Sweep-picking
Técnica de execución aplicada nas guitarras eléctricas, consistente en interpretar os acordes como notas sucesivas, de tal xeito que a puga vaia esbarando polas sucesivas cordas, o que se consegue normalmente mantendo unha inclinación da puga aproximada de 45 graos.
A cada corda correspóndelle así unha nota: se dúas ou máis notas coinciden na mesma, interprétanse mediante ligados (ben por Hammer on, Pull off ou Tapping). Ademais, os acordes a interpretar con esta técnica serán sempre pechados (sen tocar ningunha corda ó aire).
A principal virtude desta técnica é permitir unha elevada velocidade de execución, ademais de ser relativamente sinxela.
Un dos expoñentes desta técnica foi Yngwie Malmsteen. Esta técnica desenvolveuse para que os guitarristas puidesen interpretar na guitarra eléctrica melodías clásicas de violín.