Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Tratado de Versalles

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fotografía da sinatura do Tratado de Versalles.
Película muda americana sobre a sinatura do tratado de Versalles.

O tratado de Versalles é un tratado de paz asinado o 28 de xuño de 1919, exactamente cinco anos despois do asasinato do arquiduque Francisco Fernando de Austria, entre os países aliados e Alemaña que puxo un fin oficialmente á primeira guerra mundial. Entrou en vigor o 10 de xaneiro de 1920. Aínda que o armisticio, asinado o 11 de novembro de 1918, rematara coa loita real, levou seis meses de negociacións na Conferencia de Paz de París rematar o tratado de paz. Este foi rexistrado na Secretaría da Liga de Nacións o 21 de outubro de 1919.

O tratado de Versalles naceu de resultas da Conferencia de Paz de París de 1919, e foi firmado de antemán por Alemaña, xa na súa fase da República de Weimar. Tras seis meses de deliberación, o tratado foi ratificado o 10 de xaneiro de 1920. A sinatura do tratado fíxose, de xeito simbólico, na Sala dos Espellos do Palacio de Versalles, o mesmo lugar onde fora proclamado o Imperio Alemán o 18 de xaneiro de 1871.

Negociacións

[editar | editar a fonte]

As negociacións entre os Aliados comezaron o 18 de xaneiro no Salle de l'Horloge (salón do reloxo) do Ministerio de Asuntos Exteriores francés. Inicialmente participaron 70 delegados de 27 nacións. Ao ser derrotadas, Alemaña, Austria e Hungría foron excluídas das negociacións. Rusia tamén foi excluída debido a que negociara un tratado de paz con Alemaña por separado en 1918, no cal Alemaña gañara unha gran parte de terras e recursos rusos. Os termos do tratado foron estremadamente duros, como sinalarían posteriormente os negociadores de Versalles.

Ao principio un "consello de dez", formado por dous delegados do Reino Unido, Francia, os Estados Unidos, Italia e o Xapón, reuniuse oficialmente para decidir os termos da paz. Este converteuse no "Big Four" cando o Xapón se retirou e os principais delegados das outras catro nacións se reuniron en 145 sesións a porta pechada para tomar a meirande parte das grandes decisións, que posteriormente serían ratificadas por toda a asemblea. Ademais dos problemas italianos, as principais condicións determináronse en reunións persoais entre os líderes das tres principais nacións: o primeiro ministro británico David Lloyd George, o primeiro ministro francés Georges Clemenceau, e o presidente estadounidense Woodrow Wilson.

As nacións menores asistiron a unha conferencia plenaria dunha semana onde se discutiron problemas un foro xeral pero na que non se tomaron decisións. Estes membros formaron ao redor de 50 coisións que realizaron varias recomendacións, moitas das cales serían incorporadas ao tratado final.

Obxectivos franceses

[editar | editar a fonte]

Como única gran potencia aliada que compartía fronteira terrestre con Alemaña, Francia quería principalmente debilitar a Alemaña o máximo posible. O primeiro ministro Georges Clemenceau describiu a posición francesa dicíndolle a Wilson: "América está moi lonxe, protexida polo océano. Nin sequera o propio Napoleón podería tocar Inglaterra. Ámbolos dous estades protexidos; nós non". Clemenceau desexaba levar a fronteira francesa ata o Rin ou crear un estado tapón en Renania, pero esa demanda non foi recollida no tratado. En cambio Francia obtivo a desmilitarización de Renania, un mandato sobre o Sarre e promesas dos anglo-americanos de apoio en caso dunha nova agresión alemá, aínda que os Estados Unidos non ratificaron o tratado.

Francia, que sufrira moito dano e as maiores perdas humanas entre os aliados, mantívose firme no pago das indemnizacións. O fracaso da República de Weimar para pagar as reparacións conduciron á ocupación do Ruhr por forzas francesas e belgas.

Obxectivos británicos

[editar | editar a fonte]

O Reino Unido sufrira pouca devastanción no seu territorio durante a guerra e o primeiro ministro David Lloyd George apoiou as reparacións en menor medida que os franceses. O país comezou a ver a restaurada Alemaña como un iportante socio comercial e preocupáballe o efecto que puidesen ter as reparacións na economía británica.

Condicións do tratado

[editar | editar a fonte]
Alemaña despois do Tratado:      Administrado pola Sociedade de Nacións      Anexión polos países veciños      República de Weimar
Cambios territoriais en Europa como consecuencia da primeira guerra mundial.

Ao finalizar a primeira guerra mundial e declararse o armisticio, os Aliados reuníronse na Conferencia de Paz de París (1919) para acordar os termos da paz con Alemaña, o antigo imperio Austrohúngaro —dividido en Austria e Hungría— e Bulgaria. As discusións dos termos da paz empezan o 18 de xaneiro de 1919 e foi presentado ante Alemaña en maio seguinte como única alternativa, o seu rexeitamento implicaría a reanudación das hostilidades.

A delegación e o goberno alemán consideraron o Tratado como un ditame imposto á forza sen un mecanismo de consulta ou participación. Particularmente molesto foi o precepto, incorporado no Tratado, da culpa e responsabilidade de Alemaña na iniciación da guerra. Isto converteuse nun elemento de tensión na política interna en Alemaña entre a dereita e os grupos nacionalistas —que rexeitaban de plano todo o Tratado, sendo partidarios da súa revogación—, e o centro liberal e os socialdemócratas —que trataban de suavizar as cláusulas máis daniñas contra Alemaña, tales como as reparacións económicas e o illamento diplomático. O tratado imponlle a Alemaña moitas sancións, tanto económicas, como militares e territoriais, que serían as causas para o nacionalismo alemán que desembocou no Terceiro Reich e na segunda guerra mundial.

As sancións impostas a Alemaña son as seguintes:

O tratado estableceu a creación da Sociedade de Nacións, un obxectivo prioritario do presidente dos Estados Unidos, Woodrow Wilson. O propósito desta organización era mediar como árbitro nos conflitos entre as nacións para previr que se chegase a un enfrontamento bélico.

Estrutura do tratado

[editar | editar a fonte]
A sinatura do Tratado de Versalles, pintado por William Orpen.
  • O Pacto da SN (artigos 1 ao 26 e anexo).
  • Parte II As Fronteiras de Alemaña (artigos 27 ao 30).
  • Parte III cláusulas para Europa (artigos 31 ao 117 e anexos).
  • Parte IV Dereitos e intereses alemáns fose de Alemaña (artigos 118 ao 158 e anexos).
  • Parte V Cláusulas militares, navais e aéreas (artigos 159 ao 213).
  • Parte VI Prisioneiros de guerra e cemiterios (artigos 214 ao 226).
  • Parte VII Sancións (artigos 227 ao 230).
  • Parte VIII Reparacións (artigos 231 ao 247 e anexos).
  • Parte IX Cláusulas financeiras (artigos 248 ao 263).
  • Parte X Cláusulas económicas (artigos 264 ao 312).
  • Parte XI Navegación aérea (artigos 313 ao 320 e anexos).
  • Parte XII Portos, vías marítimas e vías férreas (artigos 321 ao 386).
  • Parte XIII Organización Internacional do Traballo (artigos 387 ao 399).
  • Procedementos (artigos 400 ao 427 e anexo).
  • Parte XIV Garantías (artigos 428 ao 433).
  • Parte XV Previsións, misceláneas (artigos 434 ao 440 e anexo).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]