Unión del Pueblo Leonés
Unión del Pueblo Leonés (UPL) | |
---|---|
Partido político do País Leonés | |
Dirixentes e organización | |
Líder | Javier Chamorro (Presidente) Melchor Moreno (Secretario Xeral) |
Historia | |
Fundación | 1986 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Leonesismo |
Outros datos | |
Na rede | |
www.upl.es/ | |
Unión del Pueblo Leonés é un partido político español de carácter leonesista que arela conseguir que León, Zamora e máis Salamanca (provincias correspondentes co antigo Reino de León e integrantes do denominado País Leonés, que constituíu unha rexión de seu trala división territorial de 1833) formen unha comunidade autónoma propia.
O xerme naceu coa Unión Leonesista (UNLE), organización política creada no ano 1986 por un grupo de persoas procedentes de movementos leonesistas e de partidos políticos estatais (AP, UCD, PSOE ou o PSP), que crían que a integración da rexión de León na comunidade de Castela e León suporía a fin do Antigo Reino.
A unión da UNLE con outros seis grupos leonesistas, en febreiro do 1991, orixinou a nacemento oficial da UPL, so o liderado de José María Rodríguez de Francisco, até entón concelleiro independente no Concello de León.
No 2003, a Unión del Pueblo Leonés atinxiu un aumento en votos e concelleiros, mais reduciu a súa representación na corporación da cidade de León, que gobernara en coalición co Partido Popular. A UPL pasou naquela altura a apoiar nese concello ao Partido Socialista Obrero Español, en prexuízo do Partido Popular, encabezado por Mario Amilivia.
Outramente presentouse, por vez primeira, na provincia de Zamora, obtendo o goberno en cinco concellos con maioría absoluta, e mesmo o doutros, mercé o apoio doutras formacións; o balance total foi de máis de 50 concelleiros elixidos de UPL, o que o converteu na terceira forza desa provincia.
Porén, a posibilidade de ter en España un presidente de goberno leonés, o socialista José Luis Rodríguez Zapatero, afectou o electorado leonesista, polo que nas eleccións xerais do 14 de marzo de 2004, o partido acadou uns resultados modestos.
Con todo, a UPL conta con cerca de catro mil afiliados, e espallouse noutras provincias, que contan na actualidade con comité propio, así en Zamora, Salamanca e Madrid.
En xuño de 2006, sendo secretario Abel Pardo Fernández, asinouse en Salamanca un acordo co partido Unión del Pueblo Salmantino e mais a organización de mocidade Conceyu Xoven, para presentarse conxuntamente nas eleccións municipais de 2007, polo que por primeira vez na súa historia terá candidaturas en tódalas provincias do País Leonés.
Resultados electorais
[editar | editar a fonte]Locais
[editar | editar a fonte]Nas eleccións municipais de 2003, a UPL obtivo 45.791 votos (2,95% dos votos de toda Castela e León) que se traduciron en 230 concelleiros, Nos comicios de 2007, acadaron 32.004 votos na provincia de León, o 2,13%, e 163 edís.[1] Tres destes foron en León, dous menos que no 2003, mais onde posuían a chave da alcaldía, outros tres en Sahagún, un en Astorga e catro en Villaquilambre, onde perdían a maioría absoluta. En Zamora, a coalición ZU-UPL obtivo 2.186 votos e 27 concelleiros.[2] Na lexislatura 2003-2007, a UPL dispuxo de dous deputados na Deputación Provincial de León, que minguarían nun nas elección do 2007.[3]
Nas eleccións autonómicas
[editar | editar a fonte]Nesta táboa amósanse os resultados da Unión del Pueblo Leonés nas elección autonómicas do 2003 e 2007:
Resultados electorais leonesistas nas eleccións autonómicas | ||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Circunscrición | 2003 | 2007 | ||||||||
Votos | % | Procuradores | Votos | % | Procuradores | |||||
León | 56.136 | 18,13 | 2 | 40.296 | 13,60 | 2 | ||||
Zamora | 3.921 | 3,06 | 0 | 686 | 0,56 | 0 | ||||
Salamanca | - | - | 0 | - | - | 0 | ||||
Total | 60.057 | 9,14 | 2 | 40.982 | 6,49 | 2 |
Nas eleccións xerais
[editar | editar a fonte]Nas eleccións xerais españolas de 2008, a UPL presentouse só en León, obtendo 4.314 votos (1,34% da circunscrición leonesa), unha considerable mingua con respecto aos resultados das xerais anteriores, nos que conseguira 13.406 votos en León (4% da circunscrición) e 754 en Zamora, onde si se presentara.[4] Os resultados no Senado foron lixeiramente mellores, situándose entre 7.870 e 6.165 votos.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Resultados de las elecciones municipales de 2007". Arquivado dende o orixinal o 05 de xuño de 2007. Consultado o 16 de outubro de 2008.
- ↑ ZU é o partido menos votado na capital, pero logra 27 concelleiros na provincia
- ↑ "Resultados das eleccións locais de 2007 con respecto ás deputacións provinciais". Arquivado dende o orixinal o 01 de xuño de 2007. Consultado o 16 de outubro de 2008.
- ↑ "Resultados de UPL en las elecciones de 2008 al Congreso de los Diputados". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2008. Consultado o 16 de outubro de 2008.
- ↑ Resultados de León nas eleccións de 2008 ao Senado Arquivado 13 de marzo de 2008 en Wayback Machine..