Vjačeslav Ivanov
Vjačeslav Vsevolodovič Ivanov [1] (en cirílico Вячесла́в Все́володович Ива́нов), nado en Moscova o 21 de agosto de 1929 e finado o 7 de outubro de 2017[2], é un destacado filólogo e indoeuropeísta ruso, ben coñecido pola súa teoría glotálica do consonantismo protoindoeuropeo e por propoñer a localización da Urheimat deste pobo nas terras altas de Armenia e o Lago Urmia.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O pai de Vyačeslav Ivanov foi Vsevolod Ivanov, un dos escritores soviéticos máis prominentes. A súa nai era unha actriz que traballaba no teatro de Vsevolod Meyerhold.
Ivanov estudou na Universidade de Moscova e nela traballou ata 1958, cando o despediron a causa da súa simpatía con Boris Pasternak e Roman Jakobson. Por esa época xa fixera importantes contribucións aos estudos indoeuropeos e convertérase nun dos mellores coñecedores da lingua hitita.
Carreira
[editar | editar a fonte]Ao principio da década 1960-1970, Ivanov foi un dos primeiros estudosos soviéticos en tomar un profundo interese no desenvolvemento da semiótica. Traballou con Vladimir Toporov en varias monografías lingüísticas, incluído unha introdución ao sánscrito. En 1962 xunto con Toporov e Juri Lotman estableceu a Escola semiótica de Tartu-Moscova.
A partir de 1980 comeza a traballar con Tamaz Gamkrelidze nunha nova teoría das migracións indoeuropeas, pola que posteriormente avogaron no seu libro Indo-European and Indo-Europeans (1995). Entre 1989 e 1993 ocupou un posto no Soviet Supremo de Rusia. Simultaneamente creou o Instituto de Cultura Mundial e foi o titular da Cátedra de Teoría e historia da Cultura mundial na Universidade de Moscova.
Desde finais da década de 1990-2000 Ivanov comparte o seu tempo entre Moscova (onde ensina na Universidade Estatal Rusa para as Humanidades) e Os Ánxeles, onde imparte cursos na Universidade de California, Os Ánxeles. Tamén traballou como profesor nas Universidades de Stanford e Yale.
É membro de pleno dereito da Academia Rusa das Ciencias desde 1990, e foi Foreign Fellow da Academia Británica desde 1977.
Outros intereses
[editar | editar a fonte]Ademais dos seus intereses académicos, Vyačeslav Ivanov escribe poesía. Tamén leva publicados varios libros de memorias, entre os que destacan dous sobre as súas relacións con Boris Pasternak e Anna Akhmatova.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ ou Vyačeslav, ou Vyacheslav Vsevolodovich
- ↑ Ушел из жизни выдающийся ученый Вячеслав Иванов (en ruso)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Vyacheslav V. Ivanov e Thomas Gamkrelidze, The Early History of Indo-European Languages, Scientific American, vol. 262, nº3, 110-116, Marzo, 1990.
- Gamkrelidze, Tamaz V.; Vjacheslav V. Ivanov (1995). Indo-European and the Indo-Europeans. Mouton de Gruyter. ISBN 3-11-014728-9.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Lingüistas de Rusia
- Lingüistas da Unión Soviética
- Lingüistas da lingua hitita
- Indoeuropeístas
- Nados en Moscova
- Nados en 1929
- Finados en 2017
- Alumnos da Universidade Estatal de Moscova
- Profesores da Universidade Stanford
- Profesores da Universidade Yale
- Profesores da Universidade de California, Os Ánxeles
- Membros da Academia Británica