na súa catedral. A ocasión foi motivo tamén para que fosen plantados eucaliptos e acacias, que el trouxera desde Australia, feito polo que é considerado tradicionalmente como o introdutor do eucalipto na Galiza, cultivo que, co tempo, acadaría un extraordinario desenvolvemento. A raíña Isabel II propúxolle rexer o bispado de Lugo, mais Salvado refugou a honra. Porén era unha mostra máis de que o frade conseguira achar bos protectores para a súa misión.

En 1851 Salvado publicou en italiano a súa primeira obra sobre Australia, libro que obtería unha gran difusión ao ser traducido ademais ao castelán e francés. Porén, non foi editado en inglés até 1977, posibelmente pola súa viva crítica do comportamento dos británicos cos aborixes de Australia e Tasmania. A tradución ao galego foi editada no ano 2014 pola Xunta de Galicia, o Parlamento de Galicia e mais o Consello da Cultura Galega.

O 19 de abril de 1853, Salvado partiu desde Cádiz para Australia, levando consigo novos misioneiros e sacerdotes de diversas nacionalidades. Arribou o 15 de agosto a Fremantle, e atopou New Norcia en decadencia, mais con enerxía volveuna a erguer e aínda logrou estendela, abrindo pozo, e construíndo graneiros e muíños. Porén abríronse desavinzas con Serra, que era o novo bispo de Perth. Volveu a Europa de novo, obtendo de Roma a desagregación do seu mosteiro daquela diocese (decreto de 1 de abril de 1859).

New Norcia, prefeitura apostólica

[editar | editar a fonte]
Vista xeral do mosteiro de Nova Nursia.

En 1865, volveu desde Australia, unha vez máis, a Europa, a fin de obter máis medios económicos e humanos. O 12 de marzo de 1867 obtén que New Norcia fose declarada prefeitura apostólica e abadía nullius, co que a misión pasaba a depender directamente de Roma, sen interferencia de ningún prelado, ao tempo que frei Rosendo era nomeado abade de New Norcia. Porén a idea de crear un colexio misionario en El Escorial aborta polo triunfo da revolución de 1868.

Ao pouco tempo de volver de novo a Australia, é convocado para as sesións do Concilio Vaticano I (1869 - 1870), tornando outra vez para o Vello Continente. Ao rematar o concilio, Salvado regresa a Australia.

No ano 1882, regresou outra vez a Europa. Nesta viaxe visita de novo Galiza. Retoma a antiga idea de crear un colexio misionario en España que preparase futuros propagadores da fe católica en ultramar. As condicións política eran favorábeis, tras a nova restauración borbónica: o rei Afonso XII aproba, o 18 de maio de 1884, a creación non dun, senón de tres colexios, localizados nos mosteiros de Montserrat, Silos e Samos. Regresou a Australia en xullo de 1886.

Derradeira viaxe a Europa: morte

[editar | editar a fonte]
Abadía de Nova Nursia, onde está enterrado Rosendo Salvado.

En novembro de 1899 fai a que será a derradeira viaxe a Europa. Leva a idea de lograr unha mellor coordinación dos mosteiros beneditinos para o labor misionario. En Roma logra agregar New Norcia á provincia beneditina de España (decreto de Propaganda Fide do 2 de setembro de 1900) e nomea como sucesor seu na dignidade abacial do lugar ao padre Fulgencio Torres y Mayáns. No mesmo mes visitou a abadía catalá de Montserrat. Pero a súa avanzada idade non lle perdoaba xa tal febril actividade e, no mes de decembro, en Roma, comezou a sentirse mal, sen que lograra recuperarse.

Frei Rosendo Salvado faleceu en Roma, e os seus restos foron trasladados a New Norcia e sepultados na igrexa do mosteiro.

  • Memorie storiche dell'Australia, particolarmente della Missione Benedittina di Nuova Norcia. Roma, 1851 (a tradución española é de 1853, a tradución francesa, de 1854 e a tradución galega de 2014; foron traducidas ao inglés como "The Salvado Memoirs", traducidas por Fr. E. J. Stormon, S. J., University of Western Australia Press, 1977).
  1. Lamigueiro Durán, Marta (2019). Patrimonio forestal sostenible en Galicia: el eucalipto. (PDF). Universidade da Coruña (TFG). p. 10. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Linage, A. (1999): “Rosendo Salvado or the odyssey of a galician in Australia”, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela
  • George Russo, M.A. (2001): “O Señor Abade do Ermo. A vida e a época do Bispo Salvado”, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela
  • Díaz-Fierros, F. e Bouzón, A. (2001): “O Bispo dos sen alma”, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela
  • Prada, A. (2014): "Crónica desde el país de los sin alma. Rosendo Salvado en Australia 1846-1899", A Coruña, Biblioteca Gallega-La Voz de Galicia (ISBN 878-84-9757-282-8); un epílogo do autor pode consultarse en aberto.
  • Prada, A. (2022): "O país dos sen alma. Rosendo Salvado en Australia (1846-1899)", Universidade de Vigo, Vigo, edición dixital en aberto
  • Ride, A. (2007): “The Grand Experiment. Two Boys, Two Cultures”, Hachette Australia, Sydney
  • Rodriguez, Manuel (1944). Consejo Superior de Misiones, ed. Centenario del padre Rosendo Salvado, O.S.B. Madrid. 
  • Rodríguez, Santiago (1944). Consejo Superior de Misiones, ed. El padre Salvado: un gallego civilizador de Australia. Madrid. 
  • Salvado, Rosendo (1851). Memorie storiche dell'Australia, particolarmente della Missione Benedittina di Nuova Norcia. Roma, 1851 (a tradución española é de 1853, a tradución francesa de 1854; a tradución inglesa foi titulada The Salvado Memoirs, traducida e editada por Fr. E. J. Stormon, S. J., University of Western Australia Press, 1977).
  • Salvado, Rosendo (1883). Relazione della Missione benedittina di Nuova Nurcia nell’Australia Occidentale (1844-1883). Roma, 1883; en Cipollone, G. e Orlandi,C. Aborigeno con gli aborigene, Librería Editrice Vaticana,2011.
  • Salvado, Rosendo (2014). Memorias históricas sobre a Australia e particularmente sobre a misión beneditina de Nova Nursia e os usos e costumes dos australianos. Santiago de Compostela: Parlamento de Galicia, Xunta de Galicia e Consello da Cultura Galega.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]