Virxindade
A virxindade é o estado no que algo se mantén como na súa orixe, sen sufrir alteración, en forma de pureza. Analogamente, a virxindade referida á sexualidade, é o estado daquela persoa que non tivo relacións sexuais. O significado preciso disto varía entre culturas, entre relixións e ata entre individuos.
A virxindade feminina
[editar | editar a fonte]En gran parte das culturas onde a virxindade ten importancia, refírese á virxindade da muller, para a cal se adoita usar como discriminante a existencia dun hime intacto ou non. Existen, entón, dúas definicións frecuentemente usadas para a virxindade para a muller: o non ter relacións sexuais, e o ter un hime intacto. Para a primeira atópase o problema de definir que é unha relación sexual. Para a segunda, unha muller pode participar doutras actividades sexuais e conservar o seu hime.
En relixións como a xudía e islámica, por ser un factor importante do valor espiritual, a virxindade é un requisito para o matrimonio. O cristianismo considera que as relacións sexuais fóra do ámbito do matrimonio son pecaminosas.
En varias culturas africanas aínda se practica a infibulación das nenas entre 2 e 8 anos de idade como xeito de preservar o hime e a virxindade. A operación é realizada por unha curandeira ou parteira, sen anestesia, e consiste nunha clitoridectomía seguida por un peche vaxinal permanente. Soamente se lles deixa unha pequena abertura para a emisión de ouriños e sangue menstrual. É frecuente que as nenas sufran infeccións graves como resultado da práctica. Anos máis tarde, a vulva ábrese cun coitelo inmediatamente despois do matrimonio ou antes dun parto.
Organizacións feministas e de dereitos humanos critican a importancia da virxindade da muller como un desprezo a esta, unha mostra de machismo que non debería afectar á propia intimidade e vida sexual de cada individuo.