Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Royal Air Force

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Royal Air Force
Insignia da RAF
PaísReino Unido Reino Unido
TipoForza Aérea
Lema(s)Per Ardua ad Astra
MarchaRoyal Air Force March Past
Páxina webraf.mod.uk

Royal Air Force (RAF) é o nome que recibe a forza aérea e espacial das Forzas Armadas do Reino Unido. A RAF formouse o 1 de abril de 1918, sendo a forza aérea independente máis antiga do mundo. Tivo un papel importante na historia militar británica dende entón, actuando na segunda guerra mundial, cun papel moi destacado durante a batalla de Inglaterra, e en conflitos recentes como a guerra en Iraq.

A principios do ano 2011 contaba cun total de 1.002 avións e 42.700 homes regulares, ademais de 2.500 voluntarios. Isto converte a RAF na segunda forza aérea máis grande da OTAN, a primeira de Europa e a quinta do mundo. A meirande parte dos seus avións e persoal están baseados no Reino Unido, co resto actuando en distintas operacións (principalmente en Afganistán e Oriente Medio) ou en bases fóra das illas británicas (Illa de Ascensión, Canadá, Chipre, Diego Garcia, Xibraltar, as illas Falkland e Alemaña).

A misión da RAF e a de apoiar os obxectivos do Ministerio de Defensa británico, que son "proporcionar a capacidade necesaria para asegurar a defensa do Reino Unido e os seus territorios de ultramar, tamén contra o terrorismo; apoiar os obxectivos da política exterior do Goberno particularmente promovendo a paz internacional e a seguridade".[1]

A propia declaracións de obxectivos da RAF di o seguinte:[2]

... [proporcionar] unha áxil, adaptable e capaz Forza Aérea que, persoa a persoa, non ten rival, e que fai unha contribución decisiva de poder aéreo no apoio da Misión de Defensa do Reino Unido.

Esta declaración vai da man da definición da RAF do poder aéreo, o concepto que guía a súa estratexia. O Poder Aéreo e definido como: "A capacidade de proxectar a forza militar no aire ou no espazo por ou dende unha plataforma ou mísil operado por riba da superficie da terra. As plataformas aéreas son definidas como calquera avión, helicóptero ou vehículo aéreo non tripulado".[3] A pesar de que a RAF é o principal poder aéreo británico, o brazo aéreo da Royal Navy e o corpo aéreo da British Army tamén proporcionan poder aéreo integrado en contornos marítimos, costeiros e de terra.

A RAF é a forza aérea independente máis antiga do mundo, establecida o 1 de abril de 1918.[4] Asumiu un papel significativo na historia militar británica, participando de forma importante na segunda guerra mundial, e máis recentemente, nos conflitos en Iraq. Cunha frota dunhas 400 aeronaves e un persoal composto por máis de 30 000 efectivos, a RAF é unha das forzas aéreas máis grandes e máis avanzadas en canto a tecnoloxía do mundo.

Aínda que as orixes da aviación militar inglesa pódense remontar ata a época dos cepelíns, varias décadas atrás ata 1878 coa primeira Escola de Cepelíns do Exército (Army Balloon School) en Woolwich; a xénese da RAF pode establecerse no ano 1911 por dous motivos: a decisión da Oficina de Guerra británica de ampliar a súa antiga Sección de Cepelíns (Balloon Section) para formar un Batallón aéreo (Air Battalion) con base en Farnborough; e posteriormente, nese mesmo ano, as decisións da Conferencia Imperial de Londres de 1911.

Así, a orixe da RAF como arma do exército, provén do resultado da Conferencia Imperial de Londres de 1911, na cal decidiuse que a aviación debía ser incluída nas Forzas Armadas do Imperio británico. Australia foi o primeiro país que deu os primeiros pasos na práctica desta decisión creando unha escola de voo en 1912, a Central Flying School RAAF, pero no se consolidou como forza aérea (RAAF) ata despois da formación da RAF como primeira forza aérea británica seis anos máis tarde, en 1918.

Formación e primeiros anos

[editar | editar a fonte]

A RAF creouse en 1918 pola fusión do Corpo Aéreo Real e o Servizo Aéreo Naval Real. O Cuerpo Aéreo Real era unha división dos Enxeñeiros Reais, baixo o control do Exército Británico. O Servizo Aéreo Naval Real era o seu equivalente na Armada. A decisión de fusionar as dúas unidades e crear unha forza aérea independente foi unha resposta aos eventos da primeira guerra mundial, a primeira guerra na que o poder aéreo demostrou ser decisivo. A acabada de crear Real Forza Aérea era a máis poderosa do mundo no momento da súa creación, contando con 20.000 aeronaves.

Os anos de entreguerra foron relativamente pacíficos para a RAF, tomando parte só en accións menores no Imperio Británico. A RAF prestou servizo en Afganistán, onde ocorreu a primeira evacuación de civís vía aérea en 1928. En 1936, unha reorganización do mando da RAF levou á creación do Mando de Caza (Fighter Command), o Mando de Bombardeo (Bomber Command) e o Mando Costeiro (Coastal Command). A rama Naval Aérea foi separada da RAF e renomeada como Arma Aérea da Frota (Fleet Air Arm) baixo o control da Armada Real.

Segunda guerra mundial

[editar | editar a fonte]

A RAF experimentou unha rápida expansión tras o estoupido da guerra contra a Alemaña nazi en 1939. Isto incluíu o adestramento das tripulacións aéreas británicas en países da Commonwealth baixo o Plan de Adestramento Aéreo da Commonwealth, e o traslado en comisión de moitos escuadróns enteiros e decenas de miles de efectivos doutros países das forzas aéreas da Commonwealth. A estes, sumáronselle máis tarde miles de efectivos doutros países, incluídos moitos que escaparan de países ocupados polos nazis no continente europeo.

A batalla de Inglaterra foi un feito crucial na historia da RAF e forma parte xa da cultura popular e historia mesma de Inglaterra. Durante dita batalla, que tivo lugar no verán de 1940, a forza aérea británica rexeitou as incursións da Luftwaffe na que foi quizais a campaña aérea máis prolongada e complicada da historia. Isto contribuíu enormemente ao atraso e posterior cancelación dos plans alemáns para a invasión de Inglaterra, a Operación León Mariño, e axudou a cambiar o curso da segunda guerra mundial ao facer posible a continuación do esforzo bélico británico por manter unha vía de incursión no continente ocupado polas potencias do Eixo, ata que a entrada da Unión Soviética e Estados Unidos na guerra determinaron o equilibrio de forzas en favor dos Aliados.

O maior esforzo da RAF durante a guerra foi a campaña de bombardeo estratéxico contra Alemaña. A partir do 31 de maio de 1942, o Mando de Bombardeo da RAF estivo en situación de orquestrar incursións nocturnas aéreas a grande escala involucrando ata a 1.000 avións, moitos dos cales eran os novos bombardeiros pesados catrimotores.

Guerra fría

[editar | editar a fonte]

Despois da vitoria na segunda guerra mundial, a RAF reorganizouse novamente, desta vez debido en gran medida aos avances tecnolóxicos na guerra aérea que culminaron na produción de cazas e bombardeiros a reacción. Durante as primeiras etapas da guerra fría unha das primeiras grandes operacións levadas a cabo pola RAF foi a ponte aérea de Berlín, co nóme en código operación Plainfire. Entre o 26 de xuño de 1948 e o fin do bloqueo ruso á cidade o 12 de maio de 1949, a RAF proporcionou o 17% de todas as subministracións entregadas, usando avións Avro York e Douglas Dakota que voaban dende o aeroporto de Gatow , e Short Sunderland dende Lake Havel.[5]

Despois de que o Reino Unido desenvolvese armas nucleares, os escuadróns de bombardeiros V da RAF asumiron a responsabilidade única de transportar o arsenal nuclear de disuasión británico mentres se desenvolvían os submarinos clase Polaris da Armada Real. Despois da introdución dos submarinos Polaris en 1968, o papel estratéxico nuclear da RAF reduciuse ao nivel táctico, facendo uso das bombas de gravidade WE177. Este papel táctico foi proseguido polos bombardeiros V xa entrados os anos 80 e ata 1998 polos cazabombardeiros Tornado GR1.

O papel principal da RAF nos anos da guerra fría foi a defensa de Europa contra ataques potenciais por parte da Unión Soviética. Co declive do Imperio Británico, as operacións a escala global viron o seu alcance reducido, e a RAF do Afastado Oriente foi disolvida o 31 de outubro de 1971.

A pesar diso, a RAF librou moitas batallas no período da guerra fría. Desempeñou un papel menor na guerra de Corea, coa participación de botes flotantes. Porén, a Crise de Suez en 1956 foi motivo dunha gran participación por parte da RAF, que empregou avións con base en Chipre e Malta para as súas operacións. A confrontación malaia-indonesia (Konfrontasi) a principios da década dos 60 levou ao uso de avións da RAF, pero debido a unha combinación de hábil diplomacia e á ignorancia selectiva de certos eventos por ambos bandos, a confrontación nunca se transformou nunha guerra total.

A guerra das Malvinas en 1982 librouna principalmente o Exército e a Armada, debido a que o campo de batalla estaba localizado fóra do alcance dos avións da RAF con bases terrestres. Porén, despregáronse avións na Illa de Ascensión e a bordo de portaavións da Armada. As misións de máis alto perfil neste conflito foron as famosas incursións "Black Buck" que empregaron avións Avro Vulcan con base na illa de Ascensión. Porén, a RAF prestou outros moitos servizos durante esta guerra cos seus helicópteros nas mesmas illas Malvinas, os seus Harrier GR3 voando dende o portaavións HMS Hermes, os seus cazas protexendo Ascensión, avións de patrulla marítima escrutando o Atlántico Sur, e a súa frota de avións cisterna e de transporte que axudaron no enorme esforzo loxístico esixido pola guerra.

Actualidade

[editar | editar a fonte]

En 1991, máis de 100 avións da RAF tomaron parte na guerra do Golfo. Dito conflito marcou un fito na historia da RAF, xa que foi a primeira vez que usou municións guiadas con precisión en cantidades significativas. Máis tarde, a guerra de Kosovo en 1999 deu lugar ao despregue da RAF en Europa por vez primeira dende a segunda guerra mundial. A invasión de Afganistán de 2001 levou á RAF a proporcionar apoio aos Estados Unidos mediante a subministración de avións cisterna e de recoñecemento.

A invasión de Iraq de 2003 fixo que a RAF se despregase a grande escala apoiando á USAF estadounidense. As súas únicas perdas debéronse a accidentes e a fogo amigo cando un Tornado foi derrubado por un mísil Patriot estadounidense.

  1. "RAF - Frequently Asked Questions". web.archive.org. 2012-08-10. Archived from the original on 10 de agosto de 2012. Consultado o 2024-04-18. 
  2. "RAF - Role of the RAF". web.archive.org. 2012-08-10. Archived from the original on 10 de agosto de 2012. Consultado o 2024-04-18. 
  3. "RAF - Role of Air Power". web.archive.org. 2012-08-10. Archived from the original on 10 de agosto de 2012. Consultado o 2024-04-18. 
  4. "RAF - World War I". web.archive.org. 2012-08-13. Archived from the original on 13 de agosto de 2012. Consultado o 2022-02-01. 
  5. "RAF - RAF Timeline 1945-1949". web.archive.org. 2012-08-12. Archived from the original on 12 de agosto de 2012. Consultado o 2022-02-01. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]