Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Uruk

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaUruk
Imaxe

Localización
Mapa
 31°19′33″N 45°38′15″L / 31.3259, 45.6374
EstadoIraq
ProvinciasGobernación de Al-Muthanna
CidadeSamawah Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie541 ha Editar o valor en Wikidata
Creación3200 a. C. Editar o valor en Wikidata
Parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade
Data2016 (40ª Sesión)
Identificador1481-005

BNE: XX462571

Uruk (en cuneiforme 𒌷𒀕 ou 𒌷𒀔 unugki, transliterado en sumerio como Unug; en acadio: 𒌷𒀕 ou 𒌷𒀔 Uruk (URUUNUG); na biblia en hebreo: Erech, grego Orchoë; en àrabe: الوركاء, al-Warkāʾ ou أوروك, Awrūk; en siríaco: ܐܘܿܪܘܿܟ, ‘Úrūk; en hebreo: אֶרֶךְ, ʼÉreḵ‎; en grego antigo: Ὀρχόη, Orchoē, Ὀρέχ, Orékh, Ὠρύγεια, Ōrugeia) foi unha cidade antiga de Sumeria, situada ao leste do leito do río Éufrates, na liña da antiga canle Nil, nunha rexión pantanosa a 225 km ao sur-sueste de Bagdad. Correspóndese coa Érec bíblica e, actualmente, con Warka, na República de Iraq.[1]

No comezo do chamado Período Dinástico Arcaico, polo 2900 a. C., Uruk ocupaba unhas 400 ha,[2] e dispuña dunha rede de canles fluviais que a conectaban co río Éufrates mediante un feixe de pontes.

No seu apoxeo Uruk probablemente tiña entre 50 000 a 80 000 habitantes nunha zona amurallada duns 6 km2, a maior cidade do mundo nesa época. Uruk foi unha das primeiras cidades do mundo, cunha gran poboación formada por xente da rexión no canto de estar unida por vínculos familiares como era típico dos pobos e vilas de eras previas. Uruk foi testemuña do xurdimento da civilización na Mesopotamia coa súa burocracia, e a súa sociedade estratificada e militar, estivo habitada durante 5 000 anos, desde a cultura de El Ubaid ata a época parta.

A teoría de que o nome moderno de Iraq deriva do nome Uruk non está comprobada.

Tras unha visita en 1849, William Kennett Loftus, identificouna como "Erech", coñecida como "a segunda cidade de Nimrod",[3] e dirixiu as primeiras escavacións entre 1850 a 1854.

En xullo de 2016, a UNESCO, elixiu o sitio arqueolóxico de Uruk como Patrimonio da Humanidade, como "parte dos restos arqueolóxicos de asentamentos sumerios na Baixa Mesopotamia, que floreceron entre o III e IV milenio a. C. no delta pantanoso formado polos ríos Tigris e Éufrates".[4]

A cidade de Uruk en Mesopotamia

Uruk xurdiu da fusión de dous barrios xemelgos: Kullaba ao oeste e Eanna cara o leste, cada un deles co seu propio santuario (Kullaba tiña como patrón o deus Anu e Eanna, a deusa Inanna). No centro de Eanna atópase un gran cigurat construído por Ur-nammu (2112 - 2095 a. C.), recobre un gran templo sobre plataforma datable no Período Jemdet Nasr.

Os niveis arqueolóxicos mais profundos datan do período de El Ubaid (século XVIII - XV a. C.). A 500 m deste cigurat álzase o cigurat de Anu no barrio sumerio de Kullaba, mais estreito có outro pero máis alto, coroado por un santuario de 18×7 m, tamén do Período Jemdet Nasr.

Foi unha das cidades máis antigas e importantes de Sumeria. Foi a cidade capital de Gilgamesh, heroe protagonista da famosa Épica. Cóntase que as súas paredes construíronse por orde de Gilgamesh ou do seu predecesor Enmerkar quen tamén construíu, segundo se di, o famoso templo de Eanna, dedicado á adoración de Inanna ou Ishtar. Os voluminosos arquivos do templo, do Imperio Neobabilónico, documentan as funcións sociais do templo como centro de redistribución. En tempos de fame negra, unha familia dedicaba un fillo ao templo como ofrenda.

Uruk desempeñou un papel moi importante na historia política do país desde unha etapa temperá, exercendo unha hexemonía en Babilonia nun período anterior a Sargón de Acad. Despois foi prominente nas loitas nacionais contra os elamitas ao redor de 2000 a. C., na cal sufriu severamente. Recordos destes conflitos atópanse na Epopea de Gilgamesh.

De acordo coa historia dos reis sumerios, Uruk foi fundado por Enmerkar, quen trouxo a sede real con el desde a cidade de Eanna. Outros reis históricos de Uruk inclúen Lugalzagesi de Umma, quen conquistou Uruk, e Utuhegal.

Oppenheim afirma que, "En Uruk, na zona sur da Mesopotamia, a civilización sumeria parece que alcanzou a súa cúspide creativa. Isto aparece repetidas veces nas referencias a esta cidade en textos relixiosos e especialmente en textos literarios, incluíndo aqueles de contido mitolóxico; a tradición histórica preservada na lista de reis Sumerios confírmao. O centro do poder político desprazouse posteriormente de Uruk a Ur."

Na Biblia

[editar | editar a fonte]

Segundo a Biblia (Xénese 10:10), Erech, probablemente Uruk, foi a segunda cidade fundada por Nimrod. Parece que tamén foi o fogar dos archavitas, exiliados por Asnapper a Samaria (Esdras 4:9-10). Os sitios mencionados en Ezra atópanse todos na zona sur da Mesopotamia, e parecería que Asnapper podería ser o rei asirio Asurbanipal, quen levou a cabo a campaña contra estes babilonios do sur.

Arqueoloxía

[editar | editar a fonte]

A primeira escavación de Uruk realizouna un equipo alemán guiado por Julius Jordan antes da primeira guerra mundial. Esta expedición regresou en 1928 e fixo escavacións posteriores ata 1939. En 1954 regresou baixo a dirección de H. Lenzen e realizáronse escavacións sistemáticas nos anos seguintes. Estas escavacións deron con algúns dos documentos sumerios máis antigos e unha gran cantidade de táboas legais do período seléucida, publicadas posteriormente por Adam Falkenstein e outros epigrafistas alemáns.

  1. Harmansah, Ömür (12 de xullo de 2012). The Joukowsky Institute of Archaeology, ed. "The Archaeology of Mesopotamia: Ceremonial centers, urbanization and state formation in Southern Mesopotamia". proteus.brown.edu (en inglés). Consultado o 26 de outubro de 2024. 
  2. Roux (1987), p. 83
  3. Loftus (1857), p. 160
  4. "Refugio de biodiversidad de los “ahwar” y paisaje arqueológico de las ciudades mesopotámicas del Iraq Meridional". whc.unesco.org (en castelán). Consultado o 26 de outubro de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]