Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Voandeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voandeira
Aequipecten opercularis

Cunchas de Aequipecten opercularis
amosando a variabilidade das cores da cuncha.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Bivalvia
Orde: Ostreida
Familia: Pectinidae
Xénero: Aequipecten
Especie: A. opercularis
Nome binomial
Aequipecten opercularis
Sinonimia
  • Pecten opercularis Linnaeus, 1758

A voandeira[1] (Aequipecten opercularis, Linnaeus 1758; antes Chlamys opercularis) é un molusco bivalvo da familia dos pectínidos, semellante á vieira pero de menor tamaño.

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

A cuncha é practicamente circular, salvo na zona das orellas, coas valvas desiguais (algo máis convexa a valva esquerda ou superior que a dereita ou inferior [2]). Alcanzan tamaños máximos de 9 cm de lonxitude. Presentan de 19 a 22 costelas radiais que, á súa vez, están marcadas por finos sucos lonxitudinais e rugosidades transversais [3].

As dúas valvas están unidas por un ligamento externo e, interiormente, por outro ligamento triangular, negro.

As orellas (pequenas prolongacións a modo de aletas no vértice da cuncha) son desiguais, unha escotada e outra truncada [4]. Tamén están sucadas de finas costelas e rugosidades concéntricas.

A cor da cuncha mostra unha notable variabilidade pero sempre en tons claros [5]: castaña, rosada, rubia, marela, abrancazada, normalmente con variedade de debuxos. Ocasionalmente é branca, cunha liña marrón sobre cada costela.

Hábitat e bioloxía

[editar | editar a fonte]

Viven sobre fondos areosos ou de cascallo, desde augas superficiais da franxa intermareal ata profundidades de 200 metros.

Cando son pequenas mantéñense fixas a un substrato polo biso pero cando adultas son de vida libre e poden nadar grazas á rápidas contraccións dos músculos que pechan as valvas, expulsando a auga polo bordo do manto. Como o manto ten a capacidade de dirixir a saída da auga, poden deste xeito controlar a dirección do salto.

A voandeira é hermafrodita simultánea funcional, o que significa que madura como macho e como femia aínda que a liberación de gametos non coincide no tempo, para evitar a posibilidade de autofecundación. Tamén o é a vieira mentres que a zamburiña é hermafrodita alternativa.

Alcanza a madurez sexual ós tres meses de idade e pode iniciar o desove con 6 meses. Este prodúcese entre marzo e outubro.

Aliméntase por filtración, retendo nas branquias as partículas orgánicas suspendidas na auga.

Importancia pesqueira e comercial

[editar | editar a fonte]

Captúranse con rastros especiais (rastro da vieira) desde o barco. O talle mínimo de captura autorizado en Galicia é de 4 cm.

Consómese en fresco, sendo menos apreciada que a vieira, ou en conserva.

A voandeira é relativamente abundante nas costas galegas, ó contrario que a zamburiña, que é moi escasa ata darse case por desaparecida a partir do 2000, aínda que posteriormente volveu a capturarse, sempre en cantidades moi reducidas. Non obstante a presenza de zamburiña nos mercados mantívose constante porque se comercializaba como tal o que realmente era voandeira [6].

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para voandeira.
  2. Nótese que a vieira ten unha cuncha plana e outra convexa.
  3. Estas, menos marcadas que na cuncha da vieira.
  4. A zamburiña ten só unha orella.
  5. A zamburiña adoita ser de cor escura, violácea.
  6. "La zamburiña regresa a la costa gallega tras años de desaparición", en La Voz de Galicia, 26.02.2006.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA: Vieira, zamburiña e volandeira, 1990.
  • RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]