Rousinol común
Rousinol común | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Luscinia megarhynchos (Brehm, 1831) |
O rousinol común,[2] comunmente rousinol[3] (do occitano rossinhol e este do latín vulgar *lusciniolus),[4] reiseñor[5] e ruxiñol[6] (Luscinia megarhynchos) é unha ave paseriforme propia de zonas boscosas ou con árbores moi coñecida pola beleza do seu canto. Tradicionalmente considerada membro da familia dos tordos (Turdidae), recentes estudos moleculares clasifícana dentro da familia dos papamoscas (Muscicapidae).
Descrición
[editar | editar a fonte]Un rousinol adulto mide uns 16,5 cm dende a punta do bico ata a da cola. A parte superior do seu corpo e acastañada clara, a inferior gris acastañada, a cola castaña avermellada e as patas rosas amareladas. É doado confundilo co rousinol ruso (Luscinia luscinia), que é, porén, algo máis escuro e ten manchas castañas agrisadas no papo.
O canto
[editar | editar a fonte]O canto do rousinol é moi rico, variado e alto e é percibido polos humanos coma especialmente agradable e fermoso. A comezos da primavera os machos sen parella cantan polas noites ata que conseguen atraer unha parella, momento no que acaban as exhibicións sonoras nocturnas. A partir de mediados de maio case unicamente os machos célibes cantan polas noites. Durante toda a estación de cría, ata mediados de xuño os machos cantan tamén polo día. O canto das horas do amencer serve probablemente para defender o territorio fronte ós outros machos. Os rousinois novos aprenden a cantar escoitando ós machos adultos veciños e acaban por dominar entre 120 e 260 estrofas diferentes, que adoitan durar entre dous e catro segundos. Este sistema de aprendizaxe pode facer que o canto e a calidade deste varíen segundo as diversas poboacións de rousinol. O canto da especie ten sido por causa da súa complexidade obxecto de intensos estudos científicos e converteu a estas aves nun elemento simbólico importante na mitoloxía, a literatura e as tradicións populares, atribuíndoselle nalgunhas áreas mesmo calidades terapéuticas.
Alimentación
[editar | editar a fonte]Aliméntanse principalmente de insectos e as súas larvas e, máis ocasionalmente, de arañas e outros invertebrados. No outono e o verán complementan a súa dieta con bagas.
Distribución xeográfica
[editar | editar a fonte]Os rousinois son aves migratorias que crían en Asia, Europa e o norte de África. En Australia foron introducidos polos colonizadores europeos. As aves do centro e oeste de Europa pasan o inverno en África.
O seu hábitat preferido son bosque e outras zonas con árbores que lles ofrezan zonas de mato e sotobosque mesto..
Reprodución
[editar | editar a fonte]Crían, en xeral, unha vez por ano, malia que en condicións climáticas axeitadas poidan facer unha segunda posta. A época reprodutora, vai, nas partes centrais da súa área europea de distribución, de.mediados de abril a mediados de xuño. Poñen entre 4 e seis ovos de cor castaña averdegada, que chocan as femias durante 13 ou 14 días. Os polos, que son alimentados polos dous membros da parella, deixan o niño cando teñen 11 ou 12 días de vida, pero son coidados polos pais unhas dúas semanas máis. Fan a miúdo os niños nos lindes dos bosques ou soutos ou nas beiras de camiños. Son construcións pouco coidadas, feitas polas femias a pouca altura sobre o chan, raras veces máis de 30 cm e ás veces sobre o chan mesmo.
Simbolismo
[editar | editar a fonte]O rousinol é segundo diversas tradicións populares símbolo do amor, heraldo da primavera e ave do mes de maio. O amor do rousinol pola rosa é tema habitual da literatura turca, en especial da do período otomán, e da literatura persa, e a ave aparece como símbolo da primavera, a beleza e o amor en moitas obras de orixe popular ou culta, coma a Oda a un rousinol "(Ode to a Nightingale)" de John Keats, o conto O rousinol de Hans Christian Andersen ou o conto popular ruso O rousinol ladrón.
Na mitoloxía grega Filomela ou Procne convértense nun.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BirdLife International (2012). "Luscinia megarhynchos". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de novembro de 2013.
- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-07.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rousinol.
- ↑ "Rousinol". Portal das Palabras. Consultado o 5 de febreiro de 2017.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para reiseñor.
- ↑ García González, Constantino (1985). Glosario de voces galegas de hoxe. Verba. Anexo 27 (USC).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Rousinol (Luscinia megarhynchos) |
- Canto e foto (alemán)
- Rousinol cantando en www.vogelstimmen-wehr.de(alemán)
- Internet Bird Collection: Videos sobre o rousinol. (inglés).
- The Freesound Project: Uncompressed high-quality Nightingale sound file (Rexistro gratuíto). (inglés).
- The Freesound Project: arquivo de son de alta calidade (Rexistro gratuíto). (inglés)
- A rosa e o rousinol na arte persa [1] Arquivado 07 de decembro de 2008 en Wayback Machine. (inglés)
- A rosa e o rousinol na literatura persa [2] (inglés)
- Ficha da especie (PDF), por Javier Blasco-Zumeta (español)