Sylvia Beach
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Sylvia Nancy Woodbridge Beach 14 de marzo de 1887 Baltimore, Estados Unidos de América |
Morte | 6 de outubro de 1962 (75 anos) París, Francia |
Lugar de sepultura | Cemitério de Princeton (pt) |
Actividade | |
Campo de traballo | Libraría e editorial |
Ocupación | enfermeira, tradutora, bibliotecaria, xornalista de opinión, editora literaria, editora, escritora, autobiógrafa, libreira |
Obra | |
Arquivos en |
|
Familia | |
Parella | Adrienne Monnier |
Pai | Sylvester Woodbridge Beach |
Descrito pola fonte | American Women Writers |
Sylvia Beach, nada en Baltimore (Maryland) o 14 de marzo de 1887 e finada en París o 5 de outubro de 1962, nada co nome de Nancy Woodbridge Beach, foi unha libreira e editora estadounidense asentada en Francia, onde foi unha das figuras expatriadas destacadas entre a primeira e a segunda guerra mundial.[1]
É coñecida pola súa libraría parisiense, Shakespeare and Company, onde publicou o libro de James Joyce Ulises (1922), e apoiou a edición do primeiro libro de Ernst Hemingway Three Stories and Ten Poems (1923).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Foi a segunda das tres fillas de Sylvester Beach and Eleanor Thomazine Orbison. A súa irmá máis vella era Holly, e a menor Cyprian.[2] Naceu na casa reitoral do seu pai. Se ben lle puxeron Nancy pola súa avoa materna, decidiu mudar o nome por Sylvia. Os seus avós maternos eran misioneiros na India, e o seu pai un sacerdote presbiteriano, descendente dunha saga de clérigos. Cando as rapazas eran novas a familia viviu en Baltimore e Bridgeton (Nova Jersey). En 1901 mudáronse a Francia logo de que Sylvester Beach fose destinado á Igrexa Americana en París, e nomeado director do centro de estudantes estadounidense.[1]
Beach estivo en París entre 1902 e 1905, regresou a Nova Jersey en 1906 cando o seu pai foi nomeado sacerdote da Igrexa Presbiteriana de Princeton. Beach fixo varias viaxes a Europa, viviu dous anos en España e traballou na Comisión Balcánica da Cruz Vermella. Durante os últimos anos da primeira guerra mundial regresou a París para estudar literatura francesa contemporánea.[1]
Facendo investigacións na Bibliothèque nationale de France deu nun xornal co nome dunha libraría de libros descatalogados, La Maison des Amis des Livres, no nº 7 da rúa de l'Odéon, no distrito 6[3]. Alí foi acollida pola propietaria, Adrienne Monnier, coa que conviviría e da que sería amante durante 36 anos[4] até o suicidio desta en 1955.
Beach montou a súa propia libraría, centrada en literatura en lingua inglesa, que nomeou Shakespeare and Company, no nº 8 da rúa Dupuytren, París VI.[1] Durante a Gran Depresión a libraría sufriu dificultades para saír adiante. En 1936 André Gide organizou un grupo de escritores no club chamado Friends of Shakespeare and Company, para que cada un pagase 200 francos ao ano para levar a cabo lecturas na libraría. Por entón acadou bastante sona. Aguantou aberta durante a toma de París en 1940, mais viuse obrigada a pechar a finais de 1941.[5]
En 1956 Beach escribiu Shakespeare and Company, unha memoria dos anos de entreguerras que detalla a vida cultural de París, con mencións a James Joyce, D. H. Lawrence, Ernest Hemingway, Ezra Pound, T. S. Eliot, Valery Larbaud, Thornton Wilder, André Gide, Leon-Paul Fargue, George Antheil, Robert McAlmon, Gertrude Stein, Stephen Benet, Aleister Crowley, Harry Crosby, Caresse Crosby, John Quinn, Berenice Abbott e Man Ray entre outros.
Logo do suicidio de Monnier en 1955, Beach tivo unha relación con Camilla Steinbrugge.[4][6] Seguiu vivindo en París até a súa morte en 1962, e foi soterrada no cemiterio de Princeton. O seu legado ficou arquivado na Universidade de Princeton.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sylvia Beach |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Sylvia, Beach (1991) [1959]. Shakespeare and Company (New Bison Book ed.). University of Nebraska Press. ISBN 0-8032-6097-0.
- Fitch, Noël Riley (1 de xuño de 1983). Sylvia Beach and the Lost Generation: A History of Literary Paris in the Twenties and Thirties. W W Norton & Co Inc. ISBN 0-393-01713-3.
- Dwight Garner (18 April 2010). "Ex-Pat Paris as It Sizzled for One Literary Lioness". New York: The New York Times. Consultado o 16 de setembro de 2011.
- Glass, Charles (2009). Americans in Paris: Life and Death Under Nazi Occupation. London: Harper Collins. ISBN 978-0-00-722853-9.
- Griffin, Lynne; Kelly McCann (1992). The Book of Women. Holbrook, MA: Bob Adams, Inc. ISBN 1-55850-106-1.
- Leduc, Violette; Coltman, Derek (2003) [1964]. La Bâtarde (The Bastard). Champaign, Illinois: Dalkey Archive Press. ISBN 978-1564782892.
- Jo Lennan ano = 2014. "Paris: 10 Things to Do #4 Shakespeare and Company Bookshop". Time. Consultado o 2014-10-14.
- Monnier, Adrienne; McDougall, Richard (1996) [1976]. The Very Rich Hours of Adrienne Monnier. Lincoln, NE: University of Nebraska Press. ISBN 978-0-8032-8227-8.
- Alix Sharkey (3 de marzo de 2002). "The Beats go on". London: The Observer magazine. Consultado o 16 de setembro de 2011.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sylvia Beach Papers na Princeton University Library
- Sylvia Beach Collection Arquivado 10 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. no Harry Ransom Center e a University of Texas at Austin
- Materiais de Sylvia Beach, correspondencia, e The James Joyce Collection na University at Buffalo Libraries
- Beach interview 1962 Vídeo no YouTube